“Quixen fuxir do típico na literatura galega, que está feita dende a oposición franquista; interesábame a historia dos vencedores”

Xaquín Fernández Leiceaga Dominio Público Praza Pública

O economista  e político Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) vén de estrearse na narrativa coa súa primeira novela, Agosto de memoria e morte, publicada pola editorial Xerais. O autor preséntanos neste título unha novela de xénero negro. Agosto, últimos anos do franquismo, asasinan a Ramón Cortés, un promotor inmobiliario ben relacionado coas elites locais. Non será a única vítima, pouco despois aparecerá morto outro prominente persoeiro. A partir dese momento un policía pouco experimentado, Miguel Santos, encárgase dunha investigación na que a corrupción, os conflitos empresarias e os asuntos familiares parecen ser as principais vías de pescuda. Mais as orixes do crime lévanos até a República e a Guerra Civil, cando os asasinados eran mozos e participaban no movemento falanxista. Deste xeito, Leiceaga une nunha novela dous grandes clásicos da literatura: o xénero negro e a memoria. Xa o advirte no propio título dun libro, Agosto de memoria e morte, no que o relato da construción do poder durante o franquismo tamén é unha peza clave da narración.

Agosto de memoria e morte é a súa estrea literaria. Como viviu enfrontarse a unha primeira novela?

É unha dedicación moi diferente. A creación ten as súas regras, pero tes a posibilidade de crear o teu mundo. Eu escribo, mais até agora escribín en base á realidade, tentando entendela mellor. Dende o punto de vista persoal, significa un esforzo. Escribir leva un tempo importante de documentación, de ordenación, reflexión e escritura. É un traballo, sen dúbida, moito máis solitario que dedicarse á cousa pública.

"Pensei a novela como unha especie de simbiose entre dous períodos que me interesan moito. A vida dos personaxes transcorre entre a República e a Guerra Civil e o final do franquismo. Iso culmina unha vida enteira"

Falamos dunha novela negra, na que temos un protagonista principal, Miguel Santos, que investiga un par de asasinatos na vila de Noia durante os anos do Tardofranquismo. Pero por outra banda, hai outro fío narrativo que se centra no período da República e a Guerra Civil. 

Pensei xustamente a novela así, como unha especie de simbiose entre dous períodos que me interesan moito. A vida dos personaxes transcorre entre a República e a Guerra Civil e o final do franquismo. Iso culmina unha vida enteira. Falamos dunha serie de personaxes que ao redor de 1930 teñen quince anos e que no ano 72, xa van chegando á idade da xubilación.

Para a miña xeración, o momento fundacional en termos sociais é a Transición. Este libro non conta a transición, queda ás portas, intentando explicar como eran os comportamentos sociais no franquismo nunha vila galega nesa época. Pero para a xeración de meus pais e tamén para os meus avós, a República e a Guerra Civil significaron o momento forte da súa vida. Polo tanto, interesábame situar aí a historia.

"Para a miña xeración, o momento fundacional en termos sociais é a Transición. Pero para a xeración de meus pais e tamén para os meus avós, a República e a Guerra Civil significaron o momento forte da súa vida. Polo tanto, interesábame situar aí a historia"

Despois, efectivamente é unha novela de xénero. Gústame a novela negra, sobre todo a menos autorreferencial, esa que contén outras cousas non explicitamente, pero que si emprega a realidade como pano de fondo. Non sei, ocórreseme falar neste sentido de Vázquez Montalbán ou Paco Ignacio Taibo. Despois, xa no título hai unha referencia á novela Agosto de Rubem Fonseca, na que se indaga no suicidio de  Getúlio Vargas, que vai nesa liña de mesturar o xénero negro con referencias históricas. E logo, claro está, Agosto do 36 de Fernández Ferreiro.

Falou vostede agora da “transición como momento fundacional” da súa xeración. Deixando a literatura por un momento, preguntareille polas correntes críticas que agromaron nos últimos anos cara á Transición.

Eu creo que a Transición xerou unha sociedade imperfecta, pero permitiu moitos anos de estabilidade, de crecemento, de interacción das diferencias territoriais nun modelo aceptable. Mais como a todas as cousas, chegoulle o momento de revisar eses consensos e eses marcos. Pode que non tanto os principios, que considero que son aceptados pola maioría dos españois -e tamén dos cataláns-; pero si da concreción dalgúns deses principios. Nun libro de ensaio que publiquei no ano 2012, apelaba por unha reforma en profundidade da Constitución, para poder ter outros 25 ou 30 anos de estabilidade cunhas bases diferentes ás actuais.

