Xornalista, escritor, editor e, dentro de pouco, tamén libreiro. Tucho Calvo (La Guaira, Venezuela, 1954) reinvéntase cada pouco tempo. “Sorpréndeme que me dedicase ao xornalismo 36 anos. Cambiar gústame”, asegura o autor que, dende hai dez anos, encabeza o proxecto Biblos Clube xunto a Carmela González Boo. Agora, ese proxecto ramifícase para contar cunha libraría en Betanzos, na súa praza de Lanzós. Cando abrirá? Iso aínda está por decidir, pero será no treito final deste estío. A partir daquela, Tucho Calvo poñerase ao outro lado do mostrador, baixo andeis rebordantes de libros e atendera os lectores, seus e de outros, dun xeito diferente.
"Agora mesmo, hai librarías no país que están funcionando moi ben. Por outra banda, aquí hai unha sociedade que ha de mudar en moitos aspectos, que ha de revalorizar a cultura, o esforzo e, sobre todo, pensar e pensar"
Primeiro dedicámonos ao xornalismo toda unha vida. Despois, montamos unha editorial. Agora, abriremos unha libraría. A Tucho Calvo vanlle os negocios ruinosos?
[Risos] Realmente a idea non é facer un negocio ruinoso, porque non temos espírito nin de derrotados nin de perdedores. Unha libraría, coma calquera outro negocio, parece difícil que funcione nestes tempos. En todo caso, se montamos a libraría é porque está na liña das nosas actividades e apetencias. Tamén hai que ter en conta que, agora mesmo, hai librarías no país que están funcionando moi ben. Por outra banda, aquí hai unha sociedade que ha de mudar en moitos aspectos, que ha de revalorizar a cultura, o esforzo e, sobre todo, pensar e pensar. Pensar moito. Para iso hai que ler, hai que encher a mente.
É certo que nos últimos anos están nacendo librarías que andan a aguantar e outras, que levan unha vida enteira, permanecen. Pero outros casos, outros establecementos históricos acabaron por botar o peche. Ocórreseme o exemplo de Michelena...
Xa, pero cada libraría, como cada negocio, depende de infinidade de factores; dende acertar coa localización, acertar coa oferta de libro que fas e até ter a sorte de caerlles en graza aos posibles lectores. E ás veces non entendes por que pechan algúns comercios e non sabes por que permanecen outros. Nós o que pretendemos é dar o mellor servizo posible, atender o mellor posible a todos os clientes e tratar de facer unha oferta diferenciada no plano cultural. Outra cousa é conseguilo...
"Consideramos que abrir esta libraría será un revulsivo -ou unha achega máis- para o esforzo cultural que se fai en Betanzos por xente moi diversa"
Que oferta vai ter a súa libraría?
A libraría Biblos en Betanzos vai ter toda a actividade relacionada coa nosa editorial. Tamén vai ter unha sala de conferencias e exposicións duns 50 metros cadrados. Con ela, pretendemos ter actividade constante: conferencias, cursos, obradoiros, presentacións, exposicións, etc. Consideramos que abrir esta libraría será un revulsivo -ou unha achega máis- para o esforzo cultural que se fai en Betanzos por xente moi diversa. E queremos ser moi integradores, que teñan aí o seu espazo dende a xente do teatro, os pintores, os fotógrafos até un amplo abano de creadores
Por exemplo, agora nós xa temos previstos uns cursos iniciais. O primeiro é de Xosé Tomás e será un obradoiro de banda deseñada e ilustración. E temos outro que vai dar en outubro, coa súa experiencia de catro goyas, Ángel de la Cruz. Será un curso de guión que se desenvolverá durante os catro luns do mes de outubro. E despois, xa temos en mente algunhas presentacións para os primeiro días, como a do betanceiro Xabier López, que vén de gañar o Xerais. Nós publicámoslle en Biblos unha novela chamada 1989, unha novela xeracional que ten moito que ver con Betanzos e As Mariñas. Nós, coa libraría, queremos ter unha relación moi próxima coa cidade e con toda a zona. En calquera caso, será unha libraría xenérica.
Cando vai abrir?
Pois dependemos de moitas cousas. A nosa intención é abrir antes de setembro, mais non temos data concreta.
