"Penso que trasladei o que sinto, os problemas que vexo na miña xeración, a Adelina", conta Sandra Lodi sobre a protagonista do seu primeiro cómic, Premio Castelao 2024
A ilustradora, deseñadora e artista plástica Sandra Lodi (Lugo, 1990) está a percorrer o país co seu primeiro cómic, Adelina, a historia dunha muller que foxe da residencia de maiores na que vive e inicia un periplo para volver ao seu fogar. Un camiño no que deixa claro que mantén a súa dignidade intacta. Esta obra, publicada por Galaxia o pasado mes de novembro, recibiu o Premio Castelao de banda deseñada na edición de 2024, un galardón outorgado dende a Deputación da Coruña, que se está a esforzar en dar a coñecer as artistas galegas do cómic.
Cantas cousas fai Adelina que nos gustaría facer a nós.
Agora que vai pasando o tempo e vou reflexionando máis, penso que trasladei o que sinto, os problemas que vexo na miña xeración, a esa señora maior. Na obra están presentes moitos exemplo da situación da nosa xeración, que está un pouco perdida, ten que agradar sempre, ten que dicir sempre que si e adaptarse a todo... Creo que incluso incomoda un pouco a mala hostia que chega a ter a personaxe de Adelina, pero ela sabe dicir que non e imponse á sociedade que estamos construíndo.
Tiña a vontade de retratar a falta de empatía presente na sociedade actual?
Baseei un pouco a historia nun filme dos anos noventa que me gusta moito, Un día de furia, que se cadra non envelleceu moi ben, pero é unha película moi entretida e dinámica na que un personaxe decide deixalo todo e volver a súa casa, e no camiño ten que enfrontarse a diferentes circunstancias na cidade ata que o consegue. Hai certas similitudes coa cinta, pero despois deixeime levar pola miña intuición e seguín os pasos que pensei que tería que dar ela realmente se marcha da residencia de maiores e quere regresar a súa casa. Por iso, o primeiro que ten que facer é comer algo, que está sen almorzar. Logo vai ao banco porque precisa dos seus aforros, e despois o paso polo salón de peiteado, pois hai que entender que ela non se ve como se sinte, e quere mudar iso.
O que si é certo é que todos eses personaxes cos que ela se vai atopando seguen o mesmo patrón, obedecen uns dogmas ou unha política de empresa da que non se moven, parece que non pensan por si mesmos. Entra unha señora nunha pastelería dicindo que ten fame e en lugar de crela, pensan que é unha tola. Semella que estamos como automatizados e que somos todos iguais. O que quero é quen lea o cómic se faga preguntas.
"Todos eses personaxes cos que Adelina se vai atopando seguen o mesmo patrón, obedecen uns dogmas ou unha política de empresa da que non se moven, parece que non pensan por si mesmos"
Co importante que era diferenciarse para os que chegamos á adolescencia co cambio de século...
Totalmente, pero agora parece que o máis sinxelo é adaptarse ao que hai e pasar desapercibido. Hai tanto caos, tanto estrés, tantos requisitos... que a cabeza di basta e o máis doado é facerlle caso ao algoritmo de Netflix antes de pensar no que queres ver. Eu tamén hai días que son iso, pero non quero selo todos os días.
Cal foi o xermolo desta banda deseñada coa que gañou o Premio Castelao 2024?
Co personaxe da Adelina xa viña traballando dende 2014, era unha anciá que ía causando disturbios pola cidade, e levaba unha máscara. Apareceu mentres cursaba un mestrado de deseño de personaxes. Logo no ano 2020, durante a pandemia,participei no combate de debuxantes do Autobán da Coruña, que se fixera online, e gañei as votacións do público coa personaxe de Adelina. A verdade é que recibín moito agarimo para ela e moita xente me dixo que tiña que contar a súa historia. Entón, cando decidín que me ía presentar ao Premio Castelao, que era algo que sempre quixera facer, fixen un proxecto que tiña a Adelina como protagonista.
Simultaneamente, apareceu a historia das heroínas de Sálvora, que eu coñecín naquel momento, e pensei en que Adelina podía ser unha delas porque o mar, a illa e o naufraxio eran metáforas que me cadraban moi ben. Parecíame moi interesante que esa vella que estaba na residencia empastillada tivera un pasado de heroína coma ese. Pero no proceso de creación do guión foi mudando todo moito, ao inicio tiña moitos máis flashbacks que explicaban o que pasara co naufraxio pero decateime de que ía precisar mínimo duascentas páxinas para contalo ben e que me desviaba da parte cómica, que é onde me sinto máis cómoda. Por iso fun reducindo a parte histórica e, finalmente, as referencias están aí pero tampouco son moi explícitas.
No álbum ilustrado Papóns (Galaxia, 2024) tamén contou cunha muller maior como personaxe principal, ten influencia das avoas ou unha admiración especial polas mulleres maiores?
