Fina Casalderrey será a quinta muller que ocupe unha das cadeiras da RAG. E está disposta a facelo non só avanzando un chanzo máis no seu compromiso persoal coa lingua, senón seguindo a pelexar por demostrar canto vale a Literatura Infantil e Xuvenil do noso país. Ela é unha das autoras galegas máis recoñecidas, cunha traxectoria que conta máis de cincuenta obras publicadas, con traducións a varias linguas e importantes premios a nivel nacional e internacional.
Serás a quinta muller académica na RAG. Cal cres que é o motivo de que sexades tan poucas?
A Academia, de certo foi cousa de homes porque a sociedade tamén o foi. Quero crer que as cousas irán mudando pouco a pouco. Se facemos fincapé na desproporción entre o número de mulleres e homes, as cifras falan soas: de trinta membros numerarios, na actualidade, tan só cinco son mulleres, dun total de seis en toda a historia da Academia dende os inicios. A cousa non é como para botar foguetes! Pero creo que hai dende dentro un desexo de que estas cousas muden.
Cales serán as túas prioridades de traballo na RAG?
Non estou aínda dentro, non sei cal vai ser o meu labor na Academia. Só sei que teñen diferentes seccións nas que traballar, pero non sei onde podo ser máis útil. Sexa onde sexa que estea, tentarei seguir aquel primeiro obxectivo que marcara Manuel Murguía no seu solemne discurso como primeiro Presidente da RAG naquel setembro de 1906: “O obxectivo principal da Academia é a atención á lingua galega”. Así que, a colaborar co resto de académicas e académicos en tentar conseguir que a defensa da lingua e a cultura estean entre as prioridades dos sucesivos gobernos, da sociedade galega e da propia Academia, por exemplo.
"Non sei se a LIX xoga en Segunda División, como se me ten formulado, ou se se trata de algo aínda máis complexo, e xoga noutra dimensión. Nunha dimensión aínda abondo descoñecida"
Fuches escollida polo que representas na Literatura Infantil e Xuvenil galega que, segundo dixeches, reivindicarás no teu discurso de ingreso. Segue a ser necesario explicar que a LIX non é literatura menor?
Vaia... en realidade polo que fun escollida non o sei. En todo caso estou, por suposto moi agradecida porque o tomo coma un recoñecemento á literatura que chamamos Infantil e Xuvenil, á LIX, e mesmo á xente do ensino, que tanto labor leva desenvolvido, e segue a desenvolver, pola normalización da nosa lingua. Neste momento non podo dicir moito máis porque me falta ese necesario pouso da reflexión e a experiencia dende o outro lado. En canto a se creo que é necesario insistir nesta reivindicación da LIX, creo que cada vez un chisco menos, pero mentres, poño por caso, esta pregunta se siga a formular, significa que aínda queda moito por reivindicar. E, por poñer un exemplo, nos 35 anos dos premios da crítica, cando menos, nas bases xa aparece contemplado que a LIX entra, pero na realidade, só en dúas ocasións tiveron a ben premiar unha obra xuvenil (1995 e 2012). Mesmo hai que me ten preguntado se me conformo co prestixio acadado na LIX ou me atrevo a dar o salto. Aceptar ese conformo sería dar por feito que a LIX é inferior, que non chega á categoría absoluta de Literatura. Non sei se a LIX xoga en Segunda División, como tamén se me ten formulado, ou se se trata de algo aínda máis complexo, e xoga noutra dimensión. Nunha dimensión aínda abondo descoñecida, malia os esforzos de parte do profesorado de filoloxía ou maxisterio, dos cambios ao convertela en materia obrigatoria en Infantil. Conste que cada vez négana menos porque se coñece máis. Descobren que Risco, Saramago, Rivas… tamén se mergullaron nela… ou xente como Marilar ou Manuel Lorenzo G. que lle dedican a vida á ambos rexistros.
"Estou desexando ver a cara de Xosé Neira Vilas cando vexa rematado o filme de Querido Tomás. Ademais, el mesmo fai unha colaboración especial actuando nunha escena e faino cunha naturalidade de profesional"
Na actualidade traballas na adaptación ao cinema de Querido Tomás de Neira Vilas, despois da túa experiencia no audiovisual con Dúas Letras. Como vai ese novo proxecto?
Xa rematamos a rodaxe e a montaxe, é dicir, os momentos onde me tocou aprender e gozar máis. Agora falta o traballo dos técnicos de son e a música. Ambas cousas moi importantes, tamén. Fáltalle, pois, a roupa que a faga lucir mellor... Refírome á banda sonora, pero iso na non é directamente cousa miña. O certo é que estou desexando ver a cara de Xosé Neira Vilas cando a vexa rematada. Ademais, el mesmo fai unha colaboración especial actuando nunha escena e faino cunha naturalidade de profesional.