"A Transición xerou unha sociedade imperfecta, pero permitiu moitos anos de estabilidade, de crecemento, de interacción das diferencias territoriais nun modelo aceptable. Mais, como a todas as cousas, chegou o momento de revisar eses consensos e eses marcos"

Eu teño unha visión positiva da Transición, pero hai que darlles ás novas xeracións opcións de opinar sobre algunhas cuestións e, ademais, a propia realidade fainos revisar certas cousas. Principalmente, falo de asuntos territoriais, sobre a loita contra as desigualdades, de como conseguir facer que a política non sexa allea aos cidadáns, de como evitar a corrupción rampante e de como ter maiores mecanismos de participación.

Volvendo o libro, preséntaselles aos lectores unha trama inmobiliaria no Tardofranquismo que ben podería valer para hoxe, para fai dez anos ou para os oitenta. Poderíase adaptar para calquera momento do réxime democrático, non?

Cando comecei a escribir a novela, non tiña previsto que houbese unha trama inmobiliaria con esa dimensión. Cando comecei a desenvolver as ideas de base, a min pareceume que na última fase do franquismo prodúcense, entre outras moitas cousas, dous feitos. O primeiro, un forte crecemento e, despois, unha importante migración do rural cara ás zonas urbanas. Temos exemplos por toda Galicia de construción de ensanches nun contexto que no que existía moito menos transparencia e moito menos coñecemento por parte dos cidadáns sobre o que ocorría co urbanismo, coa acumulación de riquezas e, polo tanto, de oportunidades de corrupción. Coñecendo con posterioridade como foron as cousas no franquismo, non cabe ningunha dúbida de que esas oportunidades foron aproveitadas por moitos. Eu non conto ningún episodio en concreto, pero teño como referencia moitos escándalos que houbo nesa época. Seguramente, as cousas eran antes moito peor, pero non eran tan públicas. Hai que recoñecer que hai algunhas invariantes e hai un clásico en Galicia e España: as burbullas inmobiliarias. Son o tipo de cousas das que deberiamos aprender e a combater cun resultado político e social. Pero non aprendemos demasiado.

"Temos exemplos por toda Galicia de construción de ensanches nun contexto que no que existía moito menos transparencia e moito menos coñecemento sobre o que ocorría co urbanismo, coa acumulación de riquezas e, polo tanto, de oportunidades de corrupción"

Falamos dese clásico que é a burbulla inmobiliaria, pero tamén podemos falar de dous grandes clásicos da literatura galega que se mesturan nesta novela: o xénero negro e a historia da República, da Guerra Civil e do Franquismo. Aínda que, neste segundo caso, o percorrido histórico faise a partir da visión dun grupo de falanxistas, que non é unha cuestión tan habitual.

Efectivamente é así. A min apetecíame fuxir do típico na literatura galega, que está feita máis dende a oposición franquista. Interesábame contar a historia dos vencedores, porque foron eles quen homoxeneizaron e dominaron a vida política e social durante corenta anos. E forman parte da nosa historia. Hoxe en día, todos eles están transmutados en demócratas. Aquí non conto a transición, pero si conto a historia dunha xeración que inicialmente abraza a República, que logo se fan verdugos desa mesma República co seu apoio ao franquismo e que despois se normalizan como vencedores. Falamos das clases dominantes do franquismo. Interesábame esa perspectiva, porque a outra está moi presente. Por outra banda, tamén interesábame que non fose unha historia de bos e malos e intentar evitar os maniqueísmos. Ademais, nunha historia que significa poder e corrupción no franquismo dificilmente encaixaba unha historia dos resistentes. Aquí furamos nunha historia dos vencedores.

"Interesábame contar a historia dos vencedores, porque foron eles quen homoxeneizaron e dominaron a vida política e social durante corenta anos. E forman parte da nosa historia"

No fío narrativo que se centra na República e na Guerra Civil, retrátase a vida dun grupo de amigos que están na mocidade nese período e que, durante o franquismo, van ascendendo a postos de poder. Temos un alcalde de Noia, un construtor, un avogado, que son todos socios de entidades que se enriquecen coa trama inmobiliaria. No fondo, o que vemos é un retrato da construción do poder. Mesmo hai algúns personaxes do que se ve que ao longo da súa vida vai adaptándose aos cambios políticos para medrar.

