Francia vota esta domingo. Din que se elixe entre refundar os principios básicos da súa República (poñámonos posmodernos); ou manter no poder o ministro que bateu nos estudantes por protestar contra unhas reformas contrarias á égalité, que aplicou un retorcido principio de fraternité ao practicar o maior número de deportacións na historia do país galo, o Presidente que agora mira a Europa con ollos de liberté, querendo tombar Schengen.
Queda atrás unha década funesta para as forzas de seguridade do Estado galo, que viron como a súa popularidade baixaba nun corpo, a xendarmería, que xa nunca tivo sona de brando. Perdeuse a confianza na autoridade. Xa non hai heroes
Queda atrás unha década funesta para as forzas de seguridade do Estado galo, que viron como a súa popularidade baixaba nun corpo, a xendarmería, que xa nunca tivo sona de brando. Perdeuse a confianza na autoridade. Xa non hai heroes. E o cinema negro, como bo termómetro da actualidade, veu como estrelas árabes do pau de Roschdy Zem ou Sami Bouajila tomaban a pantalla. Estes tipos fan que o Jean-Paul Belmando máis fedello semelle un santo! E, con exercicios de memoria histórica tan sás coma os de Rachid Bouchareb (Days of Glory, Hors la loi), puxeron os maltratados franceses alxerinos onde merecían: no centro do hexágono. Mentres, os impolutos uniformes azuis manchábanse con condutas de dubidosa moralidade. E aquí o maior culpable no xénero ten nome e apelidos: Olivier Marchal.
Antigo membro da policía xudicial (este home sabe do que fala), Marchal estrea hoxe en España (moi tardiamente) Les Lyonnais, filme negro sobre o famoso grupo criminal dos 70 coñecido polo nome do título. Logo de catro longas salientables, pódese dicir deste axente converso a cineasta que é o grande renovador do polar (cine policial francés), cuns personaxes complexos psicoloxicamente, que recordan aos do mellor Melville, e un ritmo trepidante nas escenas de acción. Mais se a alma das súas películas está na filmografía patria, a nivel argumental e estético, as cintas de Marchal achéganse máis á corrente italiana de Matteo Garrone (Gomorra) ou Michele Placido (Romanzo criminale), no entanto que parten sempre de historias reais, tratadas cunha achega case documental.
Se os filmes de Marchal teñen unha virtude, esa é precisamente a de lograr poñer axentes e criminais ao mesmo nivel; porque ao cabo son persoas capaces de accións loables, e tamén responsables en moitas ocasións de comportamentos nada exemplares. En definitiva, o francés fala dos usos e abusos de quen ten un pouco de poder
Este caso non podía ser máis paradigmático. O guión está escrito polo propio Marchal a partires das memorias do protagonista Momon Vidal, destacado dirixente de les lyonnais, que prestou o seu apoio asesor na produción. Non é a primeira vez que se leva a cabo un exercicio do estilo, mais cómpre destacalo pola frescura do filme, seguramente resultado desta complicidade entre o personaxe real e o ficticio. É a mesma dinámica aplicada polo debuxante e guionista Frederik Peeters na serie de banda deseñada RG, que asina xunto a Pierre Dragon, alter ego dun poli cuxo nome real nunca coñeceremos (recomendable lectura editada en España por Astiberri).
Pero volvamos ao filme, narrado (como a BD) a dous tempos. Mentres que no presente fílmico, Vidal, retirado xa do mundo do crime dende hai anos, axuda ao seu amigo Serge Suttel a evadirse da xustiza; un conxunto de flashbacks remítennos ás súas andainas nos anos 70 (o momento álxido de les lyonnais) para apuntalar a psicoloxía dos personaxes. A película combina vibrantes secuencias de acción con momentos de pausa, nos que o cineasta desenvolve os seus dous grandes temas: a honra e a vinganza. A primeira racha cando se concibe unha traizón (ás veces un empurrón de brutalidade policial ou mafiosa non vén nada mal) e entón chega o segundo, e corren as balas.
Os seus flics (polis) e mafiosos fan algo máis que apertar gatillos, tamén teñen dúbidas existenciais dignas de Shakespeare sobre as consecuencias de disparar; ou, pola contra e ao seu pesar, primeiro acribillan e despois preguntan. Destes últimos, xerados polo tándem penkozy, está ateigado o cinema francés ultimamente
Se os filmes de Marchal teñen unha virtude, esa é precisamente a de lograr poñer axentes e criminais ao mesmo nivel; porque ao cabo son persoas capaces de accións loables, e tamén responsables en moitas ocasións de comportamentos nada exemplares. En definitiva, o francés fala dos usos e abusos de quen ten un pouco de poder, e iso permítelle analizar as escalas de gris da condición humana. Os seus flics (polis) e mafiosos fan algo máis que apertar gatillos, tamén teñen dúbidas existenciais dignas de Shakespeare sobre as consecuencias de disparar; ou, pola contra e ao seu pesar, primeiro acribillan e despois preguntan. Destes últimos, xerados polo tándem penkozy, está ateigado o cinema francés ultimamente. Se a arte é un espello da realidade e estes directores están no certo, coidado turistas! A próxima vez que visite a torre Eiffel, cóidese de pronunciar ben pain, non o vaian confundir cun rapaz dos suburbios, deses que falan xerga, e vaiamos liala! En fin, sempre nos quedará o cinema... e votar!