Sempre me gustou moito a xente maior e interesábame darlle unha volta á visión vulnerable das señoras maiores. Primeiro porque estamos en Galicia, que é matriarcal puro, onde a señora maior é unha figura moi relevante. As mulleres maiores son fortes porque traballaron toda a vida, son loitadoras e teñen carácter. Son son un estereotipo. Aquí hai moito, sobre todo, das miñas tías e das mulleres que me rodearon toda a vida, que tiraron para adiante con todo sempre con moito sentido do humor. Tamén teño presente a unha veciña que me coidou moitas veces de nena, que para min era a miña amiga e coa que teño unha relación moi especial. Dáme mágoa que esteamos tan afastados da xente maior.
"Aquí hai moito das miñas tías e das mulleres que me rodearon toda a vida, que tiraron para adiante con todo sempre con moito sentido do humor"
Cal foi o seu maior reto con este cómic?
Sen dúbida, o guión. A miña linguaxe é o debuxo, síntome cómoda trasladando algo que está escrito a imaxes. Pero escribín este guión en plan cinematográfico, que tampouco o fai todo o mundo. Abrín un documento de Word e púxenme a escribir, un reto total. Enfrontarme ao reto de ter que unir todas as pezas foi un proceso de construción longo, porque ademais viña de facer historias máis pequenas e aquí fixen un cómic de máis de cen páxinas. Ademais de que investiguei moito, documenteime moito sobre como facer un guión... Apurei todo o tempo que tiven para facer esta historia.
A cor é moi importante neste cómic, como escolleu a maneira de empregala para diferenciar unhas partes da historia e os saltos temporais?
Quería que houbese como unha transición das páxinas que son na residencia, nas que empreguei máis grises e cores apagadas, ao resto da historia na que Adelina se vai achegando á súa casa, onde xa as cores son máis vivas. Por outra banda, como son de Belas Artes e me dá moita rabia que se estereotipen as cores, empreguei o rosa como símbolo de bravura, valentía e paixón. Quería que Adelina fose o rosa, por iso o leva no chándal e está na propia cuberta do cómic. As lembranzas dela tamén decidín empapalas dese rosa, que penso que ten moita forza.
"Se houbese unha industria a xente non tería que ter vinte mil traballos para poder facer un cómic"
Sente que co cómic ten un altofalante importante dentro dunha profesión con moita precariedade?
A ver, é que se fala da industria do cómic pero en realidade non existe. Se houbese unha industria a xente non tería que ter vinte mil traballos para poder facer un cómic. Dos traballos creativos, o cómic e a animación poden ser os máis precarios ou complicados de chegar. E despois está a consideración que hai aínda por parte do público de que a banda deseñada é para nenos pequenos. Por outra banda, a incerteza polo futuro e o medo non axudan a que a xente da miña xeración ou das que veñen despois se queiran dedicar a profesións creativas.
Traballou varios anos como deseñadora gráfica ata que coa pandemia apostou por dedicarse á ilustración e desenvolver o seu estilo propio. Como se chega a ese estilo?
Para min a conclusión é que o importante é non buscalo, o teu estilo chega só porque xa está contigo. Non se pode intentar imitar fórmulas porque ao final todo pasa de moda e é moito máis importante ter unha voz propia. O público non pode conectar co teu traballo, teña a forma que teña, se non percibe honestidade nel. Penso que non temos que autocensurarnos mentres creamos, pensando que iso que queremos facer non lle vai interesar a ninguén. Non é certo, neste tempo teño visto propostas moi punkys que teñen moita xente detrás. Non hai que autocensurarse nin adaptarse para converterte nun produto que cres que pode funcionar.
"Todo o da Intelixencia Artificial xenerativa hai que regulalo, non se pode roubar o traballo da xente"
Non é un momento fácil para as creadoras coa popularización das ferramentas de IA, como o vive?
Todo o da Intelixencia Artificial xenerativa hai que regulalo, non se pode roubar o traballo da xente. Por outra banda, penso que a xente que non valoraba antes un traballo creativo, non o vai a valorar agora. Pero tamén creo que hai que diferenciar nisto, pois hai ferramentas con IA coas que están a traballar profesionais e que lles están axudando no seu labor creativo. Non é todo o mesmo, e creo que se diferencia cando hai un traballo profesional detrás. Para min isto ten unha parte boa, e é que pode haber unha volta ao analóxico, que volva a artesanía e que se lle dea de novo valor ao que creamos coas nosas mans.
Que lle gustaría facer agora?
Estou un pouco saturada de tantas horas de pantalla e apetéceme moito pintar. Tamén quero explorar o dos vídeos nas redes sociais explicando o traballo que fago, que é algo novo para min e que fixen agora para falar de Adelina. Teño outra historia que me gustaría levar ao cómic, esta vez en analóxico, pero para iso preciso tempo, é dicir, un sustento económico.