"Isto non mo debuxas na rúa"

Cartaz do 'Combate de debuxantes' © AGPI

Dentro da programación de Viñetas desde o Atlántico, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) organiza este xoves o seu primeiro Combate de Debuxantes. Alberto Vázquez, Diego Blanco, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta enfrontaranse ás 21 horas en The Room, na zona vella da Coruña.

Trátase dun evento lúdico en que oito contendentes se enfrontarán ilustrando en gran formato e en tempo limitado conceptos ao azar. Será o público asistente o que terá o poder de decisión para elixir, mediante votación, o gañador de cada contenda. Os participantes serán Alberto Vázquez, Diego Blanco, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta. Só pode quedar un deles, que se fará co premio especial e o Cinto de Campión desta primeira edición do Combate de Debuxantes.

Todo isto complementarase cunha exposición con obras dos contendentes, catering de petiscos, sorteos, música, un presentador de luxo e moitas sorpresas máis. A entrada é libre e gratuíta, aberta a todo o público interesado.

 

Este mércores no Viñetas

David Aja, debuxante español que triunfa no competitivo mercado americano e con dous Premios Eisner recentemente recibidos no seu haber, e Susanna Martín, autora de Sonrisas de Bombai, unha das obras que sorprendeu a público e crítica na última tempada, serán este mércores os protagonistas das dúas charlas-coloquio de Viñetas desde o Atlántico. Susanna Martín departirá a partir 18.15 horas cos afeccionados que queiran achegarse ao salón de actos do Quiosco Alfonso, sede central do festival. Aja farao a partir das 19.45, no mesmo lugar.

Outra proposta de Viñetas para os afeccionados é poder ver traballando, en vivo e en directo, a Jacobo Fernández, quen continuará pintando, ao longo do día, o seu mural da rúa Pontejos (á beira do quiosco de prensa).

Cartaz do 'Combate de debuxantes' © AGPI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.