“Todas as mulleres somos dalgún xeito exiliadas de nós mesmas, aínda sen traspasarnos”

Fotograma de 'A cicatriz branca' © Praza Pública

“Como en todas as familias de Galicia, na miña tamén houbo emigrantes. E experiencias coma esta lévanche a descubrir a túa propia xenenaloxía”. Falamos coa poeta Eva Veiga, protagonista de A Cicatriz Branca, filme dirixido por Margarita Ledo que retrata a emigración da muller galega na década dos cincuenta. O filme, que xa se puido ver o pasado ano en Cineuropa, proxectarase en Compostela este domingo (ás 18 horas) e luns (20.30), no Salón Teatro. Tralo seu paso por Santiago, A Cicatriz Branca continuará o seu percorrido en Bos Aires, onde Margarita Ledo presentará o seu filme no Centro Cultural Virrey Liniers o próximo 30 de outubro. Non será a única proxección na capital bonaerense, xa que tamén se poderá ver no Centro Cultural da Cooperación o 4 de novembro.

Hai uns meses Ledo destacaba nunha entrevista que Alberto Ramos lle fixo para Praza, que a emigración feminina era "unha emigración sen retorno, unha expulsión que está absolutamente sen tratar” e que "hai moitas diferenzas entre a emigración da muller e do home. Unha das principais é que a emigración feminina nunca ten retorno, sobre todo se a muller non casa". A este respecto Eva Veiga salienta que “Como en todas as familias de Galicia, na miña tamén houbo emigrantes. E experiencias coma esta lévanche a descubrir a túa propia xenenaloxía", concluíndo que "todas as mulleres somos dalgún xeito exiliadas de nós mesmas, aínda sen traspasarnos”.

"Aprendín os lugares da diáspora. Bos Aires, o psiquiátrico de Castro de Rei... Eses lugares teñen unha enerxía, unha memoria. Traballar alí foi unha experiencia radical, transformadora”

A fita conta no seu reparto con Xabier Deive, Lino Braxe ou Tamar Novas, e mestura a ficción cunha importante base documental, tanto nas historias que contén coma nos propios escenarios onde ten lugar e as localizacións escollidas. De feito, o filme foi rodado en Galicia e Arxentina en localizacións coma o Psiquiátrico de Castro, o Hospital do Centro Gallego de Buenos Aires ou a propia Estación Constitución, onde sucederon moitas escenas semellantes ás que conta a película. "Hai moitos lugares que esixen e precisan a ficción. Teñen ecos tan fortes, que facía falla poñer personaxes que foran acompañados por eses ecos, por eses lugares", salienta Margarita Ledo, algo no que Eva Veiga concorda, ao sinalar os elementos que máis a impactaron do proceso de creación do filme: "Aprendín os lugares da diáspora. Bos Aires, o psiquiátrico de Castro de Rei... Eses lugares teñen unha enerxía, unha memoria. Traballar alí foi unha experiencia radical, transformadora”.

Veiga confesa que se atreveu a facer o filme, entre outras cousas, "porque o personaxe ten algo que ver comigo. Non como emigrante, senón como suxeito dunha experiencia vital, extrema”

Este foi o primeiro filme para Eva Veiga, poeta e non actriz, que afirma que, en principio, non ten intención de recuncar: “Non creo, pero nunca se pode dicir desta auga non beberei. Eu non son actriz. Facendo este filme descubrín que a interpretación é un dos oficios máis difíciles do mundo". “Algo fixera eu, pero na comparable con ter un papel nunha película" -di- "Tiña un pánico terrorífico que ía crecendo a medida que ía traballando no papel. Fun seguindo as instrucións de Margarita, deixeime dirixir". Veiga confesa que se atreveu a facer o filme, entre outras cousas, "porque o personaxe ten algo que ver comigo. Non como emigrante, senón como suxeito dunha experiencia vital, extrema”.

Fotograma de 'A cicatriz branca' © Praza Pública
Fotograma de 'A cicatriz branca' © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.