‘A casa do terror’ e ‘Mortiña’; dúas propostas para escorrentar o medo polo Samaín

Xoán Curiel e A Banda do Verán Dominio Público Praza Pública

Xoán Curiel e a Banda do verán volven, despois de percorrer o país co seu espectáculo Estamos no verán!, con A Casa do Terror. Unha nova aventura tan terrorífica como divertida. Ou máis ben o segundo. Un libro+CD editado por Galaxia e un novo espectáculo ao vivo, centrado na idea da superación do medo, de aprender a afrontar as dificultades da vida con confianza. Falamos con Xoán Curiel.

O libro-disco é o resultado dun traballo de dous anos. Como foi o proceso de creación?

Comecei coas cancións no Nadal de hai dous anos. A medida que ían saíndo as cancións, funme decatando de que había unha temática que as unía. Ademais, tiña ganas de facer outro proxecto infantil, despois de Estamos no verán. Supoño que o tema do terror foi saíndo, tamén, por unha cuestión autobiográfica: de neno e de adolescente gustábanme as películas de medo. Entón,o proceso foi: primeiro compoñer as cancións, despois os arranxos vocais, despois os musicais, logo falamos con Galaxia por se lles interesaba o proxecto e gustoulles…

"Ademais de compoñer as cancións, escribín un conto"

Ademais de compoñer as cancións, escribín un conto. Non me considero escritor, pero é algo que me apetecía facer. Tiven, ademais, a sorte de contar con persoas que me axudaron facéndome a revisión, coma Charo Pita, a miña irmá Elena, ou as miñas sobriñas, que me deron moitas ideas… Iria Fafián fixo, ademais unhas ilustracións moi boas. Soubo meterse moi ben na historia. E penso que ao final quedou todo moi ben fiado: o conto, as cancións, o espectáculo… Porque o proxecto é un libro-disco e tamén un espectáculo co que comezamos agora a xira de Samaín.

"Os protagonistas do conto somos nós mesmos, a nosa banda"

Os protagonistas do conto somos nós mesmos, a nosa banda. Que un día, indo a unha actuación, queda atrapada no medio dunha treboada despois de que se lle estrague a furgoneta. Como temos moito frío, vamos a unha casa que vemos ao lonxe, que resulta ser a casa do terror.

O conto, e o libro-disco, falan de medo. Pero non para asustar, senón para escorrentalo…

Si. É coma unha viaxe iniciática: o sentido xeral é atravesar o que nos dá medo para gañar confianza. Os membros da Banda do Verán chegan a unha casa aterecidos. Ao principio senten medo, pero despois ven que os monstros que habitan a casa son moi “enrollados”... A idea de fondo é esa: atravesar o que nos dá medo, transitalo, e saír gañando confianza, co apoio dos colegas, despois de atreverte.

"A idea de fondo é esa: atravesar o que nos dá medo, transitalo, e saír gañando confianza, co apoio dos colegas, despois de atreverte"

O estilo é moi rock, mesmo ás veces parece un pouco ska… Non é o máis habitual nos discos dirixidos a nenos e nenas.

En Estamos no verán xa había algo de rock, funky, reggae… Se a miña sobriña de 4 anos flipaba con Highway to hell de AC/DC, por que non lles ían gustar ás crianzas este tipo de músicas… Para nós é importante, ademais, non falarlles aos rapaces como se fosen nenos. Quero dicir, que unha das cousas que nos gusta deste espectáculo é que pode valer tanto para nenos como para maiores. Tamén por iso hai nas cancións chiscadelas para os maiores…

Coma un “bailo todo o día, con ou sen compañía” dunha das letras. Moi dos 80.

Xusto. Hai esa referencia a Alaska e outros detalles. Na canción Toca o teu pé hai algo dos Bee Gees, Lobo lover ten un toque rockabilly… Aí temos a sorte de ter o teclado de Alex Salgueiro, que ten varios tipos de teclados… Nesta canción utilizou un hammond para crear un efecto que lembrase as pelis de medo dos anos 50. No vestiario, de Uxía P. Vaello, tamén hai unha estética vintage…

Como xurdira A Banda do Verán? Este é o voso segundo traballo.

