“O teatro é de todas e debemos defendelo como as pensións, a sanidade ou a educación”

Inma António CC-BY-SA Praza Pública

O pasado martes 27 de febreiro, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a nova Academia Galega do Teatro (AGT) presentou o seu Programa básico para o teatro galego, unha serie de 21 puntos esencias que abordar no futuro. Nesta relacións de propostas, atópanse necesidades como a ampliación, tanto cualitativa coma cuantitativamente, do apoio institucional ás compañías profesionais; a adscrición da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) á universidade, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a reestruturación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou a reforma do Centro Dramático Galego para que a institución conte cunha autonomía xurídica. Ademais, a AGT anunciou a organización dun gran congreso en 2020 e fixo un chamamento para que todas as entidades do sector se impliquen. O obxectivo do encontro será a creación dun plan estratéxico do teatro para a década 2020-2030. Entrevistamos a Imma António, presidenta dunha academia que de momento conta con 28 membros, entre os que se inclúen nomes da escena como son Manuel Lourenzo, Luma Gómez, Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Manuel Guede, Inma López Silva, Xúlio Lago, Gustavo Pernas ou Manuel Vieites.

Que é a Academia Galega do Teatro?

A Academia Galega de Teatro é un proxecto de futuro. A presentación que fixemos o Día Mundial do Teatro levaba por nome Tendo presente o futuro. Ese nome xa é toda unha declaración de principios e intencións. Somos un grupo de profesionais de diferentes oficios teatrais que vimos a necesidade de buscar espazos de debate, de reflexión, de encontro. Sobre todo neste momento tan estraño socialmente onde os valores da cultura e da arte parecen estar completamente devaluados por parte da sociedade e sobre todo por parte das administracións e os medios de comunicación. Nós consideramos o teatro como un servizo público e un dereito. Esta é unha academia de barricada na defensa, pero tamén no estudo e no feito de querer compartir, que é como se medra realmente.

"A Academia Galega do Teatro é unha academia de barricada na defensa, pero tamén no estudo e no feito de querer compartir, que é como se medra realmente"

Neste 2018 cúmprense 40 anos de teatro profesional en Galicia. Neste tempo creáronse compañías privadas, entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ou Escena Galega, institucións públicas como Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) ou a súa substituta a Axencias Galega das Industrias Culturais (Agadic), festivais como o de Ribadavia ou o FITO Carballo... Por que a Academia Galega non xurdiu até este momento e por que agora resulta necesaria?

A maior parte da xente fundadora somos xente que leva moito tempo traballando dende e para o asociacionismo en distintos ámbitos. Vimos a necesidade de crear unha entidade, non tanto sindical ou laboral, senón máis de estudo e posta en valor do noso patrimonio. Vimos que había un oco que cumpría cubrir por este empeño que temos de que o noso teatro sexa un feito normalizado e cada vez sexa máis de todos e todas.

E o teatro é un feito normalizado? Pregúntoo porque se vemos a lista de propostas que presentan, poderíase asinar hai corenta anos, hai trinta ou hai dez, non si?

Si. No propio acto, Antonio Simón facía referencia ao primeiro encontro profesional celebrado en Ferrol en 1988. Eu lembro que naquela altura discutiamos asuntos que están agora neste documento que elaboramos como unha relación de puntos básicos. A verdade, podemos dicir que eses 21 puntos son o abecedario. Hai que dicir, tamén, que nestes 40 anos, fomos construíndo estruturas, tecidos, profesión. Pero a crise foi demoledora, especialmente para o sector cultural. O que construímos en moito tempo, destruíuse rapidamente. E agora, aprendendo da experiencia, queremos seguir construíndo, pero cunhas bases que non sexan tan fráxiles. E tamén queremos inculcar na sociedade que a cultura é de todas e debemos defendela como as pensións, a sanidade pública ou a educación.

"Queremos inculcar na sociedade que a cultura é de todas e debemos defendela como as pensións, a sanidade pública ou a educación"

Neses 21 puntos hai referencias a institucións que existen ou que existiron, pero que se perderon. Primeiro comezamos coa Agadic. Piden a súa reforma e reestruturación. Parece mesmo que botan de menos o Inaem.

Non é que o botemos de menos, é que sinxelamente das experiencias apréndese. E que pasa coas construciósn de determinadas estruturas? Pois que co tempo vemos se son eficaces ou non. Creo que gran parte da profesión comparte a idea de que a eficacia da Agadic pode e debe ser bastante mellor.

Considéraa unha institución fallida?

Dalgún xeito, si. Está desvinculada, tanto da sociedade coma do profesión. Despois, a súa forma de funcionar é demasiado lenta para o sector. Hai certas cuestións que se ven na experiencia. Non podiamos criticar con tantos argumentos a institución cando se puxo en marcha. Agora, leva uns cantos anos e pode e debe funcionar doutro xeito.

