Heredeiros da Crus presentarán o seu novo disco, ‘Jard Rock con Fe’, o 24 de maio en Ordes

Capa do disco Dominio Público Heredeiros da Crus

Case dez anos despois da publicación do seu último álbum con temas novos Heredeiros da Crus teñen listo o seu novo traballo: Jard Rock con Fe. E quentiño do forno presentarano o vindeiro 24 de maio na discoteca LP45 de Ordes nun concerto exclusivo e de seguro multitudinario, para o que dende este mesmo venres se poderán mercar as entradas a través da rede. A partir do luns estarán tamén dispoñible en varios puntos de vendas físicos en Galicia, detallados na páxina web da banda. A entrada custará 25 euros e incluirá o propio álbum en formato CD. O pasado ano a LP45 quedara pequena para os milleiros de fans que non quixeran perder o concerto de retorno da banda e que, de feito, esgotaran as entradas en menos dunha semana.

Ofrecerán un concerto na discoteca LP45. As entradas custarán 25 euros co disco incluído e estarán á venda en internet desde este venres

Tucho, Javi Maneiro, Tonhito de Poi, Fran Velo e Manu Rey, acompañados de Xosé A. Touriñán, presentaron este xoves os detalles do álbum, do que xa se pode escoitar o primeiro single, A Duquesa de Poi, que xa se pode escoitar desde a nova web do grupo. Prometeron que o disco "manterá intacto o espírito roqueiro e gamberro" que iniciaron os de Ribeira hai xa máis de 20 anos: "letras irreverentes, linguaxe desenfadada e 100% galega e, sobre todo, moito, moito rocanrol". Xa o primeiro single do disco, A Duquesa de Poi, é un temazo "cañero e cun toque glam" que conta a historia real de Manuela, a avoa de Tonhito de Poi (a mesma que protagonizara a emblemática portada de A Cuadrilla de Pepa a Loba), "unha brava muller que na posguerra se enfrontou ás autoridades locais do Barbanza mofándose dun político local con moito humor… e un cocho de por medio".

O primeiro single do disco, A Duquesa de Poi, é un temazo "cañero e cun toque glam" que conta a historia real de Manuela, a avoa de Tonhito de Poi

Durante a rolda de prensa, Fran Velo, baixista do grupo, explicou que o disco foi o proceso natural despois da xira de rejreso do ano pasado: “Despois da xira de verán decidimos volver, e ao longo do inverno foron saíndo os temas”. Ademais, destacou que os Heredeiros podían “ter ido a gravar a Londres ou Los Ángeles”, pero preferiron “quedar na casiña”. Jard Rock con Fe gravouse durante o mes de marzo entre os estudos Bruar da Coruña e, sobre todo, as instalacións da Escola Municipal de Música de Boiro. Para Javi Maneiro, o álbum “é o disco de Heredeiros onde mellor se escoita a voz, onde mellor se entende todo” e co que quedou "máis satisfeito" co seu traballo como cantante: “Foi moito esforzo por parte de todos, xuntarnos, compoñer, crear, aturarnos…”, dixo. Tucho encargouse de bromear co aforo previsto para o concerto de Ordes, que se prevé menor có do ano pasado para que o público estea máis cómodo: “Haberá menos xente, si: tres persoas menos”. Pola súa parte, Manu Rey, o bateria nesta nova etapa de Heredeiros, dixo estar “orgulloso” de formar parte de Heredeiros.

Na rolda de prensa tamén se puideron escoitar varios temas do disco, como Non che teño medo, Corasón de Carballo ou María (unha balada composta por Tucho e dedicada a unha amiga de xuvenude falecida, explicou). Ademais, entre todos os internautas que tuitearon sobre o disco ao longo da tarde Airapro sorteará dúas entradas para o concerto do día 24.

Presentación do álbum © Airapro
Capa do disco © Heredeiros da Crus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.