Primeiro foi un trío que formamos Jara Ortiz, Carlos Freire e eu. O nome era Son + d 2, (son máis de dous), que a verdade é que case ninguén conseguía ler ben. Comezamos co espectáculo Estamos no verán e vimos que a xente nos chamaba A Banda do Verán. Por iso ao final cambiamos o nome. Máis adiante eu coñecín a Álex Salgueiro, e entrou tamén Alberto Rodríguez, que tivo que deixalo por motivos de traballo, entón entrou no seu sitio Antón Fernández no baixo. E Marta Alonso, que fai danza e voces, e que continúa tamén neste proxecto.

No disco hai bastantes instrumentos. Guitarra eléctrica, baixo e teclados, sobre todo. Pero máis cousas.

A produción do disco fíxoa Alfonso Camarero. Parecíanos importante levar o son da banda a certos ritmos, a certos sons, que levasen á idea de medo, ou máis ben a unha parodia do medo. Por iso tiramos de biblioteca de sons tamén. A base instrumental da banda é guitarra, teclados, batería e baixo. As voces son a de Jara e a miña, pero tamén hai voces de nenos. Despois están o ukelele, a frauta traveseira e a táboa de lavar. Álex Salgueiro fai teclados, frauta traveseira e coros e Rubén Barros toca a guitarra eléctrica e acústica.

"A base instrumental da banda é guitarra, teclados, batería e baixo"

Hai partes do disco bastante teatralizadas. Quen se encarga diso?

Eu mesmo dirixín toda esa parte teatralizada coa axuda de Alfonso Camarero e Pablísimo. Marta Alonso ten unha voz en Lobo lover, na que introduce a historia. Todos estamos no conto, e nas ilustracións, entón a min apetecíame que Marta, que leva a parte de danza, estivese tamén nas cancións. Da mesma maneira, tamén fan os coros os músicos. E os nenos. Despois, eu poño voces para facer varios dos personaxes, coma o lobo.

"Eu poño voces para facer varios dos personaxes, coma o lobo"

E Jara fai de bruxiña en A receita, por exemplo. Jara e eu facemos, en realidade, as voces de varios dos personaxes. Aí tamén tivemos a sorte de contar cun contacontos: Pablísimo, -Pablo Sánchez-, que tamén fai varios personaxes e coros. A teatralización tamén é porque o conto vai recomendando, en distintos momentos, escoitar unha canción. Así, todo queda integrado.

Falabas antes da biblioteca de sons. Hai por exemplo risas terroríficas. Varios efectos dese tipo.

Si, fomos á biblioteca pero tamén facemos nós mesmos moitos deses efectos que comentas.

Como é o espectáculo, o directo? Vin un vídeo e supoño que procura bastante a participación…

Hai un aspecto de dinamización que si, claro, coidamos no espectáculo. A entrada é de medo e despois vamos conducindo o público polo que conta o conto, a través das cancións. Buscamos a participación, pero de xeito que todo sexa orgánico, que non sexa forzado, que se vaia dando. Ao mesmo tempo, penso que o espectáculo é musicalmente bastante potente. Polo que nos dixeron ata agora, desfrútano nenos e pais. Nótanse, se cadra, os dous anos de traballo…

"Buscamos a participación, pero de xeito que todo sexa orgánico, que non sexa forzado"

Comeza coa historia do lobo lover que recibe os visitantes, e a casa do terror.

Si, son as cancións que introducen a historia. Na primeira canción está o encontro co lobo, que resulta que quere ser artista, polo que queda impresionado coa chegada á casa dunha banda de músicos. Esta canción, como dicía antes, ten unha esencia rockabilly.

"Os nenos teñen máis medos, pero tamén máis confianza"

A cuestión é que a banda de música chega á casa e atópase con todo un bicherío, con moitos monstros que, nun principio, lles dan medo. Pero despois descobren que non son o que parecen. E eu penso que isto ten moito que ver con como son os nenos, que tenden a ter máis confianza que os adultos, que vamos aprendendo a desconfiar. Os nenos teñen máis medos, pero tamén máis confianza.

Por iso segue unha canción sobre o medo, que é substituído polo valor e ata a carraxe, e despois unha pulga zombi contaxiosa…

Si, aí o disco achégase un pouco ao circo. Hai un redobre de tambor, entra Pablísimo, e actúan as pulgas de Porto do Son, que teñen gheada e seseo.

