“O esganamento do sector cultural é unha vendetta, oriéntase a ir eliminando un vello adversario político”

Xabier Cordal recibe o Premio da Crítica Dominio Público Praza Pública

Tomar partido. Interiorizar a violencia que sufriu a xeración máis empobrecida da posguerra e reaccionar ante ela. Reaxir ante a dor. Ante a opresión. De antes e de agora. Ese é o cerne de transmuta (Xerais), o poemario co que Xabier Cordal gañou o Premio da Crítica 2013 na modalidade de Creación Literaria. O xurado salientou, no seu día, a “dignidade e a altura” desta obra. Na que poden lerse, tamén, as pegadas da creación anterior do autor, co que falamos nesta entrevista.

"Na xeración máis humilde da posguerra houbo xentes quen nin sequera chegaron a saber da súa propia derrota"

transmuta xorde da perda da nai. Pero é tamén resposta a moitas cousas: o patriarcado, a reforma laboral... É a dor que provocan o que teñen en común os tan diferentes temas que trata o libro?

Na xeración máis humilde da posguerra houbo xentes quen nin sequera chegaron a saber da súa propia derrota. Trato entón de falar partindo da precariedade na que se criaron, unha pobreza que incluía o descoñecemento e que viña de moito atrás. En transmuta o reto era interiorizar esa violencia, sentila, facela consciente e “botala fóra”, como se berraba nas romarías aos espiritados para que expulsasen o demo do corpo. Penso que a resposta a calquera dor consiste en tomar partido ante ela, sen idealizala, e continuar a vida tendo moi presente de onde procedemos. Despois está o loito, que é outra cousa. Ante a morte a sublimación ideolóxica é inservible.

Unha das primeiras cousas que chama a atención é a variedade formal: da poesía visual ao haiku, de textos narrativos e longos a outros minimalistas... Hai unha evolución respecto aos teus anteriores poemarios, máis uniformes. Por que?

Clásicos como Follas Novas ou Con pólvora e magnolias mostran como ningún rexistro poético ten por que afogar os demais. Ás veces os libros xiran en torno a un só eixo, ás veces non. Penso que carece de importancia. Nunha primeira achega a transmuta pode desconcertar tanto formato distinto, pero se cadra non haxa máis temas ca aqueles nos que un reincide, porque tampouco damos feito outra cousa.

"A poesía acaba atopando a regaña para burlar as prohibicións, porque vai lonxe e se expresa en idiomas que aínda non existen ou porque anticipa o que non somos quen de prever"

Dicías en Xuro que non volverei pasar fame. Poesía escarlata que non había nin que renunciar ao activismo da palabra nin que pasarse denunciando cousas. A "poesía social" (obreira, nacional...) estivo sempre presente na túa obra. Mais, se cadra, en transmuta vellas preocupacións enúncianse de forma máis directa, e cun maior grao de acidez cando son tratadas desde o humor. Por que?

O texto que citas ironizaba sobre os libros de receitas e os imperativos legais do xénero. A poesía acaba atopando a regaña para burlar as prohibicións, porque vai lonxe e se expresa en idiomas que aínda non existen ou porque anticipa o que non somos quen de prever. Claro que outras veces o poeta engánase, enganámonos cando xa é tarde para remedialo, pero xa o tempo se encarga de esquecer os nosos erros. E rir, rir está moi ben.

Comeza o libro cunha parte máis intimista, que logo se fai máis social, colectiva. Nesta primeira parte xoga un papel importante a paisaxe, a natureza. Desde unha perspectiva que dista moito de idealizala. Cal é o papel que xoga este tratamento da paisaxe no libro?

Chámase paisaxe, chámese amor, o poema xa nace morto se hai un “fóra” sobre o que se poetiza coma quen cubre expedientes nun despacho. Non estamos a salvo do que percibimos nin de como o percibimos.

"Ao mellor para a esquerda de salón a memoria histórica funciona coma as paisaxes: van, emociónanse, gardan o ficheiro e voltan ao presente, no que non hai Audiencia Nacional"

A represión franquista estaba xa en Fruto do teixo ou, despois, en A vella peneira a noite. E hai, en xeral, nos teus libros, unha reivindicación da memoria. Nos últimos tempos parece que a extrema dereita se fixo máis visible. E protagonizou ademais actos violentos que á dereita "democrática" lle custa moito dar importancia. Que pensas disto?

