Heredeiros da Crus preparan unha festa galega en Madrid

Rolda de prensa de presentación do concerto © Airapro

Conquistar Madrid. Ese é o obxectivo que Heredeiros da Crus perseguen co concerto que están a organizar para o vindeiro 31 de maio na Sala Shoko. Dende logo, non será un concerto calquera, a música será o principal, pero haberá moito máis ca iso. A banda prepara toda unha excursión en vintecatro intensas horas á que están citados todos os seguidores e seguidoras dos de Ribeira.

O grupo fletará autobuses dende Galicia, que marcharán en caravana. E ao chegar haberá un xantar de confraternización entre os fans procedentes de Galicia e os residentes en Madrid. Na rolda de prensa de presentación do concerto, que tivo lugar no restaurante Galipizza, en Culleredo, Toñito de Poi destacou que "xa estivemos en Madrid, e xa triunfamos en Madrid, pero despois de tantos anos temos agora algo novo que ensinar na capital, e son os mellores fans do mundo”.

As entradas pódense adquirir en diferentes bonos, con distintos prezos: entrada e xantar a 32 euros, entrada e bus a 40 euros, e entrada con xantar e bus a 55 euros. Para quen prefira asistir só ao concerto, a entrada terá un prezo de 12 euros na modalidade anticipada e de 18 euros en taquilla. Froito da colaboración con Galipizza, os autobuses farán paradas na autovía nas que os fans poderán degustar as pizzas e hamburguesas deste restaurante, que tamén servirá a cea na propia sala do concerto á noite.

A banda confirmou que este verán ofrecerán un concerto no Barbanza, o seu primeiro na comarca dende o seu regreso aos escenarios en marzo de 2012

Na rolda de prensa, a banda confirmou que este verán ofrecerán un concerto no Barbanza, o seu primeiro na comarca dende o seu regreso aos escenarios en marzo de 2012. Esta era unha das grandes demandas dos seguidores dos Heredeiros da Crus, que non teñen ocasión de josar cos seus ídolos na súa terra desde hai máis de dez anos. Aínda que a localidade non está pechada, o concerto terá lugar, con toda probabilidade, entre os meses de xuño e xullo, e o prezo da entrada será de 10 euros, precisamente para favorecer a asistencia de público.

Cartaz do concerto Dominio Público Airapro
Rolda de prensa de presentación do concerto © Airapro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.