Despois aparece un monstro na lavadora e hai un rock de inverno, que é presentado como un tránsito cara o verán. O monstro da lavadora lembra a canción “Estou na lavadora…”

Foi despois de facer esa canción cando nos decatamos de que si, que tiña relación coa canción que citas do Xabarín Club. Eu opino que pode ser o hit do disco. É moi pegadiza… O rock de inverno é un swing, que leva a táboa de lavar de Alfonso Camarero. É unha percusión que quere emular o xeito no que se facían os efectos no cine cando non había tecnoloxía. Co que se podía. Aquí, a táboa de lavar quere levar ao son dos ósos dos esqueletos…

Logo chega unha receita asquerosa que lembra a historia de Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas. E unha pantasma acatarrada e asmática.

O que quixemos aí foi facer unha canción bonita, cunha voz doce, pero contido asqueroso. Unha receita asquerosa. Jara pon a voz, que é dunha bruxa boa. Unha bruxa-fada case. Non pensaramos no libro de Ledicia pero, agora que mo dis, si que ten relación. En canto á pantasma con asma, é un grunge. A min grupos coma Nirvana sempre me pareceu que tiñan un punto escuro, que tamén é un pouco o que buscamos neste disco. É unha pantasma que quere axudar a súa nai e asustar, pero non dá feito porque ten catarro…

Despois vén a escuridade, que ten que ver co medo á escuridade que teñen moitos nenos -eu mesma, de pequena-. E o tren do pesadelo, antes do baile de toca o teu pé antes de que saia a luz do día.

A escuridade é como o último medo antes de que acabe a historia e a banda continúe o seu camiño. Eu tamén tiña moito medo á escuridade de pequeno. O que di é que a escuridade tamén pode ter a súa parte positiva, pois axúdanos a durmir. Aí hai dous bichos inventados polas miñas sobriñas, os gativampiros. Eu de neno tiña medo dos vampiros…

"Supoño que o medo é algo primixenio no ser humano"

Supoño que o medo é algo primixenio no ser humano… O tren do pesadelo é queda durmido e ter un pesadelo, facer unha viaxe en tren da que, aínda que tes medo, non queres fuxir. Queres percorrela, atravesala, ata o final. Como cando tes un pesadelo, o monstro perséguete, pero de repente decátaste de que estás soñando, e a ver se non é o monstro o que corre diante de ti…

Toca o teu pé é un funky, cunha referencia ao Stayin’ alive dos Bee Gees. Aí Pablísimo mete o personaxe cunha señora maior coa que nos poñemos a bailar.. E Xa é de día é, musicalmente, un contraste coas demais, porque é un reggae. Unha canción luminosa, que leva dalgunha maneira a Estamos no verán. Porque a treboada pasou, a banda atravesou as dificultades e o medo, saíndo con máis sabedoría. 

 

Mortiña, a nena zombi

Hércules de edicións vén de tirar do prelo outra obra, -un libro-, que pode ser acaída para o Samaín. Trátase de Mortiña, a primeira versión en galego do orixinal da autora e ilustradora italiana Barbara Cantini, traducida por Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González. Mortiña é unha nena con ganas de xogar e ter amigos, coma todos os nenos. Mais ela é diferente: é unha zombi.

Mortiña é unha nena con ganas de xogar e ter amigos. Mais ela é diferente: é unha zombi

Vive en Vila Decadente coa súa tía Defuntiña o o seu can Tristeiro, que non se sabe se está vivo ou morto. A tía, para protexela, prohibiulle deixarse ver pola vila, porque a xente asustaríase e as dúas terían que marchar. Pero Mortiña non se dá por vencida, e en chegando a festa do Samaín ten unha idea: nin sequera terá que disfrazarse. Bastará con repasar as olleiras e pouco máis…

A nena, como di Xoán Curiel ao explicar A casa do terror, ten a confianza propia da infancia

En Mortiña é, coma en A casa do terror, o medo o que, nun principio, se apodera dos protagonistas. No caso de Mortiña son, en concreto, os adultos: a tía, que teme a reacción dos vivos. Mais a nena, como di Xoán Curiel ao explicar A casa do terror, ten a confianza que teñen os nenos. Xunto co don da curiosidade, unido ao da ilusión. Por iso Mortiña tamén emprende, coma en A casa do terror, unha viaxe, da que sairá máis forte e feliz.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.