"Precisamos ter os nosos criterios cada vez máis asentados, pensar cada vez máis autonomamente porque a tendencia que vivimos é idiotinazarnos ao máximo, para manipularnos e levarnos a lugares que non son nada beneficioso para nós"
Nos últimos tempos, abriron varias librarías especiais. Por exemplo, Torga reformulouse en Ourense, Lila de Lilith en Santiago, Rinoceronte abriu unha en Cangas, A lus do Candil en Arteixo... Nota algún rexurdir das librarías? É dicir, ábrense novos estabelecementos deste tipo, algunhas xerais, pero outras moi específicas e seguen aí, abertas ao público nestes tempos ruíns...
Nestes tempos, hai que pensar nas librarías, pero tamén nas bibliotecas ou nas editoriais, como nunha necesidade evidente para que as persoas poidan formarse, crear o seu universo, crear as bases do seu raciocinio imprescindible para facer fronte á trivialización á que nos queren someter. Precisamos ter os nosos criterios cada vez máis asentados, pensar cada vez máis autonomamente porque a tendencia que vivimos é idiotinazarnos ao máximo, para manipularnos e levarnos a lugares que non son nada beneficioso para nós.
E non o conseguiron xa? Non somos xa bastante idiotas?
Bueno... Nótase que hai moita xente que non está idiotizada e hai outra moita que ten ganas de saír dese estado. Dende logo moitos vemos que é necesario un esforzo persoal e individual para poder sentirnos realmente libre nesta sociedade.
"Debemos retomar unha resistencia activa, social e colectiva fronte a todo isto. Sería importante a reactivación das asociacións sociais e dos movementos de base"
Fala do sector do libro e da lectura como unha necesidade social. Mais se é isto é unha necesidade social, parece que non ten unha resposta política dende hai tempo. É dicir, os gobernos que temos consideran realmente que este sector é importante ou estratéxico? No seu momento, en Galicia, aprobouse unha Lei do Libro no Parlamento que nunca chegou a desenvolverse ao xeito, non?
Mira, o que está claro é que unha sociedade adormecida é moi útil para os poderes políticos... para calquera tipo de poder. Canto máis acougada e menos pensamento, moito mellor. Debemos retomar unha resistencia activa, social e colectiva fronte a todo isto. Dende o meu punto de vista, sería importante a reactivación das asociacións sociais e dos movementos de base. Durante moito tempo renunciamos e desactivamos estes movementos, eses mecanismos sociais, porque deixamos todo en mans da representatividade política. Pois non pode ser, todos estes movementos hainos que recuperar para volver a ter voz e condicionar uns representantes que sempre acaban sendo alleos a toda vontade popular, que incumpren a súa palabra xa o día seguinte de conseguir os nosos votos. A sociedade debe rearmarse, debe reorganizarse e non dar todo por sentado. Hai que volver ás asociacións culturais, ás asociacións de veciños, aos clubs de lectura, a calquera foro de debate no que poidamos expresarnos libremente e consigamos canalizar as protestar e mudar esa representatividade política
Toda a representatividade política deixou de funcionar ou nunca funcionou? Ou non funcionaba, pero cando había cartos tanto nos tiña...
O que está claro é que só funcionará dalgún xeito se hai certa presión sobre esa representatividade. É dicir, non podes deixar todo ao monte... É como se tes unha empresa e cada quen fai o que lle peta sen mirar responsabilidade... É como se deixas a Pescanova así, da manga...
Volvemos ás editoriais e aos libros...
Veña, que me puxeches o nivel moi alto e este non é o meu campo...
E non será precisamente o campo de todos realmente?
Pois si, de todos.
Debería selo, ou?
Ten que selo...
"O noso campo é o de debater, propoñer e darnos de golpes até sacar ideas novas e que funcionen. Estivemos inmersos nunha sociedade do todo doado"
Se cadra nos convenceron de que non era o noso campo...
É o noso campo claramente: o de debater, propoñer e darnos de golpes até sacar ideas novas e que funcionen. Estivemos inmersos nunha sociedade do todo doado. Ademais, os lemas que se repetiron constantemente eran nese sentido, todo en plan: “Aprende inglés sen esforzo”. Todo así, todo sen esforzo. Bueno, conseguir as cousas custa.. Mira, cantos rapaces deixaron os estudos porque era moi doado atopar traballo e gañar cartos sen estudar?
E que pasou tamén cos que seguiron estudando? Digo a nivel laboral...
