José Sanclemente: "O oficio dos magos é enganarnos, mentres que os xornalistas deben descubrir a verdade"

José Sanclemente © Praza Pública

"O mundo quere ser enganado, así que deixa que se engane". A frase popularmente atribuída ao escritor e político romano Petronio, pode situarse como cerne de Ilusionarium (Roca), a última novela do catalán José Sanclemente, na que a maxia e o xornalismo xogan un papel central, nun xogo de espellos sobre o que se oculta e o que se amosa. No libro, un trepidante thriller que se desenvolve entre Nova York, París, Barcelona e Las Vegas, un veterano xornalista recibe o encargo de buscar unha maga desaparecida en París seis anos atrás, unha procura na que emerxerán certos asuntos do seu propio pasado e da investigación que o levara a gañar o Premio Pulitzer.

Estamos ante a cuarta novela do autor, sempre no xénero negro, despois que Tienes que contarlo (2012), No es lo que parece (2013) e Esta es tu vida (2014). O papel protagonista do xornalismo na novela non é en absoluto casual, tendo en conta o propio currículo de Sanclemente, un economista que nas últimas décadas ocupou importantes postos de dirección en grupos de comunicación coma o Grupo Zeta, que en 2006 botou a andar o gratuíto ADN e que na actualidade ocupa o posto de presidente da sociedade editora de eldiario.es. A novela será presentada polo autor ás 19 horas na Librería Cronopios de Santiago de Compostela, a través dunha conversa que compartirá con Antón Losada e Ernesto Sánchez Pombo. 

Na novela xogas co que se oculta e o que se amosa, algo propio da maxia, pero tamén do xornalismo. Hoxe en día dá a impresión de que a multitude de fontes, de emisores e de medios ofrece un fluxo case infinito de mensaxes. Dá a impresión de que todo está á vista, pero isto fai que esteamos mellor informados?

Temos moita máis información e obtémola en calquera momento e a través de calquera dispositivo. Pero unha cousa é a información e outra a información contada por un xornalista. O xornalismo ten unha función cada vez máis especial ante tantas fontes e tantos medios. O xornalismo significa contrastar de verdade unha noticia, afondar con honestidade na procura da verdade ou das verdades, porque seguramente hai máis de unha. A maxia é o contrario: cando imos a un espectáculo, sabemos que os magos nos van enganar, van utilizar as debilidades do noso cerebro para conseguir uns efectos (os trucos), pero neste caso gústanos que nos enganen, imos a iso. No xornalismo, o lector atura un truco, pero a segunda vez decide deixar de lerte. O problema está máis nas empresas xornalísticas e non tanto nos xornalistas.

"Cando imos a un espectáculo, sabemos que os magos nos van enganar, imos a iso. No xornalismo, o lector atura un truco, pero a segunda vez decide deixar de lerte"

Fronte ás moitas crises de vive o xornalismo (de soportes, de modelo económico, de confianza dos lectores...) nos últimos anos foron xurdindo en España unha serie de proxectos que achegan algo de luz, comezando polo propio eldiario.es. Son suficientes para contrarrestar a crise xeral que atravesa a profesión?

A base desas luces é recuperar algo que fora esquecido e que se perdera, que é que o xornalismo está feito para dar voz aos máis débiles, aos cidadáns. Cando o xornalismo se pon ao servizo doutros intereses, ao servizo dos máis poderosos, perde o foco. O lector non se identifica con aquilo que transmite o medio e entón abandónao. A crise fundamental do xornalismo vén dada por ese abandono dos seus obxectivos esenciais, polo abandono do lector. Por outra banda, os medios xornalísticos non souberon ver hai anos a irrupción das novas tecnoloxías e das novas necesidades dos lectores e dos anunciantes, e o seu espazo foron ocupados por buscadores e redes sociais. E ao final estas grandes empresas, de Google a Facebook, quedaron co 80% dos ingresos publicitarios dixitais.

"A crise fundamental do xornalismo vén dada por ese abandono dos seus obxectivos esenciais, polo abandono do lector"

O protagonista da novela é un xornalista que recorda aos arquetipos da novela negra, tamén eran xornalistas Supermán ou Spiderman. Pode sosterse na actualidade esa caracterización mítica da profesión, do xornalista como heroe?