Si, está ben visto. É así. O máis peculiar nesa reconstrución é que fago descender dunha etapa xuvenil previa onde teñen certo compromiso galeguista, aínda que son dunha facción social burguesa. Teñen unha aceptación típica da República. Penso que tamén pasou cun carácter máis xeral. No momento en que a República aparece, a maioría -aínda que non votara candidaturas republicanas nas famosas municipais- si que vía con certa esperanza o novo sistema. Despois, prodúcese un proceso de decantación polo que os apoios, seguramente os máis conservadores, van abandonando a República. Podemos poñer dous exemplos. O primeiro, Josep Pla, que ten unha visión inicial positiva dende o seu natural escepticismo e que acaba colaborando con Franco. Ou, en Galicia, Portela Valladares, que chegara a ser primeiro ministro na República, tamén ten un momento de dúbida no que fai unha loa a Franco. Este tipo de titubeos está moi estendido e posiblemente explica -entre moitas razóns- a vitoria dos alzados. Neste caso, si que é un pouco diferente. Porque neste grupo de amigos son falanxistas, non teñen dúbida ningunha. Son claros, aínda que si se ve nas súas relacións familiares, nas discusións, que nese nicho social tamén houbo dúbidas.

"No momento en que a República aparece, a maioría si que vía con certa esperanza o novo sistema. Despois, prodúcese un proceso de decantación polo que os apoios, seguramente os máis conservadores, van abandonando a República"

Nesa parte na que se retrata a mocidade do grupo de amigos que logo acaparan certos niveis de poder, nótase un traballo de documentación sobre determinados feitos históricos. Un mitin de José Antonio en Vilagarcía, outro de Casares Quiroga en Noia, a mobilización dos mineiros tamén en Noia... Por que a escolla deses eventos?

Son momentos fortes con certa carga teatral que entraban na novela. Dende ese mitin de José Antonio até a manifestación de Gil Robles en Santiago. Novelo eses acontecementos, mais os personaxes, as actitudes, as reaccións... aí comeza a inventiva. Todo isto serve, loxicamente para situar a acción no espazo e no tempo, escollín daquela momentos que permiten a referencia social, política e cronolóxica do que se conta na novela. E fago un recoñecemento inicial ao traballo de Xerardo Agrafoxo. Non como literato, senón como historiador local. Grazas ao seu traballo pódese desenvolver esta historia con solvencia.

"Falamos de episodios da República que son bastante descoñecidos. Despois da lousa do franquismo, o que nos quedan son os grandes trazos e as grandes referencias. Ás veces, impregnadas con certa mítica"

Outro feito histórico que aparece é a viaxe do grupo dos Ultreia.

Si, a viaxe que se conta existiu e mesmo as persoas que se citan participaron nesa viaxe. Despois, todo é invención. O que pasa na viaxe, os pensamentos duns e doutros son licenzas que me tomo. Seguramente, falamos de episodios da República que son bastante descoñecidos. Despois da lousa do franquismo, o que nos quedan son os grandes trazos e as grandes referencias. Ás veces, impregnadas con certa mítica. Tratábase de retratar outras cuestións a pé de terra. E parecíame que ese episodio dos Ultreia resultaba interesante, tendo en conta as cousas semellantes que había en Europa. Por exemplo, en Alemaña había grupos parecidos de mozos. Grupos que despois derivaron a posicións máis próximas aos nazis. Naturalmente, houbo outros casos de movementos, tamén de busca de contacto coa natureza e a tradición, democráticos esencialmente. Gustábame recuperar eses perfís.

Esa parte de transfundo histórico engancha coa parte de xénero negro cando se produce un asasinato nese grupo de amigos. Así coñecemos ao investigador da policía, Miguel Santos, que responde a certos prototipos de investigadores. E tamén a unha investigadora, aínda que xa recoñece o anacronismo histórico na introdución do libro. A esas alturas, quedaban anos para que entrasen mulleres no corpo.

