ITH: Moito máis que crowdfunding cultural

Captura de pantalla da web © ITH Crowdfunding

"ITH olla e sabe que n-é engaño canto il vei certo fixo ou venta. Sabe que o anseio é nova anque escura e que o Futuro xa só agarda a hora". Así relataba Uxío Novoneyra en 1991 no Poema de ITH o mito céltico daquel fillo de Breogán que albiscou a illa de Irlanda dende o alto da Torre de Hércules, aquel ITH de mirada certeira que soña un futuro mellor para os pobos. De Novoneyra a Novoneyra, vén de poñerse en marcha a plataforma literaria ITH Crowdfunding, que busca ser algo distinto ás plataformas de microachegas para proxectos que coñecemos, que busca ser algo máis.

“O sector ás veces funciona de xeito reactivo ás innovacións, a obras híbridas, a traducións. Con este proxecto queremos construír unha canle na que este tipo de obras teñan unha oportunidade"

En primeiro lugar, ITH centrarase en proxectos culturais, sobre todo literarios ou editoriais (mais non só: escénicas, musicais, curatoriais, festivais, encontros...), e sobre todo aqueles que pola súa especificidade, vangardismo ou polo motivo que sexa non atoparon a forma de desenvolverse no tecido editorial existente ou co apoio institucional. “O sector ás veces funciona de xeito reactivo ás innovacións, a obras híbridas, a traducións. Con este proxecto queremos construír unha canle na que este tipo de obras teñan unha oportunidade", destaca Uxío Novoneyra Rey, principal promotor do proxecto xunto coa súa irmá Branca e Carlos Arias, no marco da Fundación Uxío Novoneyra. "Investigar, editar e divulgar de forma participativa e colaborativa" son os obxectivos desta ferramenta, que aspira "a canalizar accións que produzan cambios no actual escenario editorial". Sinalan, así mesmo, que en ITH "apostamos pola creación e difusión literaria en todas as súas facianas: festivais, encontros, recitais, exposicións, antoloxías, webs, bibliotecas, animación á lectura...".

Para Branca Novoneyra, "ITH nace coa percepción do impacto da crise no eido cultural. Este é o valor engadido de ITH, a posibilidade de ampliar as fronteiras do real no eido literario"

Para Branca Novoneyra, "ITH nace coa percepción do impacto da crise no eido cultural". Engade que "o adelgazamento do apoio público, a necesidade do traballo en rede dos actores culturais, o cambio sistémico no mundo do libro coa implosión do novo paradigma dixital, é dicir, a percepción de novas necesidades e posibilidades, de novas vías e intereses derivados do impacto das redes sociais, entre outros factores, activaron a posibilidade de ITH". "Este é o valor engadido de ITH, a posibilidade de ampliar as fronteiras do real no eido literario", engade.

“Os galegos temos a sorte de que o noso sistema literario é unha encrucilladas de moitos sistemas, funcionamos como ponte entre hispanoamérica e a lusofonía, unha ponte que non funciona, pero que está aí”

A segunda característica é o ámbito no que ITH aspira a moverse: q páxina preséntase en catro linguas: galego, castelán, portugués e inglés, e non por casualidade. “Os galegos temos a sorte de que o noso sistema literario é unha encrucilladas de moitos sistemas, funcionamos como ponte entre hispanoamérica e a lusofonía, unha ponte que non funciona, pero que está aí”, salienta. "Queremos dirixirnos a unha comunidade de lectores ampla, e queremos axudar a construíla, igualmente", engade. ITH foi presentada hai unhas semanas no Culturgal, e tamén realizará actos de difusión na maior parte das cidades galegas, pero igualmente se presentará en breve en Porto e en Madrid. Ademais, a editoria portuense Cinco Seis Zero é un dos dous socios (o outro é Alvarellos) coa que ITH bota a andar. Neste senso, Branca Novoneyra salienta que "temos moitos contactos co ámbito lusófono. Dende hai anos, parte dos membros de ITH traballamos na distribución do libro portugués a nivel estatal. Coñecemos ben as características e a actualidade do sistema editorial portugués".

A terceira característica é a especialización, a preferencia pola calidade de proxectos que pola súa cantidade, e se feito os seus promotores afirman que só traballarán na promoción de cinco proxectos a un tempo, como máximo. De momento, ITH arrancou con dous proxectos: o Proxecto Pulp de Fantoches Baj, e o Proxecto Primeiros Auxilios de Cinta Adhesiva.

ITH aspira a converterse "nunha comunidade de persoas apaixonadas pola lectura e o mundo da creación literaria, un espazo no que dar conta do actual panorama literario universal"

Por último, o outro elemento clave de ITH será a participación, a construción colaborativa dos proxectos. "No noso blogue e nas redes sociais, imos incitar a nosa comunidade a que faga propostas, orientacións, para definir entre todos o tipo de proxectos que se apoian", sinala Uxío Novoneyra. De feito ITH aspira a converterse "nunha comunidade de persoas apaixonadas pola lectura e o mundo da creación literaria, un espazo no que dar conta do actual panorama literario universal". Será esta comunidade de socios a que decida, ou cando menos teña moito que dicir á hora de decidir que proxectos se promocionan e financian. Nalgúns casos, ademais, os proxectos non pedirán cartos, ou non só pedirán estas achegas económicas, senón colaboracións en especie ou en forma de servizos: un equipo de son, un lugar onde facer un espectáculo, un maquetador….

Captura de pantalla da web © ITH Crowdfunding
© ITH Crowdfunding

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.