Luz Fandiño, versos e loita ata a fin

Luz Fandiño, durante unha 'mullerenaxe' a Maruxa e Coralia na Alameda de Compostela (2012) CC-BY-NC-SA Praza.gal

Luz Fandiño, finada aos 92 anos, sempre estaba. Na loita e a na festa. Atesourando memoria e arrodeada de mocidade. Sempre coa lingua, a poesía, os dereitos nacionais galegos e o feminismo por bandeiras

Luz Fandiño sempre estaba. Nun recital poético, nunha manifestación. Nunha mullerenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño ou nun acto de apoio a alguén que sofre. Na loita e na festa. Atesourando memoria e arrodeada de mocidade. Co caxato que a axudaba a seguir adiante, pero con infindas mans que a apoiaban. Sempre, coa lingua, a poesía, os dereitos nacionais galegos e o feminismo como bandeiras.

A poeta e activista, que faría 93 anos no vindeiro outono, finou en Santiago, a súa cidade natal. Así o confirmou este 28 de abril de 2024 a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. A rexedora confirmouno compartindo dúas fotografías de Luz; unha, no Teatro Principal. Outra, compartindo confidencias e flores.

Entrevista con Luz Fandiño en Nós TV (2020)

Porque Luz Fandiño era, entre outras moitas cousas cousas, vida compartida. Coa súa xeración e con todas as que viñeron por tras, coas que gozaba. Escoitándoas, pero tamén contando a súa longa vida de gozos e padecementos. Da emigración á Arxentina nos anos 50, da pobreza, pero tamén do regreso á efervescente Compostela de finais dos 70. Ela, deixou dito, non quería que ninguén pasase fame. Nin "de comer" nin "de saber". Ela, testemuñaba, pasara das dúas.

Tras o seu pasamento sucedéronse as mostras de dor e de convicción de que Luz non marcha de todo

Por tras de si quedan poemarios como Farangulliña de neve, A liberdade ten ás de vento, O pracer de envellecer ou No corazón da terra, que viu a luz neste mesmo 2024. Tamén A poeta analfabeta que comparte título co documental no que Sonia Méndez retratou en 2020 a súa vida.

Tras a nova do seu pasamento sucedéronse as mostras de dor. Mais tamén de convicción de que Luz Fandiño non marcha de todo. Seguirá nas rúas de Compostela, nas letras, no festival Luz Poética, inspirado nela; e na multitude de persoas coas que compartiu versos e loita.

Un acto civil servirá este luns como despedida a Luz Fandiño no tanatorio compostelán de Boisaca. Celebrarase ás 19h15 do serán, antes de ser incinerada na intimidade. O 5 de maio o Museo o Pobo Galego acollerá unha homenaxe e celebración á súa vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.