Komic Librería celebra 25 anos como referente da banda deseñada en Galicia

Xosé Barreiro CC-BY Alberto Ramos

"No momento en que abrín a tenda, non contaba con chegar a falar dun 25 aniversario". Cando os calendarios van fuxindo e os lustros acaban por sumar cifras redondas, a memoria bota a andar. E Xosé Barreiro, propietario da histórica Libraría Komic de Santiago, mergúllase este ano nos recordos. A memoria, como a cabeza, non para e Barreiro lembra nitidamente como o 4 de maio de 1987 se fixo cargo dun vello quiosco no número 34 da Rúa San Pedro de Mezonzo. "Antes fora unha froitería dos Fandiño, unha coñecida familia de Santiago. O aspecto que conservaba o local era o propio dos anos sesenta", rememora o propietario de Komic, que neste 2012 conmemora os seus 25 anos de vida.

Un cuarto de século no que o establecemento se converteu nun referente en Galicia para os seguidores da banda deseñada. "Non contaba con falar do 25 aniversario. Non tiñamos esa perspectiva. Entramos no local e a ver como ía. Uns meses, un ano... Non pensabamos chegar até aquí", lembra o dono de Komic, que xa anda a ultimar os detalles dos festexos, que se celebrarán na primeira quincena de maio e incluirán un concerto na Sala Capitol o 11 de maio, a publicación en colaboración con Demo dun álbum sobre Castelao de Inacio Vilariño e Iván Suárez e unha mostra cos orixinais desta obra, que se titulará Castelao: O pobre tolo.

"Entramos no local e a ver como ía. Uns meses, un ano... Non pensabamos chegar até aquí"

Eses son as principais celebracións nas que Xosé Barreiro está a traballar a pesar de que, en 1987, non contaba con celebrar as vodas de prata como libreiro. "Non  otiña en mente. Non era a miña vocación ser comerciante. Tiña experiencia no trato co público, porque meu pai era tratante de gando e tiña unha carnicería na que traballei. Apareceu o local de San Pedro de Mezonzo e fixémonos cargo nel a miña muller, Ana Manteca, e mais eu. Somos os dous copropietarios dende o principio. A tenda é dos dous", explica Barreiro, que na actualidade rexenta o negocio na compaña da súa esposa e de Xaime Lis, o "mellor empregado" que tivo nestes 25 anos.

Comezaron así a ofrecer produtos de banda deseñada a unha clientela que existía, pero que carecía de puntos de venda de referencia

O 4 de maio de 1987 entraron na tenda e, no verán, pechárona por obras, para adecuar o espazo aos novos usos que se buscaban. En agosto dese ano reabriron xa co nome de Komic, cun logotipo realizado por Xosé Cobas a modo de agasallo e iniciaron o longo camiño cara á especialización. Comezaron así a ofrecer produtos de banda deseñada a unha clientela que existía, pero que carecía de puntos de venda de referencia. "A editorial Bruguera chegou a vender un millón de cómics á semana, toda España lía cómic. Eu crieime con eses cómics. E nos oitenta veu a explosión das revistas. Había público agardando. E nós pensabamos, xa dende o principio, en crear unha libraría para cómic. Pero a consolidación tardou moito", lembra.

"A editorial Bruguera chegou a vender un millón de cómics á semana, toda España lía cómic. Eu crieime con eses cómics. E nos oitenta veu a explosión das revistas"

A consolidación tardou en chegar e, nun primeiro momento, Komic vendeu prensa e material de libraría. A prensa foi durante cinco anos parte dos ingresos, pero chegou un punto en que decidiron parar cos xornais. Iniciábase así a especialización. Durante moitos anos, ademais, os responsables desta libraría dedicáronse a distribución. "Viaxaba moito a Barcelona para coñecer as editoriais, traballar con elas e durante quince anos traballamos como distribuidora. Era outra forma de consolidar a tenda e abastecíamos o resto de librarías de cómic que, pouco a pouco, foron aparecendo en Galicia", sinala o propietario de Komic, quen chegou a traballar con todas as editoras que existían daquela: Norma, Zinco, New Comic, Planeta, Toutain, Eurocomic ou La cúpula. "De todas esas, só seguen vivas Norma, Planeta e La Cúpula", aclara.

