Manu Chao actuará no Reperkusión o 11 de maio

Manu Chao na edición 2012 © Brais Seara

Manu Chao estará no Festival Reperkusión 2013, que se celebrará na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) os días 10, 11 e 12 de maio. Será o cabeza de cartel da xornada do sábado, na que tamén tocarán os ucraínos Haydamaky, os galegos Banda Fura Fura e o humorista Quequé. Tamén se confirma a presenza dos serbios Shazalakazoo, que subsitúen a Slamboree e acompañarán a Fermin Muguruza na xornada do venres.

O festival cumpre coa tradición de contar na programación con algún dos artistas que máis destacaron na edición anterior: neste caso será Manu Chao, que en 2012 ofreceu dous concertos no festival. Manu Chao di que se sente como en casa no Reperkusión e en Bemposta. A súa simpatía polo festival e o seu ánimo de apoiar o proxecto de recuperación da Cidade dos Muchachos para uso social e cultural lévano a regresar este ano.

O cartel provisional por días é o seguinte. Venres 10 de maio: Fermin Muguruza, Kontrakantxa e Shazalakazoo. Sábado 11 de maio: Manu Chao La Ventura, Haydamaky, Banda Fura Fura e Quequé. As entradas e os abonos para a 11ª edición do festival están á venda na súa web e a partir deste mércores tamén en puntos de venda en toda Galicia. Neste momento hai aínda dispoñibles uns 500 abonos na oferta especial para os tres días con acampada incluída a un prezo de 25 € + gastos de xestión. Poderán adquirirse ata o 15 de marzo. As entradas para un día poden mercarse por 20 € + gastos de xestión.

Manu Chao na edición 2012 © Brais Seara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.