Ao mellor para a esquerda de salón a memoria histórica funciona coma as paisaxes: van, emociónanse, gardan o ficheiro e voltan ao presente, no que non hai Audiencia Nacional. Non, a memoria tampouco é un "fóra" ao que ir de turista. Algúns continúan dando cobertura á apoloxía do xenocidio. Na Europa que derrotou o que significa Auschwitz, o PP sería ilegal.

Tamén está, en transmuta, o patriarcado, en distintas formas: a ciruxía estética, a posesión e o control que se disfraza de amor... Xa nos teus anteriores libros (en A vella peneira a noite) teñan bastante protagonismo as mulleres. As mulleres obreiras. Mulleres fortes. Que parecen sacadas da túa realidade, ademais. Tes conciencia disto? Podes explicalo?

Tiven a sorte de ser criado por mulleres que loitaron duro pola vida, aínda que iso non é abondo. De feito nos oitenta, eu era un rapaz, resistinme a pensar que formaba parte dunha estrutura de poder, o pack da masculinidade vén blindado e trae esa resistencia de serie. Pero volvín ter sorte, topei con persoas excepcionais e a través delas coñecín o feminismo... non se trata só do feminismo, senón de todas as formas de intelixencia. As persoas que ignoraron o que viña asinado pola man da muller, desde a pintura rupestre ata Rosalind Franklin, deben saber que comparten a historia dos opresores e isto vale para a dereita e para a esquerda. Aínda que no caso concreto de Galicia armar un relato económico ou cultural ou social prescindindo da muller é imposible. Xa non digamos nestas últimas décadas.

"Tiven a sorte de ser criado por mulleres que loitaron duro pola vida, aínda que iso non é abondo. De feito nos oitenta, eu era un rapaz, resistinme a pensar que formaba parte dunha estrutura de poder, o pack da masculinidade vén blindado e trae esa resistencia de serie"

Hai, tamén, nos teus libros, moitas metáforas sobre unha Galicia náufraga e ás veces un pouco suicida. (Como a da antena parabólica que suspende as emisións). Pero tamén un sentido de resistencia, e de loita, como en Arianrod ou no comando de obreiras e poetas de transmuta. Pesa máis neste libro a esperanza?

É difícil non sentirse náufrago nun país no que levan o temón precisamente as elites que soñan con facelo desaparecer. En realidade o suicidio consiste en permitilo. Nos últimos anos tendo a pensar que chegou a hora de asumir cales son as nosas responsabilidades. Os signos terminais están aí e hai dúas opcións: podemos continuar trazando logaritmos neperianos ou podemos aprender a sumar. A segunda é esixente, esixe ceder... ás veces parece que hai máis medo á decadencia dunha sigla que á ruína do que queda de nación. Por outro lado noto, se cadra só o noto eu, que as bases sociais da esquerda van fartas. Digo fartas, xa que andamos con metáforas de navegación, de consolarse mirando mapas do tesouro cando o barco queda sen combustible. Unha maioría social segue traballando na dirección oposta ao suicidio, a que espera o mando das forzas políticas para negociar un programa común, gañar con el as eleccións e reverter esta catástrofe? Algúns levamos repetindo o mesmo desde Nunca Máis.

"É difícil non sentirse náufrago nun país no que levan o temón precisamente as elites que soñan con facelo desaparecer"

Agora que sae a sentenza do Prestige é moi oportuna a lectura do teu poema sobre a marea negra. Nel apuntas a unha serie de responsables políticos da catástrofe que se van librar de dar contas, polo que parece. O que pasa é o contrario do que as Redes Escarlata agardarían, non si?

O Prestige, Angrois... Os grandes partidos danse cobertura mutua para que ningún alto cargo afronte a súa responsabilidade. É moi grave que colabore niso o poder xudicial.

"A que espera o mando das forzas políticas para negociar un programa común, gañar con el as eleccións e reverter esta catástrofe? Algúns levamos repetindo o mesmo desde Nunca Máis"

No teu plano-poema da Cidade da Cultura hai, ademais dunha tumba para Castelao e unha zona de manifestación, un espazo para conferencias en castelán sobre que "el gallego también vende". Pasaraslle a túa proposta ao conselleiro de Cultura? Como xulgas, en xeral, a actitude que está a demostrar cara á nosa cultura?

