Home Movie Day: Para filmes, mellor os da casa

Cartaz do Home Movie Day organizado polo pub Atlántico, en Compostela Dominio Público Praza Pública

Tes películas ou gravacións caseiras e cres que todo o mundo debería velas ou, cando menos, non che dá vergoña amosalas? Ou, pola contra, es do que sente unha atracción morbosa por este tipo de filmes? O Home Movie Day é o teu día. Comezou a celebrarse no ano 2002, primeiro en agosto e dende hai uns ano o segundo sábado de outubro. Consiste, simplemente, na creación de eventos en bares, centros culturais ou no local que sexa, cunha convocatoria aberta para que todo aquel que queira exhibir os seus filmes o faga. 

O pub Atlántico de Compostela celebrarao este mércores 6 de novembro, cun par de semanas de atraso con respecto á data oficial. Admítense todo tipo de "películas familiares", en calquera soporte: DVD, super 8, VHS, diapositivas... "Tes películas caseiras tiradas no armario?, agora podes velas en toda a súa gloria proxectadas en equipo orixinal. Simplemente trae as túas pelis e revisarémolas para a súa proxección", destacan na presentación do evento.

O Home Movie Day foi gabado por cineastas como John Waters, Steve Martin, Ken Burns ou Martin Scorsese, que destacaron o valor e as virtudes das películas caseiras. Por exemplo, John Waters destacou que "non hai películas caseiras malas. Estas mini-obras mestras do underground son reveladoras, terroríficas, divertidas, sempre cheas de arte accidental, e claman dende os desváns e armarios do mundo para ser vistas de novo. Home Movie Day é unha orxía de autodescubertas, unha oportunidade para que os recordos familiares se convirtan de súpeto en espectáculo. Se tes unha, sácalle o po ensínaa".

O Home Movie Day foi gabado por cineastas como John Waters, Steve Martin, Ken Burns ou Martin Scorsese, que destacaron o valor e as virtudes das películas caseiras

Steve Martin salientou que o Home Movie Day "e importante porque as nosas vidas e anosa verdade están gravadas en películas caseiras". E o documentalista Ken Burns dixo delas que son "a oportunidade perfecta para que a xente conecte co seu pasado e para facer xurdir a conversa sobre a necesidade de preservar a nosa herdanza cultural de cara ao futuro". O mesmo pensa o mesmísimo Martin Scorsese, que afirmou que "conservar o noso legado fílmico non se limita ás películas comerciais. Os filmes caseiros non só rexistran momentos privados importantes na vida das nosas familias, senón tamén documentos históricos e culturais de valor".

Cartaz do Home Movie Day organizado polo pub Atlántico, en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.