No caso do xornalista Christian Bennet, estamos ante un profesional xa maduro, bastante reactivo ás redes sociais, podemos dicir que é un xornalista viejuno, que segue compartindo as esencias do xornalismo e que está inmerso nunha situación de crise do seu propio medio de comunicación. En realidade non é un heroe, precisamente porque hai un asunto que lle está remoendo a conciencia, de cando gañou o Pulitzer, algo que non contou no seu momento. E unha investigación que lle encargan permítelle recuperar ese asunto pendente.

As persoas queren ser enganadas?

Na novela o que máis me interesou foi contar ese xogo de espellos entre a verdade e a mentira. A mente está máis preparada para a emoción que para a razón e seguramente máis preparada para a mentira que para a verdade. Habitualmente disimulamos con certas pequenas mentiras aqueles aspectos do noso pasado que nos apenan, pero mesmo no día a día ás veces é máis doado convivir coa mentira que coa verdade. E iso podémolo mesmo aplicar a outros niveis, a por que acabamos votando un partido que nos enganou. O slogan de o mundo quere ser enganado refírese a iso. Nunha novela que en realidade é un thriller, quixen xogar con esa idea: o oficio dos magos é enganarnos, e os xornalistas teñen que tratar de descubrirnos a verdade.

"Decateime de que é un mundo moi masculinizado: sóannos David Copperfield, Criss Angel ou Juan Tamarit, pero poucas ou ningunha muller"

O interese polo ilusionismo vénche de moi atrás ou foi simplemente un instrumento para contar ese xogo de espellos? 

Ese interese pola maxia xurdiume en Galicia, nunhas xornadas sobre xornalismo ás que me convidaran na Illa de San Simón en 2011. Alí comentáronme que poucos días antes alí celebrárase un encontro sobre maxia e neurociencia, sobre a forma en que a mente nos engana, sobre como os magos son capaces de enganar o noso cerebro. E o tema interesoume moito, pensei que aí había unha historia. Durante un tempo afondei no tema, fun a espectáculos de maxia en Nova York, París e Las Vegas e acabei facendo un curso de maxia en Barcelona. Como na novela aparece unha maga, quixen contactar con algunha, e decateime de que é un mundo moi masculinizado: sóannos David Copperfield, Criss Angel ou Juan Tamarit, pero poucas ou ningunha muller. E ao final acabei atopando unha, e preguntándolle se ía molestar que na novela desvelase algún dos trucos. Interesoume ese concepto: que as mulleres case sempre foran máis ben as partenaires dos magos, aquelas ás que cortan pola metade. Os magos aparecen como os protagonistas, pero en realidade son as axudantes as que executan o truco.

"Pode haber algo diso, dun certo gusto por abandonar por un momento a pantalla do ordenador ou do móbil e centrarse en algo que me pode dar máis pracer, como o libro"

Cambiou a forma de informarse, pero tamén cambiou a forma en que a xente le unha novela? Por unha banda vivimos nun mundo no que parece que a xente ten menos tempo e tamén pode acusar unha menor capacidade de concentración, exposta habitualmente a estímulos máis fragmentados. Pero pola outra precisamente a novela pode ser un refuxio fronte a todo iso. Cal é a túa opinión?

É certo que a xente pola rúa comenta que le menos, que ten menos tempo para dedicarlle a unha novela. Ou que ten dificultades para concentrarse. Pero por outra parte vas aos Estados Unidos e ves que a xente no metro le libros directamente no móbil, superando os propios ereaders. En España estamos vendo que o libro electrónico non está crecendo na medida en que se esperaba. É curioso como resiste aquí a cultura do papel, mentres que a lectura dos periódicos impresos si está desaparecendo. Pode haber algo diso, dun certo gusto por abandonar por un momento a pantalla do ordenador ou do móbil e centrarse en algo que me pode dar máis pracer, como o libro. No caso desta novela, eu aconsello que se lea rápido, nunha semana, como quen asiste a un gran truco de maxia. É un libro moi rápido, moi trepidante, non é un libro para deixar repousar.

 

José Sanclemente © Praza Pública
A maxia e o ilusionismo xogan un papel central na novela, xunto co propio xornalismo © Roca Editorial
Capa do libro © Roca Editorial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.