O Conselleiro cumpre ordes do seu superior, el tamén cumpre ordes e así sucesivamente. Limítanse a executar o programa. Debe de ser o único goberno do planeta que esmaga un sector crucial do PIB por razóns ideolóxicas. E volvemos ao de antes, non esquezamos que eles están aí pola incapacidade colectiva para evitalo.

No poema dedicado aos compañeiros da CUT, un mercado de traballo flexible flúe coma un río. Xa en Fruto do teixo advertías de que o capitalismo neoliberal ía enganarnos. E sobre ese engano ironizas en transmuta. É cada vez maior? Cales son os seus mecanismos?

Sería algo pretensioso pola miña parte intentar responder unha pregunta tan complexa. Escribín hai vinte anos o que parecía obvio desde a era Reagan: que a consigna todo o diñeiro e todo o poder para os ricos collera a velocidade dun imperio en expansión. Que precisaba mercantilizar a cultura e aniquilar a esquerda, e non habería lugar para pequenos relatos. Certos intelectuais correron defender ese presente eterno tipo Vacaciones en el mar, cobrando, claro, co mesmo oportunismo co que agora que cobran menos se horrorizan ante o que dan en chamar “a crise”, a perda de valores e tal.

Comentabas no teu texto en Xeración A algo así como que ao presentar a literatura como imitación da vida, a vida quedaba fóra dela. Boa parte dos poemas de transmuta teñen a súa orixe en experiencias vividas (unha instalación artística, por exemplo), en sensacións... Son xeitos de presentar a poesía como parte da vida?

Penso que o explicas moi ben. A vida non se suspende cando fregamos, nin cando quedamos en silencio, nin nas palabras dun poema. Intervimos con el, é corpo.

"Percibo medo nos traballadores e nas traballadoras da industria cultural. Non che me estraña que o teñan, xóganse a vida"

No teu limiar no Upalás de Rompente falabas, tamén, de poesía viva que rompía coa miseria oficial. E falabas de cultura desde abaixo. Din moitos artistas que, no contexto actual, co desmantelamento de estruturas públicas e co recorte de orzamentos, a cultura (o teatro, a música...), é como se volvese aos 80: o pequeno formato, os recitais... Como ves ti a situación?

Unha parte da cultura, para min importantísima, vive lonxe da moqueta e dos grandes orzamentos. Eu procedo de aí, é o meu carné de identidade, e ese aí vai existir sempre. Outras formas de cultura igual de importantes precisan grandes medios de produción. Non oín ninguén acusar a industria do automóbil, que recibe diñeiro a moreas, de elitista nin de subvencionada. As institucións saben ben a quen financian. O esganamento do sector cultural é unha vendetta, pero oriéntase ademais a ir eliminando un vello adversario político. Percibo medo nos traballadores e nas traballadoras da industria cultural. Non che me estraña que o teñan, xóganse a vida.

Falando de décadas e xeracións, a ti téñente situado nos 90, pero con certa pegada do "culturalismo" dos 80. E din, os críticos, que transmuta pode resultar algo hermética, ao mesmo tempo que amosa un gran coidado pola forma. Como o ves ti?

Son moi respectuoso coa opinión de calquera persoa que lea o que escribo. Que teña algunha opinión é boa noticia. Por outra parte non sei que relación misteriosa hai entre as décadas e as correntes literarias. Un pode dar en pensar que se trata dunha fábula endémica na que, sen mala intención, alguén chanta marcos no terreo e se pon de moi mal humor cando aparecen greas incontroladas e lle foden a foto.

Dás aulas en Castro, onde tes a sorte de ter, polo menos, alumnos galegofalantes. Xa que o idioma é, ademais, outro tema que aparece tamén nos teus poemas, como ves a situación do galego respecto á xente máis nova?

É outra pregunta que pide unha extensión e un coñecemento superiores aos que de seguro ten este modesto profe de ensino secundario. O que nos rodea é angustioso, dá igual que poñamos a vista nos comedores escolares, no Disney Channel ou na ruptura da transmisión da lingua. Pensemos en positivo: cadroume a fortuna de traballar cun alumnado excepcional, diverso como é agora o país. Polo demais adoitan falar sen complexos, con fonética perfecta, reinventan o idioma todas as mañás. E nunca envellecen.

Xabier Cordal recita xunto a Darío Xohan Cabana Dominio Público SLG
Xabier Cordal recibe o Premio da Crítica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.