“Non podemos resignarnos e deixar que só fagan cine os homes”

Fotograma de 'A cicatriz branca' © Praza Pública

Das películas rodadas entre o 2000 e o 2006, só o oito por cento foron dirixidas por mulleres. A representación feminina acadou un 20 por cento na montaxe, fronte ao 37 por cento na interpretación. Son algúns datos recollidos no estudo Cine y género en España, impulsado pola Asociación de Mulleres Cineastas e dos Medios Audiovisuais (CIMA). Tamén o Dicionario de Cine de Galicia 1896-2008 amosa un cativo número de nomes de mulleres realizadoras.

As profesionais do cine atópanse co mesmo teito de cristal que limita noutros sectores o acceso das mulleres aos postos de maior responsabilidade. No documental ou a na curtametraxe a presenza das mulleres na dirección é cada vez maior, mais a longametraxe de fición segue a ser un espazo case vedado para elas. “O que non podemos é resignarnos e deixar que só fagan cine os homes. O que hai que facer é iso, facer cousas, tirar para adiante”, explica Sonia Méndez, unha das poucas cineastas galegas que alcanzaron a meta da longa.

"O que hai que facer é iso, facer cousas, tirar para adiante”, explica Sonia Méndez, unha das poucas cineastas galegas que alcanzaron a meta da longa

Despois de proxectos coma Conversa cunha muller morta, Perversa Lola ou Leo e Mario (déixanse), esta realizadora de pouco máis de 30 anos debuta na longametraxe cunha comedia, Máximo, aínda en fase de produción. “É unha historia sobre o que un mozo fai para conseguir o que el considera triunfar na vida. Un relato sobre unha xeración”, subliña. A serie para internet Angélica e Roberta, nominada para os Mestre Mateo, é outra das iniciativas nas que está a traballar.

Méndez é tamén coñecida pola curta As damas negras, unha ficción dentro doutra fición con forma de thriller e certo ronsel, tamén, de comedia teatral.“Falo bastante nas miñas películas de relacións de parella, é certo. Pero sempre con ironía e sentido do humor, rebaixando o pouso dramático que poden ter situacións como a de Leo e Mario, que é unha ruptura. Gústame que sexan personaxes intelixentes, que me permitan traballar cos actores, co diálogo...”, subliña.

Xamalú Filmes é a compañía responsable da produción de Máximo. A fundadora -xunto con Xavier Bermúdez-, desta empresa, Manane Rodríguez, é outra das poucas mulleres que dirixiron longametraxe de fición no noso país. “Tamén están Patricia Ferreira ou Pilar Sueiro, pero as dúas viven fóra de Galicia”, lembra ela mesma.

“Eu non creo que o problema sexa unha exclusión consciente, senón algo máis sutil, que está metido na cultura. E non é só unha cuestión de democracia ou de igualdade de oportunidades. É que as películas feitas por mulleres presentan, moitas veces, as temáticas e as personaxes doutra maneira. As protagonistas son persoas que toman decisións, non só acompañantes dos homes. De igual xeito que unha directora non trata unha violación como se fose unha broma, ou amosa preocupacións máis sociais, tamén se cadra relacionadas cos roles que desempeñaron tradicionalmente as mulleres...”, asegura.

Outra das cineastas de referencia en Galicia, Margarita Ledo, apunta reflexións semellantes. “Desde o punto de vista das estudosas o cine feito por mulleres si presenta algunhas características que o distinguen. Como a tendencia a falar de si mesmas, ao relato en primeira persoa, o tratamento do corpo ou do espazo doméstico, a linguaxe que mestura o realista co ficional... Hai máis mulleres en guión ou en produción que en dirección, e isto ten que ver con que o cine implica diñeiro”, asegura.

O máis recente proxecto cinematográfico de Ledo é a longametraxe A cicatriz branca, unha historia sobre mulleres que, na primeira metade do século XX, emigraron soas de Galicia a América, boa parte delas sen papeis

O máis recente proxecto cinematográfico de Ledo é a longametraxe A cicatriz branca, unha historia sobre mulleres que, na primeira metade do século XX, emigraron soas de Galicia a América, boa parte delas sen papeis. Traxectorias como a de Merce, sen traballo nin lugar ao que acudir, que pasa tres días na Estación Constitución onde se encontra con outras migrantes coma ela. Eva Veiga, Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Xoana Pintos, Clotilde Iglesias, Néstor Ageitos e Darío Ageitos forman o abano de intérpretes deste filme de fición con base documental.

Máis cara ao documental tira Tralas luces de Sandra Sánchez, tamén nominada para os Mestre Mateo. Cunha dilatada experiencia como montadora, esta cineasta dirixira antes outras obras como Aguiño, sobrevivir ao Prestige, aínda que Tralas luces é a súa primeira longametraxe. "Non é só a historia dunha familia dos poucos oficios nómades que aínda quedan, os feirantes. É unha achega moi íntima a unha muller, Lourdes, coa que calquera se pode identificar, alén da condición social da protagonista. Foi no proceso de rodaxe, que foron nove meses de viaxe con esta familia, cando a descubrín realmente. Decateime do que lle pasaba, de como afogaba nas súas esperanzas, e dalgún xeito ela apoiouse en min. Ela sentía a necesidade de contar o que lle pasaba, e eu estaba alí cunha cámara. En realidade é unha historia universal, sobre a procura da felicidade”, indicou.

É difícil, na opinión desta realizadora, definir un diagnóstico sobre a cativa presenza de mulleres na dirección. “Son moitos factores. Pero desde logo é un tema para reflexionar, que os datos demostran claramente que existe. A cuestión é que o discurso imperante no cine é dos homes, e isto condiciona o xeito de recibir as historias, contadas desde o punto de vista masculino. Hai ademais prexuízos sobre un suposto cine de mulleres que só interesaría ás mulleres... De todos os xeitos a formación axuda, e agora si hai máis mulleres...”, afirma.

"Non ten moito sentido, comenta, identificar un “cinema feminino”, mais “o que existe sen dúbida é unha mirada masculina”

A presidenta de CIMA, Inés París, amósase de acordo con esta percepción na súa análise en Cine y género en España. Non ten moito sentido, comenta, identificar un “cinema feminino”, mais “o que existe sen dúbida é unha mirada masculina”. Porque, fronte á idea de que o que fan eles é universal e sen xénero, os datos demostran que, con excepcións, “dan un enorme protagonismo aos personaxes masculinos, debuxan as mulleres de maneira estereotipada...”.

En Galicia, iniciativas coma o festival Mufest, organizado por Andaina, contribuíron a visibilizar o cinema dirixido por mulleres

En Galicia, iniciativas coma o festival Mufest, organizado por Andaina, contribuíron a visibilizar o cinema dirixido por mulleres. Claudia Brenlla, Susana Rei, Sabela Pernas, Diana Gonçalves ou as máis recoñecidas internacionalmente Peque Varela ou María Ruído son algunhas das cineastas que estiveron dunha maneira ou doutra representadas nesta mostra. Mais aos seus poderían engadirse moitos outros nomes: Carme Rábade, Uqui Permui, Adriana Páramo, Paula Cons, Olalla Sendón, Eva Quintas, Beatriz Santana, Bea del Monte…

Fotograma de 'Tralas Luces' © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.