Heredeiros da Crus reparten entradas para o concerto de presentación do seu novo álbum

Cartaz do concerto © Airapro

Queres entrar pola cara no concerto de Heredeiros da Crus? Ao longo deste martes a banda repartirá de balde cinco entradas dobres que están agochadas nalgún lugar de Lugo, Ourense, Compostela, Vigo e A Coruña. Están metidas nun sobre e estratexicamente situadas nalgún lugar da cidade. Os fans máis rápidos e atentos poderán buscalas, atopalas e gozalas grazas a fotos e pistas que se irán publicando durante todo o día no Facebook de Heredeiros da Crus. O xogo comezará ao mediodía e durará até o final da xornada.

Os gañadores ou gañadoras aforrarán deste xeito os 25 euros que custa a entrada -con cd de agasallo- para o concerto que este venres 24 de maio a partir das 22 horas ofrecerá a banda na discoteca LP45 de Ordes. Nese momento presentarán en directo Jard Rock con Fe, o noveno disco da súa carreira. Até o venres (cando tamén se poderán mercar na billeteira de LP45), as entradas están dispoñibles a través da Airapro Tenda.

Cartaz do concerto © Airapro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.