“Santiago é unha cidade que ten que reconstruírse e ser decidida polos seus habitantes”

O grupo Chévere, en 1990 © Chévere

Dun tempo a esta parte, o grupo Chévere atopa na memoria a principal materia prima  para os seus espectáculos. Dese xeito, desenvolve unha liña de traballo que busca documentar a realidade a través do teatro. Esa é a fórmula que acharon para rexistrar memorias persoais que rematan por conectar coa memoria colectiva. Así xurdiron espectáculos como a recente Eroski Paraíso ou Goldi Libre, creado a través da plataforma de creación e experimentación A Berberecheira. E nesa mesma liña de traballo, Chévere deu en estrear nesta terceira edición do Festival Escenas de Cambio o proxecto Cheverografías, un roteiro guiado para percorrer a xeografía teatral e vital da formación en Compostela. “Neste proxecto buscamos explorar un pouco a lembranza propia, aplicarnos dese xeito esa liña de traballo da memoria”, sinala o director Xesús Ron sobre un percorrido que se desenvolveu polos escenarios urbanos nos que naceu e medrou Chévere.

Chévere estreou no Festival Escenas de Cambio o proxecto 'Cheverografías', un roteiro guiado para percorrer a xeografía teatral e vital do grupo en Compostela

O grupo, para enfrontarse ao relato propio da súa memoria, atopa neste 2017 a escusa perfecta: o seu trixésimo aniversario. O grupo celebra así trinta anos de actividade teatral e volve a vista atrás para buscar unhas raíces que agromaron en Compostela e que foron medrando sen parar até o 2011, ano en que se cortaron abruptamente. Nese momento, víronse na obriga de botar o peche da Sala Nasa por cuestións económicas e políticas, xa que por un lado o local deixara de resultar sustentable e, polo outro, a chegada de Conde Roa ao Pazo de Raxoi convertía o goberno municipal nun axente hostil para a súa actividade artística na cidade. Dende aquela, Chévere trasladouse a Teo, onde se converteu en 2012 en compañía residente. “Chévere non se pode entender sen Santiago. Estamos moi relacionados con esta cidade, durante moitos anos fomos un axente máis que se implicou nos  seus ritmos e queriamos expoñer esa relación”, sinala Ron. E fano coa necesaria perspectiva que dá o tempo, non só dende a que outorga tres décadas de actividade teatral, senón tamén dese sexenio fóra de Compostela. “Emprendemos este relato agora, pero cómpre dicir que é un relato feito dende a ausencia. En certo xeito, Chévere é un axente cidadán que está ausente e que agora está a volver”, explica o director.

"Chévere é un axente cidadán que está ausente e que agora está a volver”, di Xesús Ron

No centro dese relato atópase, polo tanto, a relación establecida entre Compostela e Chévere. Unha relación que se analiza dende o punto de vista da evolución, por un lado do grupo, e polo outro, da propia cidade que como axente colectivo está sempre en permanente construción. E para abordar a súa memoria, o grupo emprega nestas Cheverografías unha sorte de álterego que fala por boca allea da historia do grupo, da cidade, dos seus nexos artísticos e vitais. “Empregamos unha suposta investigadora estranxeira, que está a realizar un traballo de investigación sobre a transformacións no urbanismo na Unión Europea e que se fixa no caso de Santiago. Este proxecto ten así un verniz documental que busca poñer sobre a mesa os conflitos da cidade mentres que tamén conta como Chévere foi aparecendo e desaparecendo de Santiago”, sinala Ron.

O proxecto ten un "verniz documental" que busca "poñer sobre a mesa os conflitos da cidade" mentres conta "como Chévere foi aparecendo e desaparecendo de Santiago"

Esa investigadora ficticia convértese no fío condutor de Cheverografías, un proxecto teatral que se camufla no formato das audioguías, moi empregadas nos museos de todo o mundo e moi representativas dun dos grandes conflitos que vive a capital de Galicia dende fai anos: a pegada do turismo masivo. Os espectadores/ouvintes, cos auriculares postos, camiñaron por Santiago escoitando a actriz Helen Bertels, que presta a súa voz á investigadora. O público escoitou na súa narración o relato que preparou Chévere, así como tamén unha análise da transformación da cidade. “Plasmamos unha visión moi presente, que é o resultado da presión turística que fomos vivindo nos últimos anos. Para nós, como veciños, sentimos esa presión como algo moi grave que está influíndo no tipo de urbe que temos”, reflexiona Xesús Ron.

'Cheverografías' camúflase no formato das audioguías, representativas dun dos grandes conflitos composteláns: a pegada do turismo masivo

Esa presión  analízase ao longo das Cheverografías a través da palabra non só de Bertels, senón tamén cos audios de entrevistas realizadas a arquitectos como Pablo Tomé, técnico do Consistorio compostelá, que centrou as súas palabras no caso do actual Hotel Palacio do Carmen de Santiago, inaugurado no ano 2001. Antes da súa apertura, o antigo convento atopábase en ruínas e estudouse a posibilidade de rehabilitalo e adaptalo para usos culturais. Non obstante, a idea que se acabou por impoñer foi a creación dun hotel de luxo. Para Ron, ese paso foi “unha oportunidade perdida” e significou en termos xerais a decisión de apostar por un modelo de cidade.

