Corasons (Kalandraka) é un deses proxectos que xorden case por azar, nun encontro casual, unha idea que pola súa propia forza vai enganchando máis e máis xente, e que vai crecendo, até tomar vida propia. Así, o que non era máis que unha proposta para acompañar musicalmente a inauguración dunha exposición de fotografías na compostelá Casa das Crechas virou un libro-cd-dvd con ducias de colaboradores, unha coidada edición e distribución internacional. Todo, arredor dos corazóns, dos corações, dos corasóns.
Conta Uxía Senlle, coordinadora do proxecto, que "todo nace a partir das fotografías de corazóns de Isabel Leal, que eu coñecía dende había tempo. Perdéramos o contacto e recuperámolo a través das redes sociais, do Facebook. Descubrín que tiña un álbum de fotos precioso, e ocorréuseme que podía facer un concerto nas Crechas, para acompañar a exposición das súas fotos. Foi un concerto moi familiar, pequeno, no que participaron xa algunhas das persoas que están no disco. E a partir de aí foi medrando: estivemos en Teo, no Porto, na Coruña... E pouco a pouco iniciamos un proceso de paralelo no que foron xurdindo cancións inspiradas polas fotos e fotos inspiradas polas cancións".
Isabel Leal: “hai tres anos, no comezo do verán, algo me aconteceu no ollar. Ao son dun clic, disparei a ver corazóns, día a día, a través do meu obxectivo sensible"
A este respecto Isabel Leal lembra o momento en que comezou a retratar os corazóns que atopaba no mundo físico: “hai tres anos, no comezo do verán, algo me aconteceu no ollar. Ao son dun clic, disparei a ver corazóns, día a día, a través do meu obxectivo sensible. Eu continúo a velos, os corazóns, tantos e tan diferentes, desde os máis velos aos máis taciturnos, tal como a vida, no que ten de máxico e de incoloro, no que ten de profundo e de natural, no que ten de dor e de paz”.
"Non pretende ser unha cousa ñoña nin unicamente romántica. É unha exaltación dos sentimentos. Hai moitas visións do corazón: a amarga, a doce, a máis irónica, a máis festeira, e despois desgarradoras"
Os corazóns son o nexo, pero "non pretende ser unha cousa ñoña nin unicamente romántica. É unha exaltación dos sentimentos. Hai moitas visións do corazón: a amarga, a doce, a máis irónica, a máis festeira, e despois desgarradoras", comenta Senlle, que destaca sobre todo que "este proxecto é unha festa da amizade e do encontro", no que colaboran xuntos profesionais e non profesionais. "Antonio Zambujo, que é un dos artistas que máis vende en Portugal agora mesmo, convive con Belén, que é cardióloga e que lle encanta cantar e que o fai moi ben. Están as miñas irmás, que nos reunimos para cantar nas festas familiares, e este proxecto foi o contexto natural para que nos xuntásemos. Magín Blanco é unha peza fundamental porque fixo varias cancións moi ad hoc para os corasóns. Xoán Curiel tamén fixo algúns temas fundamentais. E non quería esquecer a Tatán Cunha, que é outro descubrimento, actor, fundador de Tanxarina, que aquí se descobre como un gran crooner. Aline Frazao, María Pujalte, Ugia Pedreira, o imprescindible Sérgio Tannus, e tantos e tantas outras.
O libro-disco, con 19 temas, inclúe tamén un DVD coa gravación do concerto (a cargo de Paco Abelleira) que acolleu a Illa de Arousa: "o disco xa estaba en camiño, e despois incorporamos a idea do documental, xusto despois do concerto de Porto no Maus Hábitos. Pensamos onde poderíamos gravalo, e tivemos claro que o mellor lugar era A Illa. Podiamos estar nas nosas casas, mirando o mar tranquilamente, nun ambiente de amizade. Este proxecto é unha festa da amizade e do encontro, e queriamos un lugar que o propiciase". "Nito Dios, que é un bateeiro amigo noso de hai moitos anos, cedeunos o baixo da súa casa, que é enorme, para que disfrutásemos todos xuntos", engade Uxía.
Uxía define o proxecto como “un canto á diversidade dentro da unión lingüística, de estilos musicais diferentes unidos pola lingua" e subliña que "temos sorte de poder entendernos nesta lingua marabillosa que atravesa o Atlántico. Este disco está composto por corazóns latexando ao unísono a través da música e da lingua que nos une”. De feito, destaca, en Portugal e outros países da lusofonía, o proxecto está tendo “unha recepción alucinante". Kalandraka levou a cabo este proxecto coa idea de que tivese unha gran proxección fóra, e a pesar de que aínda non se fixo a presentación oficial en Portugal, "está gustando moito, e xa o levaron a algunha feira especializada".
"Temos sorte de poder entendernos nesta lingua marabillosa que atravesa o Atlántico. Este disco está composto por corazóns latexando ao unísono a través da música e da lingua que nos une”
Carlos Blanco engade unha pisca de humor, de humor negro mesmo, ao espectáculo. Reivindica “falar do corasón, mais non só dende o romanticismo..., tamén dende o punto de vista de Mach the Knife ou Jack o Destipador. E a súa precisión de bisturí”. E no limiar do libro fai un chamamento aos corazóns, ao seu latexo coordinado, coma no disco e nos concertos: “Corasón, courasa, courasa grande para estes tempos incertos, deste naufraxio que tivemos, que temos, no que estamos. Latexar. Bater unidos. Batermos unidos, xuntos, coma os estorniños para loitar contra as avea rapaces”.