O pasado 1 de decembro o Legado activo Beiras Cal comezou a publicar nas redes sociais unha serie de 24 nadaliñas enviadas ou recibidas pola parella nos anos 40, 50, 60 e 70 do pasado século. A serie rematou este 24 de decembro
O pasado 1 de decembro o Legado activo Beiras Cal -iniciativa coa que se busca dar continuidade ao legado deixado polo oculista e investigador Antón Beiras e a mestra e pedagoga Antía Cal- comezou a publicar nas redes sociais unha serie de 24 nadaliñas enviadas ou recibidas pola parella nos anos 40, 50, 60 e 70 do pasado século. A serie rematou este 24 de decembro, completando así un conxunto de felicitacións de Nadal cun gran valor histórico e estético e que ademais supoñen un retratro dun tempo e dun país.
Xunto coas propias nadaliñas foise publicando unha explicación de cada unha delas nas que se presentaban aos autores tanto dos textos como das ilustracións. Entre as nadaliñas publicadas hai tres grandes grupos: un primeiro proveniente de figuras destacadas da cultura galega do momento, un segundo grupo remitida por empresas de diferentes sectores e un terceiro grupo de familiares directos da familia Beiras-Cal ou eles mesmos.
Son nadaliñas moi distintas entre si, separadas no tempo e de autorías diversas. Porén, o elemento que as une a todas elas "é o feito de estar escritas en lingua galega nun momento no que o uso da lingua estaba aínda moi restrinxido aos rexistros orais", destácase dende o Legado activo Beiras Cal
As felicitacións inclúen textos de autores senlleiros da literatura galega, como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Xosé María Álvarez-Blázquez, Sebastián Martínez Risco, Ben-Cho-Shey, Manuel María, Díaz-Jácome e tamén panxoliñas recollidas da tradición popular. Entre as ilustracións que se incorporaran había creacións de nomes como Joan Miró, Carlos Maside, Luis Seoane, Xosé Sesto, Ventura Cores, Francisco Creo, Rivas Briones, Villar Chao ou gravados de Wolfang Kilian.
As autorías (as persoas que enviaban as felicitacións) eran tamén moi diversas, e atopamos nadaliñas de Manuel Beiras, de Sebastián Martínez-Risco, da familia Álvarez-Caccamo, de Xosé Ramón Fernández-Oxea, de Manuel María e Saleta Goi, de Alexandre Raimúndez, da Irmandade Gallega de Venezuela ou das empresas Coribasa ou Cerámicas do Castro/Sargadelos.
Son nadaliñas, polo tanto, moi distintas entre si, separadas no tempo e de autorías diversas. Porén, o elemento que as une a todas elas "é o feito de estar escritas en lingua galega nun momento no que o uso da lingua estaba aínda moi restrinxido aos rexistros orais", destácase dende o Legado activo Beiras Cal.
A derradeira, publicada este martes, é unha nadaliña moi especial, enviada en 1962 por Celso Emilio Ferreiro a Antón Beiras, cunha dedicatoria manuscrita, un poema do propio autor e unha ilustración de Joan Miró
A derradeira, publicada este martes, é unha nadaliña moi especial, enviada en 1962 por Celso Emilio Ferreiro a Antón Beiras, cunha dedicatoria manuscrita, un poema do propio autor e unha ilustración de Joan Miró feita para a publicación do libro no que se incluía este texto, o Longa Noite de Pedra que viña de ser publicado pola editorial Galaxia. Este poema, ademais, foi posteriormente musicado por Luís Emilio Batallán en Agardarei para despois ser versionado por Elodio y los seres queridos ou Reincidentes.
Hai nadaliñas moi singulares, que inclúen a remitida polo grupo Sargadelos de Díaz Pardo en 1971 ou a enviada en 1970 por Manuel María e Saleta Goi
Pero nas 24 series de imaxes publicadas hai nadaliñas moi singulares, que inclúen por exemplo a remitida polo grupo Cerámicas do Castro/Sargadelos de Isaac Díaz Pardo en 1971, cunha ilustración de Luís Seoane.
Ou a remitida en 1970 por Manuel María e Saleta Goi dende a Libraría Xistral cun 'Poema pra celebrar a chegada dos Reises Magos' asinado por Manuel María.
Outra ben podería ser o testamento de nadal do pintor Carlos Maside, remitida en 1957-58 só seis meses antes de falecer
Outra ben podería ser o testamento de nadal do pintor Carlos Maside, remitida en 1957-58 cun debuxo seu e un breve texto ("Feliz Nadal. Bon aninovo"), só seis meses antes de falecer.
Outra, moi curiosa, enviada en 1950 por Manoel Suárez, amósase moi reivindicativa, amosando unha Cartilla de Racionamento e o texto "Que do ceo nos vaixe a pacencia pr'agoantar o provir".
Pero todas elas inclúen moitísimos detalles que lles achegan moito valor. Unha incorpora, por exemplo, un debuxo realizado por unha nena de cinco anos, alumna da Escola Rosalía de Castro fundada por Antía Cal en Vigo.