Vale, a niveis laborais, o resultado é o mesmo: uns e outros están no paro. A diferenza é que uns teñen cultura e maior capacidade de análise e adaptación ca outros. A formación ten que valer e vale, mesmo para asumir a situación e analizar o que pasa. Se cadra non vale para desesperar menos nestas circunstancias, mais si para ser consciente da situación e non verte, sen máis, abocado a unha realidade que non comprendes. Iso é o peor, cando estás desasistido, desvalido e non entendes o porqué.
"Imos facer algo que, máis alá de ser máis ou menos negocio, fainos sentir satisfeitos porque vemos que cumprimos un papel na sociedade"
Hai dez anos todo isto era diferente. Que lles pasou a vostedes nestes dez anos que leva existindo Biblos?
Diferente en todo... Hai dez anos, cando abrimos Biblos, a maioría das opinións eran como as de agora ao abrir a libraría: Mal negocio, un sector pouco prometedor e pouco futuro. Eu creo que, sobre todo, é algo que nos gusta facer. É algo no que cremos e algo que nos gusta ofrecer desde ás nosas fillas até a todo o mundo. Imos facer algo que, máis alá de ser máis ou menos negocio, fainos sentir satisfeitos porque vemos que cumprimos un papel na sociedade.
O balance de Biblos é bo nesta década?
En moitos sentidos é bo. Primeiro, é bo porque seguimos existindo. Segundo, é bo porque o obxectivo que nos marcamos segue vixente e se cadra aínda máis. Mira, cada vez é máis difícil o acceso ao libro galego, cada vez hai menos puntos de venda. E, despois, tamén é moi positivo por moitas das actividades que fomos desenvolvendo. Especialmente, claro está, o premio Biblos, que, cosa nosa colaboración, impulsou o nacemento de varios escritores novos e a súa incorporación ao panorama literario. E tamén é moi positivo o balance no traballo de popularización e difusión da edición galega. Pensamos que fomos un bo escaparate para este traballo.
"É moi positivo o balance no traballo de popularización e difusión da edición galega. Pensamos que fomos un bo escaparate para este traballo"
Cantos socios ten Biblos, se se pode saber?
Andamos estabilizados en 2000 dende sempre. E como xa o vas preguntar a continuación, xa che contesto: Nós sufrimos a crise como todo o mundo e perdemos socios. Ningún queixándose do funcionamento, pero si que se deron de baixa por situacións de paro e polas difíciles situacións económicas. Tamén é verdade que algúns xa volveron e despois, neste tempo incorporáronse bibliotecas e bibliotecas escolares. As súas incorporacións fixeron mudar o perfil do socio.
"Nós sufrimos a crise como todo o mundo e perdemos socios. Ningún queixándose do funcionamento, pero si que se deron de baixa por situacións de paro e polas difíciles situacións económicas"
Biblos tamén pechou a súa colección Mandaio. Iso tamén será outra mostra da crise, non?
A colección Mandaio pechou porque era unha colección cun formato que marcaba certas rixideces. Era en tapa dura e levaba un plastificado que se nos foi complicando. Nós acabamos imprimindo os libros en Santiago, encadernabámolos en Culleredo e plastificabámolos en Asturias, porque a empresa que o facía aquí, en Galicia, deixou de facelo. Era un formato moi incómodo e esa foi unha razón para pechar a colección. E despois, a colección naceu como agasallo para os socios e socias. Coa redución de vendas, que iso si que se notou, entre os socios, pois facíase demasiado oneroso manter ese agasallo para todos eles.
Este ano houbo gañadora, Lidia Gómez; pero o Premio Biblos quedou deserto o ano pasado pola baixa participación. Resulta preocupante que haxa tan pouca xente de menos de 25 anos interesada en participar nun premio coma este para dar os seus primeiros pasos na literatura. É cuestión xeracional ou é que non se comunica a existencia do premio correctamente?
En xeral, a resposta sempre é moi baixa. Resulta difícil que a xente dunha franxa de idade nova saiba disto, porque é unha franxa que muda rapidamente, na que entra xente e sae xente cada ano, xente que muda rapidamente. Require, polo tanto, un gran esforzo chegar a esa franxa. É difícil que saiban que isto existe. E, despois, tampouco temos que esquecer que escribir unha novela non é nada doado, non é nada fácil fiar cen folios con algo que contar. Non temos que pensar que todo o mundo sabe nin que todo o mundo pode nin que a todo o mundo lle interesa. Dito todo isto, a nós parécenos baixa a participación. Vese que a xente estará noutras cousas, noutros modelos.