"Viaxaba moito a Barcelona para coñecer as editoriais, traballar con elas e durante quince anos traballamos como distribuidora. Era outra forma de consolidar a tenda e abastecíamos o resto de librarías de cómic"

 

O público e maior presenza feminina

Tras 25 anos satisfacendo as necesidades dos amantes do cómic, Xosé Barreiro viu medrar varias xeracións de lectores. O público mudou moito dende 1987. Cambiou, ampliouse, evolucionou. O dono de Komic comprobouno ao outro lado do mostrador. Non obstante, pese ao paso do tempo, a masa lectora daquela época segue presente. "O público de sempre non se perdeu, segue aí. Os compradores do cómic son coleccionistas e iso segue a ser un trazo destes lectores. Pero co paso do tempo, gañouse outro público que vén do libro. Temos polo tanto o público tradicional, o de sempre, e o novo público que chegou ao mundo do cómic a través do que se chama novela gráfica, un termo que non deixa de ser unha etiqueta", reflexiona o libreiro.

"O público feminino é máis grande, moito máis amplo do que era. Mesmo poderíase dicir que son agora máis mulleres as que entran na tenda"

Esa evolución da masa lectora tamén incluíu un aumento do público feminino. Cando Komic botaba a andar no ano 87, a inmensa maioría dos clientes eran homes. "O público feminino é máis grande, moito máis amplo do que era. A estas alturas pódese dicir que se equiparou. Mesmo poderíase dicir que son agora máis mulleres as que entran na tenda. Hai vinte anos non era así. As mulleres interésanse moito máis pola banda deseñada, tamén len máis agora que os homes e nestes anos xurdiron máis autoras, como a de Persépole", sinala Barreiro, que tamén é coñecido polo alcume de Pío. 

 

A crise

"Nós comezamos nun momento de optimismo económico. Era máis fácil vender daquela do que resulta hoxe. O público estaba alí e nese momento éramos os únicos que ofrecían banda deseñada". Así lembra Barreiro os comezos de Komic nunha época ben diferente á que vivimos na actualidade. A crise é omnipresente e todos os sectores reciben os duros golpes do colapso económico. As industrias culturais son as vítimas de recortes e da contracción do consumo. O negocio da banda deseñada tamén está a sufrir os paus, mais conta cunha resistencia maior que outros sectores da cultura ou da edición. Unha clientela de menor tamaño, pero moi fidelizada ofrece unha marxe que outros non teñen.

"O negocio da banda deseñada tamén está a sufrir os paus, mais conta cunha resistencia maior que outros sectores da cultura ou da edición. Unha clientela de menor tamaño, pero moi fidelizada ofrece unha marxe que outros non teñen"

Pero as dificultades claro que se notan. "Estamos nun momento baixo, as vendas caen. A temporada máis forte é entre setembro e decembro. E o ano pasado houbo finais de mes moi malo e durísimos en outubro ou en novembro. O mellor ano foi 2008 e, dende aquela, todo foi baixar", admite Pío, aínda que matiza que o sector aguanta mellor ca outros. "Nós baixamos en tres anos o que outros baixaron só nun", conclúe.

As malas cifras agroman nos libros de contabilidade de calquera negocio. A crise está moi presente e atenaza calquera movemento. Barreiro non imaxinaba celebrar o 25 da libraría cando abriu a tenda e, seguramente, nese momento inaugural tampouco se lle pasou polo maxín que as cousas se porían tan costa arriba nun futuro que xa padecemos. "Sempre hai nostalxia nas celebracións, pero quizais a nostalxia máis forte é a do optimismo", conclúe o libreiro.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.