Irmandades do Falo, Biribirlocke e Tabú, a un paso de actuar no Revenidas

Resultado das votacións © Revenidas

Irmandades do Falo, Biribirlocke e Tabú son as tres bandas finalistas do concurso de grupos emerxentes organizado polo Festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do 22 ao 24 agosto. Foron as tres formacións máis votadas na páxina de Facebook do evento. Agora, un xurado composto por un membro da organización do festival, un xornalista e dous membros dun grupo de música da actual edición do Revenidas elixirá o grupo gañador, que actuará no festival, ademais de gañar 300 euros. A banda escollida anunciarase este domingo 17, en directo na Radio Galega, ao redor das 13.30 horas

Irmandades do Falo (620 votos), Biribirlocke (447) e Tabú (375), foron as bandas que recibiron máis apoios, superando a N.O.M., Mekajonodioskechefixo e Lady Chatarra. Irmandades do Falo son un grupo vilalbés que naceu no ano 2009 como cuarteto formado por guitarra, clarinete, bombardino e batería "cuxa finalidade é a promoción da música satírica por medio de cancións humorísticas dedicadas a personaxes da vila". Biribirlocke comezaron a actuar en 2010 "e dende entón non paramos un minuto, fervendo notas desde Bugallido, corzos oriúndos do concello de Ames. O noso é facer festa, combinando cordas e aire nun rock and roll galego". Tabú formouse en 2009 "tocando temas das nosas influencias coma Los Suaves e Thin Lizzy e compoñendo novos temas".

Resultado das votacións © Revenidas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.