O Garaxe Hermético. Así se chamará. O ilustrador Kiko da Silva collerá prestado o título do afamado cómic de ciencia ficción, creado por Moebius, o autor de referencia do cómic europeo falecido este sábado, para bautizar a que será a primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración de Galicia. Situada en Pontevedra, a escola abrirá as súas portas a finais deste mes ou a comezos de abril, todo dependerá da burocracia e das obras que se están a facer no local, situado no número 4 da Rúa Álvaro Cunqueiro. A escola compartirá sede coa redacción da revista Retranca, que dirixe o propio Da Silva. "É o único centro destas características que hai en Galicia e practicamente en todo o estado, xa que só Madrid e Barcelona contan con escolas profesional deste tipo", explica Da Silva, impulsor deste proxecto que contará cos debuxantes Fernando Iglesias, Miguel Porto, Jacobo Fernández e Norberto Fernández como profesores.
"É o único centro destas características que hai en Galicia e practicamente en todo o estado, xa que só Madrid e Barcelona contan con escolas profesional deste tipo"
Aínda que a escola abrirá nas próximas semanas, o curso oficialmente non comezará até outubro. "Non tería sentido inicialo agora que quedan tres meses útiles de curso. Arrancaremos en outubro", explica Kiko da Silva. Non obstante, O Garaxe Hermético arrancará cargado de actividades para os próximos meses, xa que o equipo de dirección traballa nunha serie de obradoiros e sesións formativas para dar a coñecer a escola, o seu funcionamento e o seu profesorado. Todo con vistas ao próximo curso, de xeito que estas actividades serán de balde para todos aqueles participantes que realicen a preinscrición para comezar as clases en outubro.
A titulación durará tres anos e será privada. "Non queremos ofertar un título oficial e público porque implicaría realizar unha morea de papeleo e a burocracia obrigaría a que todos os profesores terían que contar con titulación. Iso sería absurdo e impediría que autores tan respectados e importantes como César Portela ou Miguelanxo Prado puideran impartir clases na escola", sinala Da Silva. Os prazos das matrículas e os horarios da futura escola aínda non están pechados, xa que o equipo de dirección anda a barallar varias posibilidades, pero a súa intención é que cando a Escola sexa inaugurada, as tarifas e o plan de estudos estea totalmente pechado. En calquera caso, a dirección do centro ten claro que as mañás dedicaríanse ás clases propias do centro e as tardes reservaríanse para obradoiros, clases complementarias e sesións formativas á marxe da titulación.
Mostra de Miguelanxo Prado
Kiko da Silva presentará o 30 de marzo O Garaxe Hermético nun acto que se celebrará no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
A inauguración do Garaxe Hermético celebrarase cunha mostra de Miguelanxo Prado, na que o debuxante amosará unha serie de bandas deseñadas antigas. A escola contará, polo tanto cun espazo expositivo ademais das necesarias mesas de debuxos e as salas de ordenadores onde ensinar as técnicas de ilustración dixital. Miguelanxo Prado, ademais, é o encargado de deseñar a imaxe da escola, algo que xa fixo e que podemos ver en Praza. Esa debuxo identificará, ao xeito de carta de presentación, a escola creada por Kiko da Silva.
Para dar a coñecer o seu proxecto, Kiko da Silva presentará o 30 de marzo O Garaxe Hermético nun acto que se celebrará no Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra no Pazo da Cultura da cidade do Lérez e que este ano está a celebrar a súa 13ª edición.