"A educación pública é o espello real dunha sociedade e non pode ser vulnerable a intereses económicos. Se na escola comezan a pasar frío, se hai máis alumnos por aula… estamos a dar pasos atrás"
Con todos os anos de experiencia que contas como mestra, como xulgas a situación actual do ensino en Galicia tras os recortes orzamentarios?
As circunstancias foran mudando, chegaramos a un ensino con máis oportunidades para todos, para todas. Os fillos dos traballadores tamén puideron ser arquitectos, enxeñeiros, médicos, científicos, economistas, literatos… Un dereito constitucional!! Unha conquista da democracia que se nos está esvaecendo coma fume de cabicha e que non debemos permitir. A educación ten que ser un patrimonio nacional irrenunciable, non podemos deixar que, como tal, nos sexa arrebatado. A educación pública é o espello real dunha sociedade e non pode ser vulnerable a intereses económicos. Se na escola comezan a pasar frío, se hai máis alumnos por aula… estamos a dar pasos atrás. Á educación non se pode quitar para sacar adiante un país, aínda que eu non quixera verme na pel dos gobernantes hoxe, dos gobernantes honrados, que algún, algunha, haberá…
"Pola miña experiencia no ensino, pola oportunidade de visitar outros moitos, sei que non é o castelán o que corre perigo"
E en canto á lingua? De que xeito cres que o decreto do plurilingüismo do actual goberno está a afectar ao seu uso nos nenos e nenas?
Este tipo de efectos non se ven da noite para a mañá, pero veranse. Camiñamos en zigzag. Pola miña experiencia no ensino, pola oportunidade de visitar outros moitos, sei que non é o castelán o que corre perigo, o que leva labazadas de diglosia a cotío. Eu tamén o sinto como unha lingua que me pertence, non o rexeito; pero estou tranquila, sei que non corre perigo algún, que máis do 80% dos rapaces cos que me teño relacionado nestes últimos anos (refírome a colexios de toda Galicia, incluído o meu instituto), diríxense de maneira espontaneamente a min en castelán. Por suposto que os respecto, os entendo, é o que maman, pero dáme mágoa que a hipocrisía de moitos, de agora (e de antes) deixe morrer as palabras de noso. Para facer medrar unha lingua hai que a falar. Se dende os poderes se dá exemplo, non fan falta leis que as enfronten. Dende logo as linguas non son culpables. Eu agora xa me xubilei, non estou en contacto directo cos rapaces no día a día, pero sigo a crer na forza do profesorado, na súa preocupación por un ensino plural e responsable, e quero crer que serán capaces de conseguir escribir dereito por ringleiras torcidas...
"Moitas veces, cando dicimos “isto non o entendería un neno”, ten máis que ver coa nosa preguiza (ou incompetencia) para explicarllo ca coa súa incapacidade emotiva ou intelectual para a reflexión"
Es unha das autoras galegas de LIX máis premiadas. No 1991 recibiches o Premio Merlín por Dúas bágoas por máquina, un libro sobre un can maltratado por unha familia. O maltrato e o abuso de poder están bastante presentes nas túas obras (Ola, estúpido monstro peludo; A pomba e o degolado, nalgún conto de O neno can...), tratados con realismo e tamén crueza. Sempre dis que non hai necesidade de disfrazarlles as cousas aos nenos. Esa convicción é a que te guía á hora de relatar ese tipo de historias?
Xa me gustaría ser quen de mostrar o mundo emocional da infancia, a potencia conmovedora dos seus sentimentos! Moitas veces, cando dicimos “isto non o entendería un neno”, ten máis que ver coa nosa preguiza (ou incompetencia) para explicarllo ca coa súa incapacidade emotiva ou intelectual para a reflexión. Creo que, loxicamente, teñen menos experiencias ca nós, pero que sempre hai maneiras de tratar temas, cos que poder atopar un fío que nos comunique moi en serio, mesmo aínda que lles arrinquemos sorrisos. Non se trata de disfrazar nada, a beleza e a profundidade caben na LIX. Cando lle escoito a algún autor, autora, que escribe unicamente libros para adultos, desvelar o que sinte e como se enfronta a unha historia... non noto que o que expresa se diferencie do que sinto eu mesma, cando escribo un relato que se supón para cativos. O mesmo que non hai por que poñer voz falsete para falarlles, tampouco para escribir para eles. Se probamos a contarlles a un neno A morte do Bieito de Fole, poño por caso, asegúroche que os engaiola, dende idades ben temperás, tanto como pode seducir a un adulto. A mirada dun neno, dunha nena, antes os grandes temas, interésame moito.