En definitiva,  Santiago convertíase, en palabras de Ron, nun centro “megaturístico”. “Para nós, Santiago debe ser unha cidade xestionada e pensada para mellorar a vida dos seus habitantes, nós sacrificariamos esa parte megaturística dos últimos dez anos”, sinala Ron, antes de admitir que esa é unha visión dentro da “gran disparidade de xeitos de entender a cidade” “Santiago é unha cidade que ten que reconstruírse e ser decidida polos seus habitantes”, sentenza o director.

 

A Casa da Xuventude

Malia que talvez a Cheverografías afonda nunha visión negativa do proceso vivido por Santiago ao longo do presente século, tamén amosa unha vertente positiva da evolución. E faino dende a súa posta en marcha, xa que non é casualidade que o punto de encontro deste roteiro fose a Casa da Xuventude, o edificio da praza do Matadoiro que estivo a piques de ser derrubado, pero que finalmente o actual goberno municipal decidiu conservar. “Para nós comezar aí significa recoñecer en positivo o logro dunha loita cidadanía para evitar o seu derrubamento e, ao mesmo tempo, recoñecer que certas accións políticas municipais tamén interviron decisivamente para evitar o desastre urbanístico e especulativo”, apunta Ron, quen se refire á historia enteira do propio inmoble. “En 1985, o alcalde Xerardo Estévez decide construír o edificio, como se di na propia narración, para evitar a urbanización das hortas de Belvís. A outra acción que cómpre destacar  é a decisión do goberno actual de iniciar un proceso para retornar o uso do edifico á cidadanía”, remata Ron.

Ademais, a Casa da Xuventude encaixa a perfección como punto de partida para a historia de Chévere, xa que a primeira parada proposta pola narración de Helen Bertels desenvolvíase moi preto de alí, na Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo. Foi nese centro onde en 1987 xurdiu a primeira representación de Chévere, malia aínda non ser Chévere e carecer mesmo de nome. Ese espectáculo fundacional chamábase Servizo discrecional e significou o verdadeiro xermolo. Esa foi a mecha, despois chegou todo o demais.

 

Teatro Amarillo e Chévere

As seguintes paradas do percorrido de Chévere levaba aos espectadores/ouvintes ás portas do actual Arquivo Histórico da Universidade (na rúa Casas Reais e ao carón da Igrexa das Ánimas. Naquela altura, a finais dos anos oitenta, o espazo aínda non tiña esas funcións e estaba sendo empregado por colectivos culturais) e nas inmediacións da Rúa da Algalia, onde o grupo comezou a buscar sen éxito un primeiro local. Foi nesa época cando o actor Miguel de Lira e John Eastman comezaron a falar do nome da formación. Eastman propuxo Teatro Amarillo, o cal aplaudiu Miguel de Lira, quen acabaría por dicir simplemente unha frase que o decidiu todo: “Teatro Amarillo, que chévere!”-

Chévere enctrou a súa primeira oficina no Pub Atlántica grazas á intermediación do músico Narf

O grupo, xa con nome, acabou por encontrar unha primeira oficina no Pub Atlántico. E tal como conta no audio de Cheverografías a súa propietaria, Pilar Fernández, a compañía ocupou un pequeno almacén do edificio grazas á intermediación do músico Narf, quen naquela época andaba a voltas xunto a Carlos Santiago co Nicho Varullo. A Narf encargáranlle a música dun espectáculo, Río Bravo, que se convertería en 1990 no primeiro gran éxito de Chévere.

'Casa Tomada', en 2000, puña xa o foco na transformación de Santiago cara a un modelo turístico que se foi acentuando

Cheverografías continuaba o seu percorrido por Santiago, prestando atención a diferentes actuacións teatrais feitas polas rúas, principalmente Acibeche, montaxe de 1991 na que o grupo simulaba a rodaxe dun culebrón e realizaba diferentes gravacións con público en lugares como a Rúa Nova; Escapárte, realizado en diferentes locais da zona vella para dinamizar o comercio local, ou Casa Tomada, unha montaxe realizada coincidindo coa Capitalidade Cultural Europea de Santiago no ano 2000. Precisamente, nese espectáculo que se desenvolveu na Praza de Cervantes ao redor da antiga casa consistorial de Santiago, Chévere puña xa o foco na transformación de Santiago cara a un modelo turístico que se foi acentuando co devir dos anos.

E este percorrido pola xeografía vital de Chévere remataba na Sala Malatesta, na antiga Sala Nasa, onde a Cheverografía culminaba tras unha hora de camiñada coa proxección da fita documental Viaxe ao país dos ananos, dirixido por Alfonso Zarauza e producida polo propio grupo en 2014.

Así concluía o relato feito “dende a ausencia” de Chévere, unha ausencia na cidade só corrixida, dalgún xeito, por un pequeno detalle que fai referencia á historia do grupo en Santiago. Ese detalle non mora en ningún teatro, senón na carta dunha taberna: a Gamela, situada na calella de Sal se podes e ben coñecida polos seus pratos de setas. Un deles chámase Río Bravo, en honra a ese espectáculo e en lembranza por todas as veces que os compoñentes de Chévere pararon alí a comer durante os seus ensaios.  As setas Río bravo, ao parecer, levan un pouco de todo. E iso é o que queda.

'Cheverografías' © Manuel G. Vicente
'Cheverografías' © Manuel G. Vicente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.