Jorge Rey: "O de monicreques é teatro transgresor por excelencia"

Imaxe de 'Bala perdida' Dominio Público Praza Pública

O festival Galicreques chega á súa XXII edición coa vontade de abrir unha segunda etapa na que poida atraer máis público xuvenil e adulto. O seu director, Jorge Rey, cóntanos como.

Hai novidades este ano -máis espectáculos para público xuvenil e máis mestura de técnicas-. En que consisten?

O festival chega á súa XXII edición e o obxectivo co que comezamos está cumprido: que o público puidese ver traballos doutras culturas e feitos con outras técnicas. Agora comezamos unha nova etapa na que queremos contar con máis público xoven e adulto, ademais do composto por rapaces e rapazas. Ademais combinamos o máis tradicional, o teatro de bonecos, con innovacións, con mesturas con outras artes, que é especialmente interesante para conectar co público maior de 11-12 anos, adolescente e adulto. Espectáculos nos que se mesturan os monicreques con danza, poesía, teatro clásico, co documental, coa maxia e o malabarismo…

"O festival chega á súa XXII edición e o obxectivo co que comezamos está cumprido"

Que os monicreques non só para nenos e nenas leva dicíndoo moito tempo…

Temos espectáculos que abranguen un abano moi amplo, desde os máis pequenos, de 2, 3 ou 4 anos, aos adultos. É importante que o público que se foi creando en todos estes anos de festival e de programación estable non se perda, que siga atopando propostas estimulantes. Iso estivo sempre na intención do festival, pero este ano formalízase dunha forma máis aberta, cunha oferta de espectáculos para centros de ensino por exemplo.

"É importante que o público que se foi creando en todos estes anos non se perda"

Teñen estreas absolutas coma Bala Perdida, adaptación dun texto de Manuel Rivas.

Temos espectáculos que son estreas absolutas, si, coma Os golfiños e o xigante de Fantoches Baj; Enredos de amor y odio de Mazzú Teatro -que fan commedia dell'arte con máscara e con monicreques- e Bala perdida, si. O noso é reestrea, en realidade. Estiveramos en Vimianzo, pero un dos actores estivo enfermo e tivemos que parar, polo que reestreamos agora. O domingo 15 vai ser o día das estreas, coa nosa e con Os golfiños.

“Temos espectáculos que son estreas absolutas, si, coma Os golfiños de Fantoches Baj; Enredos de amor y odio de Mazzú Teatro e Bala perdida, di”

Despois hai varios espectáculos que chegan por primeira vez ao estado español: coma Viento, dos arxentinos El Colectivo; Un botón en mi cabeza, dos chilenos Arriba Las Hu!manos; O día que a morte sambou, dos brasileiros Valeria &Habib; Historias con guante, da arxentina El Telón; Le fumiste, do francés Don Davel; Poeta Niña, da arxentina Gabriela González, e Peregrinación, dos portugueses La Fontana-Formas Animadas.

Poeta niña, por exemplo, traballa coa coa poesía escrita polos propios nenos e nenas. Xunta palabra, manipulación de obxectos e monicreques. En Le fumiste hai traballo de actor, manipulación de obxectos, malabarismo, clown…  Valeria & Habib e Carmen Domech van facer xuntas O dia em que a morte sambou -teatro de sombras- e A señora Rosa e a morte, xuntando dúas historias nun mesmo espectáculo. Tamén hai espectáculos que están en Galicia por primeira vez, coma El alma del pueblo de Etcétera Títeres.

Dicía ao principio que o festival nacera con vocación de traer compañías doutros países… Ás veces os festivais traen artistas de fóra que chegan, actúan e marchan sen xerar nada máis, ningún tipo de intercambio cos creadores de aquí… Como é no caso de Galicreques?

Ao longo dos anos pasaron polo festival moitas compañías. Delas, algunhas visítannos este ano por primeira vez e outras xa estiveron máis veces. É fundamental que o público teña oportunidade de ver espectáculos creados noutras culturas, e con grande variedade de técnicas, do máis tradicional á vangarda: monicreques de fío, de sombras, de luvas… Iso enriquece as compañías que traballamos aquí, ademais de estimular o público. Pero si, o noso festival serve de punto de encontro que vai máis alá dos espectáculos. As compañías quedan uns días e estamos xuntos, intercambiamos información… Este ano, por exemplo, temos unha mesa redonda sobre edición de textos e revistas de monicreques, e imos propoñerlle á revista arxentina que temos convidada que edite textos do premio Barriga Verde…

“O noso festival serve de punto de encontro que vai máis alá dos espectáculos”

Lembro falar con vostede hai anos de que había dificultades para atopar relevo xeracional en canto a escrita de textos para teatro de monicreques. Polo demais, están os premios Barriga Verde, pero tampouco debe ser doado publicar este tipo de textos. Hai outra mesa redonda sobre festivais, que teñen xa certa tradición en Galicia…

Si, a actividade de teatro de monicreques en Galicia arranca a primeiros dos 80 coa Asociación de Titiriteiros Galegos, que foi o encontro primeiro. Fóronse creando circuítos e facendo cousas, pero chegou un momento no que a actividade foise diluíndo e xa non había ningún festival. Por iso creamos o noso. A partir de aí, comezamos.

