David Barro e Carlos Montilla veñen de inaugurar en Compostela Kunsthalle, un local na rúa da Conga que busca converterse nun “caixón de xastre” de iniciativas culturais nestes tempos de tesoiradas institucionais e crises rescatadas. Barro, crítico e comisario de diferentes exposicións, procede do mundo da arte mentres que Montilla forma parte do sector musical. Os dous conflúen neste proxecto que agroma no corazón de Compostela nun momento de “militancia cultural”.
Que pretende ser este local, este Kunsthalle?
David Barro: A idea principal é que se poidan proxectar iniciativas culturais e programacións de forma máis distendida e participativa. Hai unha parte dedicada á hostalería onde tamén se buscará a innovación. Búscase potenciar elementos como a arquitectura e a estética do local, pero tamén -coa apertura da cociña- pretendemos fomentar, dun xeito singular, a gastronomía compostelá. O que fai un pouco diferente este lugar é o seu carácter de caixa ou caixón de xastre. É un espazo no que pode caber unha maridaxe moi clara coa que se pode combinar actividades de arte pop e música pop ou visionar un partido de fútbol comentado por profesionais da música, por poñer algúns exemplos.
Carlos Montilla: O local busca funcionar como unha extensión da marca que creamos unindo os dous mundos nos que estamos a traballar: a arte e a música. Apostamos, en vez dunha oficina ao uso, por unha oficina que funciona como un espazo público e aberto. É un punto de encontro para as iniciativas de pequeno formato que se poidan facer acó e as iniciativas que se poidan desenvolver fóra. O que nos interesa é que este local acabe movéndose por vinculación externa con outras actividades, que vaia máis aló da propia hostalería e que se converta nunha pata máis dunha mesa que inclúe o cine, a arte, a arquitectura...
DB: O nome vén de dous termos alemáns. O primeiro Kunts, que vén sendo arte. O segundo Halle, que é sala. Esa unión de termos é o concepto orixinario do que hoxe podemos entender como CGAC. É dicir, un centro de exposicións, pero non propiamente un museo. Até a creación dese concepto, a idea dun museo respondía á dun mausoleo. As obras estaban nas paredes e só se producía unha contemplación estática, serena e seria. O Kunsthalle acollía performances, exposicións temporais cunha participación activa... A idea é un pouco recuperar esa idea, por iso recuperamos ese nome. A nosa marca é en inglés iThink, o local conta cun nome alemán e abriuse no Día das Letras Galegas. Non foi casualidade, porque tamén haberá moitas actividades ligadas aos idiomas.
"A actividade cultural estivo ligada aos grandes eventos e penso que a cultura, máis que nunca, está necesitada de microeventos e de argumentos máis mínimos"
Estamos nun momento en que é necesario realizar unha redimensión da xestión cultural? É o momento de realizar iniciativas culturais máis miúdas, máis axeitadas nestes tempos e non grandes eventos con pretensións enormes?
DB: Si que é verdade que a actividade cultural estivo ligada aos grandes eventos e penso que a cultura, máis que nunca, está necesitada de microeventos e de argumentos máis mínimos. Precísanse de espazos máis reducidos e que poidan atraer o público dun xeito diferente. Seguramente hai moita xente que se achegue con máis facilidade a ver acó unha película dura antes que ir ao CGAC ou a Cidade da Cultura. Realmente, estamos nun momento en que é urxente crear públicos. Os axentes culturais deben dinamizarse para crear cousas e que non morran. Temos que bombardear todo tipo de espazos con cultura, mesmo os que non están afeitos á cultura. A creatividade ten cabida en todos os lugares.
Como organizades a programación do local? Imaxino que David encargarase máis dos espazos expositivos e Carlos dos eventos musicais.
DB: Para nós o importante é que sexa un produto de todos. E cando dicimos un produto de todos referímonos a que todo o equipo que traballa no local está ligado ao eido cultural. Tentamos compartir toda a experiencia, aínda que Carlos está ligado á musica e eu, ao eido artístico. Buscamos esa riqueza na que o público poida tocar a experiencia, case palpar toda esa experiencia cultural que se tornou distante en moitos sentidos. Iso é importante, sobre todo nun momento na que a cultura corre o perigo de afogar neste arrase do económico.
"Para nós o importante é que sexa un produto de todos. E cando dicimos un produto de todos referímonos a que todo o equipo que traballa no local está ligado ao eido cultural"
CM: As tarefas intentamos coordinalas conxuntamente, aínda cada un traballa máis dentro do seu campo. Como xa dixo David, todo o equipo está ligado á expresións culturais e todos achegan ideas. Preténdese que o espazo sexa de dominio público e o local está aberto a reunións, presentacións, roldas de prensa... Cousas que non teñen por que estar vinculados ao propio espazo.
Antes comentaba David que estamos nun momento no que se precisa urxentemente crear públicos na cultura. Que público pretendedes crear neste espazo? Cando se abre un negocio sempre se pensa no público obxectivo...
"É unha resistencia militante para dicirlle a economía que... que non poderá con nós"
DB: O público obxectivo é o interesado. Ningún de nós cre nunha exclusión de públicos. O perfil é o de xente interesada na cultura, na comunicación, nunha vida contemporánea dinámica. Nun museo vaise a mirar unhas obras. Aquí, cando entras, dáste conta de que é ao revés: as obras case fitan para ti.
CM: O local está vencellado a diferentes cousas e cada persoa vai darlle un valor engadido diferente, dependendo da súa preocupación e das súas inquedanzas. Haberá quen lle dea valor aos dj's que veñen por aquí. Outros terán o seu interese no que está exposto. Outros simplemente estarán no espazo de arriba tomando algo e outras cousas pasaranlles desapercibidas. Non buscamos situarnos cunha elite nin nada semellante.
DB: Cremos que, con todo o que está pasando, si que ten que haber unha pretensión de militancia cultural. Dá igual onde se produza, sexa nun local ou nun teatro, sexa tomando unha copa ou escoitando música. Esa sensación de militancia existe en todas partes. É unha resistencia militante para dicirlle a economía que... que non poderá con nós.
"Vivimos nun modelo moi protexido, no que se promoveu a cultura do gratuíto e que non se arriscou demasiado"
Iso último lémbrame a algo que me dixera en varias ocasións Xesús Ron, de Chévere: “Vivimos nun momento en que a cultura ten que volver ás trincheiras”. A crise, as tesoiradas, todo conduce ás trincheiras?
CM: O que hai que ter en conta é que realmente non houbo transición no mundo cultural. Vivimos nun modelo moi protexido, no que se promoveu a cultura do gratuíto e que non se arriscou demasiado. Non había estrutura de financiamento privado. De súpeto, derrubouse todo. Agora vivimos nun momento de reflexión e as solucións, máis que nunca, teñen que saír da propia cultura. Efectivamente, a cultura ten que atrincheirarase e buscar solucións. Temos que solucionar este desastre. Estamos vivindo un momento realmente complicado.
DB: Podemos recuperar unha frase que a avoa de Antón Lamazares lle repetía moito: “Tira para adiante, para atrás non hai sitio”. Iso é o que hai que facer.