É unha licenza e efectivamente, podería prescindir disto. Pero a novela quedaba moi masculina, todos os personaxes son masculinos. E coido que a tensión que se introduce entre os dous personaxes, dáballe outra dimensión distinta as novelas. Decidín manter esa licenza histórica, para explorar un pouco certos medos e inseguridades que ten o personaxe central, que é o investigador. Tamén hai que dicir que a través dese personaxe quixen reflectir a chegada á formación universitaria e a chegada a sociedade máis urbana dos fillos das familias que vivían no campo. Reflíctese, dese xeito, un proceso típico dos anos sesenta e setenta, sobre todo nos setenta. Ese é un momento no que se produce unha explosión dos estudos superiores. Moitos dos que chegaron á universidade neses tempos, os seus pais viven no mundo rural.

"A través dese personaxe quixen reflectir a chegada á formación universitaria e a chegada a sociedade máis urbana dos fillos das familias que vivían no campo"

Neste caso, o protagonista procede da Fonsagrada.

Si, que ademais é a vila da miña muller. E quixen reflectir, ademais, como se foron situando no tecido administrativo que se vai creando. Neste caso, na policía. A policía, non era pouco habitual, era un destino tradicional de moitos galegos que procedían do mundo rural, que experimentaban así unha forma de promoción social. O personaxe central reflicte isto. É un home do seu tempo, que se busca a vida nun posto oficial. Iso si, está claro que o significado da policía nos últimos anos do franquismo non era ben vista por segmentos grandes da poboación. Non obstante, el decide facer así a súa carreira profesional. Iso introduce unha certa tensión na súa contorna e herdanza familiar.

Os policías que se nos presenta na novela non responden en ningún momento a esa imaxe negativa que se podía ter do corpo no Tardofranquismo. É dicir, e un perfil moi limpo, non se enxergan cuestións políticas da época ao redor da policía...

Pode ser, pode ser que fose unha selección que estatisticamente non é moi representativa. É un tema sobre o que reflexionar. A ver, eu teño unha idea que, en termos cinematográficos, significaría a precuela da novela. Nalgún momento pode verse xa no libro, suxerida sen moito máis, onde estas cousas aparecerían moito máis evidentes. Aquí, o perfil dos policías responden a un perfil branco, non xeran ningún tipo de animadversión. Despois, temos un subcomisiario particular, porque le e gústalle moito a literatura. Ten un carácter distinto. Pero se cadra si, se cadra esa ausencia réstalle un pouco de forza a novela ou deixa aí un baleiro. É posible.

"A min sempre me gustou a novela negra. E facer unha novela de xénero, aínda que non sexa íntegra, presentaba vantaxes para un escritor debutante. Tes un plano, tes as normas non escritas do xénero"

Non sei se quere engadir algo que non trataramos na conversa.

Tratamos os aspectos máis importantes. O único, quizais, que preguntaches ao principio e non respondín moi claramente é o da cuestión do xénero. A min sempre me gustou a novela negra. E facer unha novela de xénero, aínda que non sexa íntegra, presentaba vantaxes para un escritor debutante. Tes un plano, tes as normas non escritas do xénero. E tes necesariamente unha serie de personaxes. Dáche certa liberdade, no sentido de que podes enfrontarte á parte escuda da sociedade sen tanto medo. Un dos fenómenos que máis me chama a atención dos últimos quince ou vinte anos é que os lectores, tamén os espectadores, non perciben con claridade que a ficción é unha construción. É dicir, cun exemplo groso, que haxa unha violación nun libro non quere dicir que o autor defenda a violación. Por iso prodúcese unha certa censura implícita na creación. Coa novela negra supérase esta situación.

"Naquela época non había cidadáns. Sobre todo quixen reflectir iso. E que por baixo de todo isto, a vida continuaba"

O xénero negro serve para achegarse á realidade e presentar unha serie de reflexións. Con esta novela que conclusións sacamos?

A parte inicial da República non responde a ese xénero, é blackground e hai un esforzo para captar a atmosfera daquela época. Despois, no tardofranquismo esforceime sobre todo para captar as relacións de poder. E entre o poder e os administrados, o que hoxe seriamos cidadáns. Naquela época non había cidadáns. Sobre todo quixen reflectir iso. E que por baixo de todo isto, a vida continuaba. Os habitantes de a pé, tiñan a súa vida, os seus amores, as súas pelexas. Por baixo do réxime, as persoas teñen que buscar a súa vida. A vida tende a seguir.

Capa do libro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.