Isadora Moon, a nena medio vampira e medio fada, xa fala galego

Os dous títulos de Isadora Moon publicados en galego © Editorial Bululú

A editorial Bululú anuncia a publicación de Isadora Moon vai á escola e Isadora Moon quere axudar, traducidos por primeira vez ao galego

Isadora Moon é a protagonista dunha das series de libros de literatura infantil máis populares do planeta, dirixidos a nenos e nenas entre 5 e 8 anos. Escritos por Harriet Muncaster, comezaron a publicarse no ano 2016 e venderon máis de seis millóns de exemplares en todo o mundo. A serie inclúe uns 22 títulos, traducidos a máis de 40 linguas. E agora pódese ler, por fin, en galego.

A editorial Bululú anuncia a publicación de dous títulos, Isadora Moon vai á escola e Isadora Moon quere axudar, que xa se atopan nas librarías. No primeiro caso, trátase do volume que abriu a serie en 2016 e que relata o primeiro día de colexio de Isadora, no que se esforzará "por comportarse coma unha fada completa e ser todo o que os vampiros agardan dela e todo iso sen deixar de ser ela mesma". Xosé Duncan encárgase da tradución ao galego.

Isadora Moon vai á escola © Bululu

A serie de libros de Harriet Muncaster, dirixidos a nenos e nenas de 5 a 8 anos, vendeu máis de seis millóns de exemplares en todo o mundo dende o ano 2016

O segundo libro é a tradución dun volume máis recente, publicado en inglés en marzo de 2024. Neste libro a nai de Isadora contrae a gripe das fadas, polo que a nena "quere facela sentir ben por todos os medios: facerlle o almorzo, lerlle un conto, coidar de Bebé Chorima, prepararlle un baño de burbullas, recoller o seu dormitorio…". Todo é pouco para Isadora, pero demasiado para os seus pais!

Isadora Moon é "metade fada, metade vampira" e por iso mesmo "totalmente única".  Unha nena, ademais, orgullosa da súa orixe familiar mestiza

Isadora Moon é "metade fada, metade vampira" e por iso mesmo "totalmente única" e en cada libro vive unha nova aventura, nas que se mesturan feitos cotiáns que calquera neno ou nena poden recoñecer (vai ao colexio, celebra o seu cumpreanos, vai de excursión, vai en bici, xoga a ser médica...) con elementos máxicos e do mundo da fantasía, froito das súas orixes (con feitizos, pocións ou castelos encantados). 

Harriet Muncaster creou unha personaxe irreverente, divertida e un chisco aloucada que representa á perfección as dúbidas, problemas e desafíos aos que se enfrontan as cativas e cativos ao longo da súa infancia. Unha nena, ademais, orgullosa da súa orixe familiar mestiza.

Isadora Moon vai a escola e Isadora Moon quere axudar, © Bululu

En 2020, Kelebek Media adquriu os dereitos para animar as historias e realizou unha serie audiovisual que comezou a transmitirse nos últimos meses

En 2020, Kelebek Media adquriu os dereitos para animar as historias e realizou unha serie audiovisual que comezou a transmitirse nos últimos meses. Da serie de libros de Isadora Moon también derivan as historias de Mirabelle (curmá de Isadora) e de Emerald (a amiga serea de Isadora). E, igualmente, publicouse unha serie de libros de actividades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.