Máis de 200 persoas bailan dende o confinamento o 'Valxe' de Os d'Abaixo

Capturas dalgún dos vídeos enviados por persoas que bailaron nas súas casas o 'Valxe' © Os d'Abaixo

Nos primeiros días de abril Os d'Abaixo publicaron o videoclip do seu novo single, "Valxe", adianto do que será o seu vindeiro disco. En pleno confinamento a banda fixo un chamamento por redes sociais para que todas as persoas que o desexasen se gravasen bailando este fermoso valse composto polo gaiteiro Víctor Antelo. En parte a formación quería poñer en práctica a máxima de James Brown, que afirmou que "calquera problema do mundo pode resolverse bailando".

Nas semanas seguintes a banda recibiu decenas e decenas de vídeos de persoas bailando a peza nas súas casas, xardíns e hortas. En solitario, en parella, cos seus cans ou coas súas crianzas, ata superar os 100 vídeos e as 200 persoas participantes, e mesmo algunhas gravacións procedentes de Francia, dos Estados Unidos ou Chile.

Con esas pezas que recibiu, a banda vén de elaborar (con montaxe de Sonia García) un novo videoclip para o seu "Valxe", protagonizado desta volta polas persoas que bailaron a canción confinados e confinadas nas súas vivendas.

Ademais, o debuxante Gonzalo Vilas elaborou un cadriño en homenaxe a Os d'Abaixo, a este baile dende o confinamento e a esta peza que tanto soou nalgunhas casas nas últimas semanas.

Ilustración de Gonzalo Vilas dedicada a Os d'Abaixo ©

Os d'Abaixo

A banda folk Os d'Abaixo, formada no 2010 por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca, entre outros, celebra neste 2020 o seu 10º aniversario. O seu primeiro disco foi gravado en directo no Festival Interceltique de Lorient, sen moitas pretensións, como era na realidade a banda, nacida co fin de amenizar os bailes folk da súa cidade. Pero a aceptación foi tal, que comezaron a xirar por festivais e festas tanto de Galicia como de fóra. 

En maio de 2017 presentaron Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas case todos inéditos provenientes dun gran traballo de investigación, ao que tamén se dedica a banda. No 2019 incorpórase á banda un novo acordeonista, Santi Cribeiro (Berrogüetto). Con enerxías renovadas, traballan no seu vindeiro disco, que volverá xuntar a súa particular reinterpretación da tradición con temas de composición propia.

Velaquí a versión orixinal do videoclip de 'Valxe"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.