"O mesmo que non hai por que poñer voz falsete para falarlles, tampouco para escribir para eles"
En O misterio dos fillos de Lúa, premio Nacional de LIX no 1996, utilizas unha técnica habitual nos teus libros, que é a narración en primeira persoa, poñéndote no lugar do neno ou nena. Isto permíteche, dixeches algunha vez, fuxir da moralina. Pero tampouco hai que ter medo, dis, de que os lectores aprendan algo. Como atopar o equilibrio para que non resulte moralista, pueril...?
Botando estas contas... Se eu xa teño uns valores que me foron gravados na pel da alma, por ambiente, educación, lecturas, profesión, soños... non se notarán sen ter que finxir e sentirme atada? A literatura nada sería sen ás, sen liberdade. E unha deontoloxía deberiamos esixírnola sempre en todas as profesións e para calquera idade. Non podemos incitar a un neno ao mal (facelo visible, si) por causa das nosas palabras, pero... a un adulto, si? Pregunto eu... Polo demais, trátase do de sempre: atopar marabillosas historias e contalas ben.
A propia LIX, non só galega senón de todo o mundo, foi evolucionando neste sentido. Quero dicir, que a autocensura xa non se leva nos autores e autoras (penso, por exemplo, na forma tan crítica con que Marilar Aleixandre fala da violación en A cabeza de Medusa). Xa non hai preocupación por non ofender aos pais?
Nesa historia, ademais, hai unha clara denuncia que Marilar fai de certo tipo de nais e pais aos que lles pesa máis o que dirán ca loitar por rachar con certo tipo de situacións tremendas, como os prexuízos que converten a vítima en verdugo nunha violación ao facer que oculte o pecado coma se fose culpable. Pero ves? Marilar faino con esa porta aberta a esperanza de que esas cousas muden, porque é quen de remexer nas conciencias. Na literatura tamén cabe a denuncia.
En relación co anterior, hai temas que se foron incorporando á LIX, e ó resto da literatura, máis tarde, coa propia evolución da sociedade. Falo, por exemplo, da homosexualidade. Segue a haber tabús?
Si... aínda que cada pouco menos. Talmente a vida mesma... Ou se se tocan é de maneira moi tímida…
"A imaxinación aliméntase da memoria. Creo que quizais teña máis forza calquera situación dramática, calquera problema social se se achega a lupa ata personaxes concretos que o sofren directamente, daquela é máis efectivo para remover conciencias"
Nos teus libros, céntraste moito en temas que poden ser un reflexo da vida cotiá de calquera neno ou nena: a familia, a amizade... Pero moitas veces aparece, de fondo, un contexto político e/ou social que lle acaba de dar sentido ao relato: o caciquismo, o desempreho.. Por que queda en segundo plano esa dimensión sociopolítica fronte ao individual, familiar...?
Atráeme o extraordinario que pode haber nun día calquera, desposuílo da rutina… Incluso Lezama Lima, ese peregrino inmóbil que dixo: “Aquí estoy en mi sillón, condenado a la quietud, ya peregrino inmóvil para siempre. Mi único carruaje es la imaginación pero no a secas: la mía tiene ojos de lince” e que por razóns de peso — estaba tan groso que foi apodado El Buda de Trocadero— terminou recluído na súa propia casa, aínda que defendía que “a verdadera viaxe é apenas un movemento da imaxinación”, en Paradiso, o protagonista (José Cemí) ten asma coma el; aparece unha asistenta que responde á descrición da súa asistenta real, Baldomera… A imaxinación aliméntase da memoria. Creo que quizais teña máis forza calquera situación dramática, calquera problema social se se achega a lupa ata personaxes concretos que o sofren directamente, daquela é máis efectivo para remover conciencias. Tampouco é necesario darlle voltas ao mesmo coma unha nora. Nenos e nenas son máis novos ca nós, pero non menos intelixentes. Non necesitan, nin lles gusta que os empuxen, en todo caso darlles a man.
Respecto das relacións familiares, hai varios libros teus que adquiriron especial relevancia. Prohibido casar, papa! foi escollido na lista The White Ravens no 98; como Quen me quere adoptar? no 2006. Varias das túas novelas xiran arredor da vellez e de como esta muda a relación cos nenos e nenas (o avó que enferma...), por exemplo en O estanque dos parrulos pobres, premio Edebé no 95. Que é para ti máis importante salientar sobre os conflitos familiares?
Detectalos, remexer conciencias... A literatura tamén é denuncia... A fantasía dáme oportunidade de poder tocar temas duros coma a violencia de xénero, sen ocultar o drama, pero tamén sen traumatizar. En certa medida, en canto contas algo que se instalou antes na túa memoria, xa o fantasías…Pero sobre todo, insisto, a min preocúpame atopar fermosas historias e contalas da maneira máis bonita que poida.