"A Agadic está desvinculada, tanto da sociedade coma do profesión; a súa forma de funcionar é demasiado lenta para o sector"

Piden tamén a creación do Centro de Documentación Teatral, mais ese centro xa existiu e xa desapareceu.

Si, si que houbo esa institución. E é unha cuestión urxente recuperala. O material que alí se gardaba está agora espallado en distintos lugares. Un obxectivo da Academia é a protección do noso patrimonio. Por iso consideramos que as universidades teñen que implicarse nese ámbito e resulta urxente. Haino que abordar xa, porque hai unha serie de materiais que están espallados e que poderían desaparecer. E ese é un material que forma parte do patrimonio de todos os galegos e galegas. Non podemos perdelo, sería unha barbaridade para as xeracións futuras.

Tamén solicitan un cambio do Centro Dramático Galego. Que quere facer a Academia con el?

O que quere a Academia é debater e poñer en común co resto do sector propostas do futuro. Volvendo o da experiencia que comentabamos antes, o CDG actual leva tempo sen funcionar.

Funcionou algunha vez?

Si, por suposto.

"O Centro Dramático Galego perdeu autonomía, meteuse a xurídica por riba do artístico. A situación é dramática"

E cando cre que se perdeu o rumbo?

Coa creación da Agadic. O Centro Dramático perdeu autonomía, meteuse a xurídica por riba do artístico. Cómpre darlle unha voltiña. A situación é dramática no Centro.

Voltiña cara á onde?

Unha voltiña que o dote de orzamentos dignos, dunha estrutura que lle dea autonomía, que non dependa tantísimo de decisións políticas. Hai moitas fórmulas posibles para dotalo desa autonomía que precisa para funcionar. Hai distintas opinións e creo que se pode chegar a un acordo. O que non pode ser é que sexa un motivo permanente de desacordo e conflito entre os distintos sectores da profesión.

Tamén apostan pola creación dun festival internacional nunha gran cidade. Festivais consolidados hai uns cantos en Galicia: Ribadavia, Cangas, Carballo...

Loxicamente, non queremos que desapareza ningún festival, pero a idea é crear un referente para a sociedade. Ribadavia é un referente para a sociedade? Si, pero xeograficamente está moi mal situada, sexamos claros. Gran parte da sociedade non foi ao festival de Ribadavia. Entón, a idea é crealo nunha das grandes cidades para que sexa un referente.

Centralizar?

Si, dalgunha maneira.

Ao ver os nomes que conforma a Academia, un saca a conclusión de que, xeracionalmente, moi transversal non é. Está moi marcada por arriba, se falamos dende o punto de vista das franxas de idade.

Todo isto vén dun grupo de persoas que estamos moi afeitas e dende fai moito a traballar xuntas nos procesos de elaboración de documentos, de reflexionar, de debater, do Foro de Sada...

"Horrorízame que alguén pense que somos un sanedrín ou un comité de sabios. Non é ese o modelo de academia que queremos"

É unha reedición do foro de Sada?

A ver, coincidimos moitas das persoas de Sada por iso que che comentaba de que tiñamos ese hábito. Facía falla facer de novo ese traballo ou ir máis aló do traballo feito. Ocorréusenos a nós como puido ocorrérselle a calquera ou a ninguén. Pero somos quen somos, alguén tiña que facelo. Fomos nós porque temos o hábito de estar sempre ao pé do canón. Pero temos presente que temos que ser o máis plurais posible, porque así gañaremos lexitimidade. Dende logo, horrorízame que alguén pense que somos un sanedrín ou un comité de sabios. Non é ese o modelo de academia que queremos. E nas novas incorporacións vese, convidamos a xentes doutras xeracións, pero aínda me faltan mulleres por incorporarse...

Esa era outra pregunta que quería facerlle... É que case reproducen a descompensación da Real Academia Galega. Son 6 mulleres fronte 22 homes.

A min horrorízame esa descompensación, pero hai mulleres que foron convidadas que non puideron unirse. Pero por compromisos, non por falta de gana nin de apoio ao proxecto. Aínda así, seguimos traballando niso. Logo hai outra cuestión, a ver... Sobre a franxa de idade, académico non pode ser unha persoa acabada de saír da ESAD. Aínda ten que aprender moito, achegar máis ao teatro. En calquera academia, hai certa base de idade e de experiencia.

Que expectativas teñen vostedes co congreso que organizarán en 2020 e do que pretenden sacar un plan estratéxico para o teatro para os anos 2020-2030?

Buscamos que ese congreso produza que o teatro galego dea un salto cualitativo, tanto na maneira de entenderse como de implicar as administracións. Tamén que sexa recoñecido fóra. Pretendemos convidar a xentes doutras culturas e doutros teatros. Que haxa un antes e un despois dalgún xeito. Cobiza non nos falta, xa o digo en todo momento. Cobiza non de devorar, senón de construír. Cobiza no construír e no sermos común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.