Lugo celebra unha Muralla de Letras para pasar o inverno da pandemia co arrolo de libros e contos

Imaxe das xornadas 'Muralla de Letras' © Deputación de Lugo

Hai vinte anos que a Muralla de Lugo foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade, constituíndo o ben cultural de maior sona e relevancia na cidade e na provincia. Para conmemorar este aniversario a Deputación de Lugo organiza esta fin de semana, do 11 ao 13 de decembro, as xornadas Muralla de Letras, un programa cunha ducia de actividades arredor dos libros e da lectura que se desenvolverán no Centro Cultural do Vello Cárcere. A relación completa de propostas e actos pódese consultar neste enlace.

O programa, que inclúe presentacións editoriais, encontros lectores, contacontos e concertos, busca tamén apoiar as vendas das librarías lucenses e dinamizar o sector editorial nun contexto de pandemia

O programa, que inclúe presentacións editoriais, encontros lectores, contacontos e concertos, busca tamén apoiar as vendas das librarías lucenses e dinamizar o sector editorial nun contexto de pandemia que supuxo un duro golpe para moitos negocios e para o sector cultural no seu conxunto. "Cremos que estas datas previas ao Nadal son un bo momento para reforzar e amplificar esa mensaxe e apoiar o sector do libro e o comercio de proximidade”, sinalou Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación

As actividades terán lugar do 11 ao 13 de decembro no Centro Cultural do Vello Cárcere (imaxe de arquivo) © Concello de Lugo

Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións

Na presentación das actividades destácase a importancia que nestes últimos meses de enfermidade, restricións e confinamento tivo a lectura, "que nos protexeu emocionalmente nas nosas casas confinadas, unha muralla de fantasía que nos permitiu voar coa imaxinación e ofrecerlle aos nenos e ás nenas un mundo de recursos necesarios para enfrontar e entender esta difícil situación". 

Ferreiro engadiu a este respecto que “o confinamento e as limitacións de mobilidade obrigadas pola pandemia leváronnos a valorar máis a literatura, a música, o cine e a produción cultural, en xeral, porque estamos a recorrer a ela na busca de entretemento, coñecemento, respostas, conforto,... Para que eses sectores se manteñan, é necesario contribuír a súa viabilidade”.

Paco Nogueiras e Paco Cerdeira “Pakolas” e Magín Blanco darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos

As actividades comezarán este venres ás cinco da tarde cun concerto de Magín Blanco, baixo o título de "O que levamos nas maletas". O creador de “A nena e o grilo”, “A nena e o grilo nun barquiño” ou “Gatuxo”, interpretará en directo unha selección de pezas musicais para público infantil acompañadas dunha narración. 

Será a primeira dunha ducia de citas. Nelas, Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións, conversarán co público e asinarán exemplares das obras ao longo da fin de semana. 

Ademais, Paco Nogueiras e Paco Cerdeira “Pakolas” (ademais de Magín Blanco) darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos, mentras que Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán ás mais pequenas a ler a través de historias contadas. A sesión de Polo Correo do Vento servirá para homenaxear a Manuel María. 

Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán ás mais pequenas a ler a través de historias contadas

Así mesmo, Muralla de Letras dará eco ao proxecto editorial lucense Ámboa, que aposta por publicacións que conectan a literatura galega e portuguesa. 

Dada a situación sanitaria e as restricións de capacidade dos espazos culturais, para participar nas actividades cómpre inscribirse no correo cultura@deputacionlugo.gal, indicando a actividade á que se quere asistir e os nomes e contactos das persoas que acudirán. Se non se completa o aforo, aos dez minutos do inicio da actividade, permitirase a entrada sen reserva previa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.