En canto aos textos, é verdade que se publican pouco, pero tamén que si se foron incorporando novos autores e autoras. As compañías convidan autores: Tanxarina traballou con Cándido Pazó, Cachirulo con Marilar Aleixandre… e a partir dos premios Barriga Verde foise incorporando xente do teatro, da literatura… Os últimos Barriga Verde foron para Inacio Vilariño e Roi Vidal, que fixo unha obra para adultos… Respecto ás revistas, cando tiñamos a sala Yago faciamos a revista Bululú, pero tivemos que deixala, como a propia sala…

Jorge Rey, co director de Agadic, Jacobo Sutil, e a edil de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra / Concello de Santiago

A sala Yago, que tantos anos leva pechada, que foi ocupada para reivindicar o seu uso público… Non é nada doado que volva funcionar, ou que se cree unha iniciativa semellante…

É un espazo que está aí e que nalgún momento terán que facer algo con el. Supoño que por dentro estará cada vez máis deteriorado. Nós xa desenvolvemos alí o noso proxecto, con moita ilusión e esforzo. Pero agora é moi difícil que volvamos facer algo así. Primeiro pola idade que temos, que xa non temos a enerxía de antes, e son proxectos que requiren moita dedicación.

"A sala Yago é un espazo que está aí e que nalgún momento terán que facer algo con el"

Non houbo en Santiago un proxecto para crear un teatro de títeres novo?

Houbo un proxecto, si, que fixeramos nós. A idea era facer algo semellante ás salas que hai por Europa en parques. Nós propuxémolo cando estaba o Igaem, despois Agadic… Unha vez, un director de Agadic que viaxou por Europa viu este tipo de salas e chamoume para dicirme que xa entendía a miña proposta… O noso proxecto consistía en crear catro salas en catro vilas con tradición teatral e cunha compañía que puidese xestionar as salas, cun sistema de residencias.

“O noso proxecto consistía en crear catro salas en catro vilas con tradición teatral e cunha compañía que puidese xestionalas”

A idea era que fose en Redondela, Lalín, Lugo e Santiago. Serían salas que puidesen usarse de oficina en inverno, cun escenario e cun anfiteatro para usar no verán para espectáculos ao aire libre. En Santiago a proposta era que fose para o parque Eugenio Granell ou para Belvís. Pero chegou a crise e o orzamento que ía ir para iso foi destinado a outras cousas que consideraron máis importantes.

Falabamos antes de relevo xeracional. Hai un festival novo, o Titiribeira, que reivindica o teatro de monicreques -o tradicional, de cachiporra- como xeito de reivindicación política -de expresión das subalternas, como explica Comba Campoy-. É unha maneira interesante de ver o teatro de monicreques…

Si, eles traballan na recuperación da tradición de Barriga Verde, o teatro de cachiporra, que se estaba perdendo. E si, claro, o de monicreques é un teatro transgresor por excelencia, de orixe popular, o teatro de guiñol, que naceu como teatro para adultos. O teatro de bonecos europeo comezou a finais dos 1.800 e primeiros dos 1.900, era un teatro crítico e é un teatro crítico. No noso festival este ano, por exemplo, están Trécola cunha historia sobre a muller, a Xanela do Maxín cun espectáculo sobre o idioma e as súas dificultades para sobrevivir…

"Interésanos un teatro reivindicativo, non un teatro ñoño, que no noso festival non se vai atopar"

Interésanos un teatro reivindicativo, non un teatro ñoño, que no noso festival non se vai atopar. Un teatro que, ademais do seu valor artístico, estético, de calidade profesional, e que achegue visións de culturas diferentes da nosa, transmita unha mensaxe, que vaia en distintas direccións e que ademais considere a importancia da palabra dos nenos, da creación infantil… Os nenos son grandes marionetistas, de xeito natural.

Teñen, de feito, obradoiros para que poidan facer os seus propios monicreques. Ademais, haberá espectáculos na sala Gurugú da Coruña e na Ártika de Vigo. E exposicións: A cartelería no teatro de monicreques e figuras en Galicia, na Fundación SGAE; A construción de monicreques en madeira, no Teatro Principal e Marionetas de África, na Biblioteca Ánxel Casal.

Si, os obradoiros xa se fixeron máis veces. Obradoiros nos que poden facer os seus propios bonecos. Hai, tamén, dúas salas independentes que se incorporan ao noso programa: a Gurugú e a Ártika. É outra mostra do que falabamos antes: o festival axuda a crear relacións. Compañías que veñen aquí acaban indo a salas de fóra de Santiago...

De Galicia teñen a Caramuxo, Larei Lará, Trécola, A xanela do Maxín, Brincadeira, Danthea, Alakrán, Micromina, Fantoches Baj, Cachirulo e Carmen Domech. En que medida serve o Galicreques de pulso da actualidade do teatro de monicreques galego? Hai bastante xente nova…

Hai que apoiar a xente que comeza. Trécola é xa do 81, pero agora é o fillo dos fundadores quen segue co proxecto. A Xanela do Maxín ou Alakrán, ou Mircromina, son xente nova… Logo estamos Caramuxo, Cachirulo… Un pouco de todo, para que sirva de mostra do traballo do que se está a facer en Galicia e que as compañías galegas poidan ter contacto con compañías de fóra.

Jorge Rey Dominio Público Praza Pública
Imaxe da mostra de títeres de África Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.