Kubelka, o Mozart do cinema

Peter Kubelka © CGAI

Hai días nos que non presta falar de estreas, porque non hai nada que recomendar. Se por riba tes a Peter Kubelka na Coruña, a escolla do texto de hoxe non deixa espazo a ningunha dúbida. O austríaco é unha das lendas vivas do cinema experimental de vangarda, que propulsou dos EUA ao mundo xunto a Jonas Mekas, Stan Brakhage e algún outro colega de xeración, aló polos anos 60. Non contentos con mostrar a súa obra completa nunha sesión esta noite, o S(8) e o CGAI tráeno á cidade herculina para que imparta mañá unha clase maxistral sobre o seu concepto da metáfora comestible.

Non contentos con mostrar a súa obra completa nunha sesión esta noite, o S(8) e o CGAI tráeno á cidade herculina para que imparta mañá unha clase maxistral sobre o seu concepto da metáfora comestible

Quen escribe estas liñas acadou a éxtase pretendida con Arnulf Rainer (1960), a súa obra máis esencial, construída exclusivamente a base de luz e escuridade, de ruído e silencio. A peza, de 6 minutos, consiste nunha sucesión de fotogramas negros e brancos que repite patróns de forma rítmica, como se dunha melodía se tratase. Co seu tratamento do son e da imaxe, o director pretende aprehender o ritmo da natureza, o do latexo do corazón. É un cineasta do sentimento, un poeta que compón unha sinfonía, máis que representar unha realidade.

Esta obra mestra, que se presenta ás veces como unha instalación colgada nunha parede, sobre a que se estenden as tiras de celuloide, formando unha sorte de cadro abstracto; reflexiona ao cabo sobre un tema tan metafísico como a percepción do espazo e do tempo. Para Kubelka, o seu cinema métrico, nome que dá ás proxeccións, está composto por now moments, intres estáticos que quedan moi lonxe do movemento suposto ao cinema. Para o autor, é a mente do espectador, e non o filme como materia, a que constrúe este movemento. E é nese espazo intermedio entre dous conceptos en continuidade, onde xorde a metáfora, ferramenta básica de toda forma de arte.

Co seu tratamento do son e da imaxe, o director pretende aprehender o ritmo da natureza, o do latexo do corazón. É un cineasta do sentimento, un poeta que compón unha sinfonía, máis que representar unha realidade

Pero non falamos da continuidade de Eisenstein, máis ben da de Vertov (tema vello este), de sorte que un plano non ten que gardar unha relación narrativa co seguinte, senón contribuír a equilibrar unha cadencia, que achega unha sensación. Neste concepto musical, son especialmente salientables as iniciáticas Adebar (1957) e Schwechater (1958), ambas as dúas estafas de Kubelka a encargas comerciais, dun salón de baile e dunha marca de cervexa, respectivamente. De publicidade teñen máis ben pouco. Consisten en secuencias rítmicas de siluetas e formas, xogando de novo cos fotogramas como se fosen unidades mínimas de significado rítmico, notas que compoñen unha melodía visual.

Ás veces ten flirteado mesmo coa idea de crear unha ficción, axudándose da nula sincronía entre imaxe e palabra (para el iso é unha reiteración de significados). Fíxoo nunha película de aprendizaxe, Mosaik im Vertrauen (1955), que dinamitaba a narrativa dos filmes comerciais. Un caso moito máis coñecido, cun ton de cachondeo cara o documental etnográfico, é Unsere Africareise (1966), que filmou no continente cun grupo de exploradores que non entenden a mística de moitas tradicións e obxectos aos que Kubelka dedicou boa parte da súa vida. El di que os obxectos falan, e que comunican a pegada da Historia con maiúsculas neles ao rexistralos. Esta idea súa traspasou o ámbito do cinema hai xa anos, aplicándoa tamén á cociña, disciplina á que Kubelka dedica moitas horas. Teimudo como el é, mesmo conseguiu que lle crearan unha cátedra de Film and Cooking as Art Forms, que debe ser a única do seu xénero no mundo.

Non se pode faltar ás sesións de cinema expandido, á noite no Ágora, máis que nada porque son unha experiencia única e irrepetible, que dende logo non provoca indiferenza. Esta fin de semana, nada de multiplex, e moita periferia

Precisamente sobre as metáforas cosmolóxicas que poden crear os obxectos e a comida ao ser mesturados ou cambiados de contexto, será sobre o que fale en boa parte na clase maxistral de mañá (participación previa inscrición, en principio pechada -contáctese co S(8)-). Mais a sesión de hoxe tamén inclúe outros traballos de interese, como a performance filmada Pause! (1977) ou o seu máis recente ataque á publicidade, Dichtung und Wahrheit (2003), cinema de apropiación na liña de Peter Tscherkassky. Do seu compatriota pásase á tarde Coming Attractions (2010), un traballo moi recomendable que dialoga á perfección con esta última.

Por recomendable, no S(8), case todo. Non se pode faltar ás sesións de cinema expandido, á noite no Ágora, máis que nada porque son unha experiencia única e irrepetible, que dende logo non provoca indiferenza. Esta fin de semana, nada de multiplex, e moita periferia.

Peter Kubelka Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.