A vila da Fonsagrada acolleu esta fin de semana a preestrea do documental 360 Curvas, nunha xornada na que se recuperou o espírito de As Movidas con pancartas e xipros e unha sesión vermú en El Cantábrico
A vila da Fonsagrada acolleu esta fin de semana a preestrea do documental 360 Curvas, nunha xornada na que se recuperou o espírito de As Movidas con pancartas e xipros e unha sesión vermú en El Cantábrico. A veciñanza encheu a sala nos dous pases programados e en ambas sesións, o equipo da película presentou o seu traballo. Alejandro Gándara Porteiro, co-director; Adrián Méndez, director de produción e un dos protagonistas do relato, Manuel Lucas, director de fotografía e Xacio Baño, productor de Rebordelos, participaron no encontro co público.
Valéndose de imaxes de arquivo e de testemuños dos e das protagonistas, 360 curvas recupera a memoria das Movidas, as protestas veciñais que a comezos dos anos 90 reclamaron mellores servizos e comunicacións para a Fonsagrada e a Montaña lucense. As mobilizacións, que xurdiron a raíz da perda de servizos como a Oficina da Extensión Agraria ou o servizos forestais, incluíron concentracións, peches, folgas xerais e mesmo unha gran manifestación en Santiago ante a sede da Xunta e puxoron especial énfase na situación da estreita e revirada estrada que une A Fonsagrada coa capital provincial e que suma 360 curvas, de aí o título do documental.
A estrea oficial terá lugar este xoves 29 de xaneiro na Filmoteca de Galicia, na Coruña. A película poderá verse tamén o sábado 31 en Numax (Santiago) e o domingo 1 de febreiro nos cines Codex (Lugo)
A estrea oficial terá lugar este xoves 29 de xaneiro na Filmoteca de Galicia, na Coruña, ás 20.30 horas. A película poderá verse tamén o sábado 31 en Numax (Santiago) ás 18.45 horas e o domingo 1 de febreiro nos cines Codex (Lugo) ás 20 horas, con presenza do equipo.
360 Curvas constrúe unha viaxe coral na que aquela loita colectiva funciona como fío condutor para falar do pasado e do presente da Fonsagrada e, ao tempo, dos desafíos do abandono do rural. As persoas protagonistas (familias e persoas que axudan a definir un pobo) reconstrúen unha historia apenas coñecida fóra deste territorio e abren un camiño de reflexión sobre o futuro das comunidades rurais.
A veciñanza volveu coller cartolinas e rotuladores para escribir pancartas con mensaxes reivindicativas inspiradas naquela época, mentres se repartían chifres para que o ruído dos asubíos volvese soar na vila, como lembranza viva dun tempo no que a unión marcou o relato colectivo
Ese espírito de comunidade e resistencia regresou esta fin de semana ás rúas da Fonsagrada: a veciñanza volveu coller cartolinas e rotuladores para escribir pancartas con mensaxes reivindicativos inspirados naquela época, mentres se repartían chifres para que o ruído dos asubíos volvese soar na vila, como lembranza viva dun tempo no que a unión marcou o relato colectivo.
Como parte da xornada, a celebración completouse cunha sesión vermú en El Cantábrico, convertendo a preestrea nun encontro aberto entre xeracións, memoria e presente, coa película como punto de partida para seguir conversando sobre o territorio.
360 Curvas constrúe unha viaxe coral na que aquela loita colectiva funciona como fío condutor para falar do pasado e do presente da Fonsagrada e, ao tempo, dos desafíos do abandono do rural
A longametraxe iniciou o seu percorrido coa estrea mundial no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX) e continuou coa súa dobre estrea galega en Cineuropa, en Santiago, e no Cormorán Film Fest, na Coruña.
O pasado 6 de decembro o documental tamén escolleu A Fonsagrada para a estrea do seu trailer, un acto que se converteu na primeira ocasión na que se mostraban imaxes do documental ao público local, funcionando como un encontro simbólico que devolvía á veciñanza parte da memoria colectiva que estrutura o relato da película.
A película parte dunha idea orixinal de Adrián Méndez, Manuel Lucas, Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández
A película parte dunha idea orixinal de Adrián Méndez, Manuel Lucas, Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, cun equipo encabezado na produción executiva por Xacio Baño e Tamara Canosa e na xefatura de produción por Adrián Méndez. O filme está producido por Rebordelos e distribuído por La Machina, e conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da área de Cultura da Deputación de Lugo.