Tamén a morte dun ser querido (un familiar ou un animal, moitas veces), está bastante presente, como en Sobrevives ou en Prohibido casar, papá. Se cadra os teus libros axudaron, nese sentido, aos nenos e nenas a afrontar o tema... Tes constatado que fose así, polos teus alumnos por exemplo?
Co meu alumnado nunca o comprobei, nunca xamais lles recomendei libros meus, e ben sabe deus, que non foi por falta de ganas de que os lesen, pero como hai outros autores e autoras marabillosos, non hai porque exercer o narcisismo en canto a recomendacións lectoras. Se o fixeron, que sei que si en variadas ocasións, foi pola súa conta. Fóra do meu entorno escolar, si me teñen dito que, poño por caso, O estanque dos parrulos pobres lles serviu de antídoto contra a tristeza pola morte dun avó. Conste que a miña intención cando o escribín só era tentar ser, non só os outros personaxes adultos da historia, senón tamén a nena de seis anos, a protagonista que encara con toda naturalidade a morte dun ser querido.
"Cada una das miñas historias naceu dun momento diferente, dunha forza distinta, dunha emoción nova…, ás veces dun momento de dor, imitando a unha ostra cando lle fan unha incisión e ela remata fabricando unha perla"
Outra das túas inquedanzas é, segundo parece polos teus libros, o respecto pola diversidade (natural e social). As de mosca para Anxo ten que ver con isto, ou se cadra A lagoa das nenas mudas. Cales son, en xeral, os temas que volven a ti unha e outra vez, case sen que o penses? (Os medos dos nenos poderían ser outro exemplo).
Eu, aínda que hoxe véndome, pareza mentira, fun nena unha vez... Trátase de observar o mundo con ollos novos cada día.. Conste que non teño una fórmula máxica. Cada una das miñas historias naceu dun momento diferente, dunha forza distinta, dunha emoción nova…, ás veces dun momento de dor, imitando a unha ostra cando lle fan unha incisión e ela remata fabricando unha perla.
"Sempre digo que somos coma o carpinteiro, que para facer unha mesa de madeira precisa a madeira. Se é un bo profesional fará unha mesa forte e bonita, se é un chapuzas faraa feble e ordinaria... pero insisto, en ambos casos precisa a madeira"
Dixeches que é difícil emocionar aos lectores contando algo que non te emociona. Que a clave é escribir do que se sabe. A emoción é, dende logo, un dos piares de Dúas letras, ou de O misterio dos fillos de Lúa. Supoño que a túa propia experiencia, foi un apoio fundamental para escribir estas e moitas outras obras, non si?
Non fun a primeira en pensalo, nin en dicilo. Italo Calvino en Los libros de los otros di que unha carga de inmediateza vital non se pode simular para escribir unha novela, de certo non se sente. Por suposto. Eu sempre digo que somos coma o carpinteiro, que para facer unha mesa de madeira precisa a madeira. Se é un bo profesional fará unha mesa forte e bonita, se é un chapuzas faraa feble e ordinaria... pero insisto, en ambos casos precisa a madeira. O que acontece ao meu redor, preocúpame, ocúpame, asústame ou emocióname e inflúe no que escribo.
Levas publicados máis de trinta libros, moitas veces máis dun ao ano, sen contar as traducións a seis ou sete linguas. Como traballas? Ademais tes moitos e importantes recoñecementos, como o feito de ter sido nomeada candidata ao Astrid Lindgren dúas veces. Sentes recompensando o teu traballo?
Si, síntome moi afortunada en recompensas. Van alá máis de 50 libros, máis os que están editados en volumes colectivos… Pero é porque son moi maior, e algún deles ten poucas páxinas, deses que son, ou intentar ser, coma o salpicón de marisco, con todo o rico, pero sen cascas. A recompensa máis grande é cando atopas con lectores, lectoras emocionados, que fan medrar as historias coa súa ollada de luz.
Acusouse á RAG de estar afastada da sociedade, aínda que os últimos presidentes fixeron un esforzo para mudar iso. O posicionamento da RAG respecto do decreto do galego é un exemplo. En xeral, consideras que a RAG debe reorientar a súa actividade dalgún xeito?
A Academia terá que ir achegándose a sociedade, e a sociedade á Academia, a lingua pertence aos falantes, e por sorte fóra da Academia tamén hai. Pouco a pouco creo que están facendo esforzos por abrir ventás á esa sociedade. Hai anos, por exemplo, aínda existindo a RAG dende o 1906 (ou as Letras Galegas, despois, dende o 1963, como sabemos), a xente, o pobo non sabía da súa existencia, creo que as cousas están a mudar. Conseguir que o pobo que a fala sinta que a Academia o representa, que vela por coidar, manter e enriquecer a lingua de seu , e que esa lingua non lle sexa allea, é importante.