Manu Chao e Fermin Muguruza encabezan un Reperkusión de luxo

Manu Chao na edición 2012 © Brais Seara

Xa está todo listo para o Reperkusión 2013, que volverá acoller a Cidade dos Muchachos, en Ourense. Fermin Muguruza encabeza o cartel do venres, día no que tamén actúan Shazalakazoo; Manu Chao é cabeza de cartel do sábado, xornada na que actuarán tamén Banda Fura Fura, Haydamaky e Quequé, entre outros. A organización espera repetir o éxito do ano pasado, con máis de 21.000 persoas ao longo da fin de semana. As entradas de un día (20 €) e os bonos para todo o festival (30 €) poden comprarse en www.reperkusion.com e varios puntos de venda en toda Galicia.

Segundo afirmou Xurxo Seara, organizador do evento, Reperkusión’13 “serán tres días e tres noites de festa, preto de 60 horas de programación de todas as disciplinas e para todos os públicos, dende o venres ás 18h ata ben entrada a madrugada do domingo”. “O 80% destas actividades son libres e gratuítas”, recordou Seara, “e están pensadas para toda a familia”. Só serán de pago os concertos de noite no escenario principal, o venres e o sábado dende as 22h30 ata as oito da mañá, o resto da programación da xornada é de acceso libre e gratuíto: concertos no escenario de día, pasacalles, circo, talleres, olimpíada de malabares, mercado de artesanía... unha ampla programación o venres pola tarde e o sábado e o domingo mañá e tarde. 

A organización recomenda deixar o coche en Expourense e subir en bus. Urbanos de Ourense reforzará as liñas 14, 33 e 25A (o Moucho Bus) e porá dous buses especiais dende o Parque de San Lázaro. O Festival Reperkusión tomará unha vez máis a Cidade dos Muchachos, logo do éxito da pasada edición, cando por primeira vez se celebrou nestas instalacións situadas no municipio de Ourense. “Trátase dun lugar moi especial”, recordou Seara, “no que se desenvolveu un proxecto modélico de integración e compromiso social que tiña nas artes e no circo un dos seus piares”.

 

O programa

O cabeza de cartel do venres 10 de maio será Fermin Muguruza, que volve aos escenarios despois de seis anos, conmemorando os 30 anos de carreira musical do excompoñente de Kortatu e Negu Gorriak. Ese día tamén actuan no escenario principal Shazalakazoo, dúo serbio de folk-step, música balcánica, urbana e bastarda; os aragoneses Artistas del Gremio e os galegos Skarallaos, elixidos por votación popular. A noite terminará coa sesión dj con percusión dos vascos Supertumbaduo. 

O prato forte do sábado é a volta ao Reperkusión de Manu Chao. O artista franco-galego estará de novo acompañado por La Ventura, para ofrecer un dos seus espectaculares shows de máis de dúas horas de enerxía nos que interpreta himnos coñecidos por todos. O sábado tamén actúan no escenario principal a Banda Fura Fura, que xunta a algúns dos músicos e cantantes máis recoñecidos da escena rock galega para reinterpretar temas do Zeca Afonso; e Haydamaky, estrelas da escena alternativa de Ucraína coa súa fusión de rock, ska e punk mesturados cos sons tradicionais do seu país. Hadri Hache encargarase da sesión dj neste escenario. Antes, ao longo da tarde e até xa entrada a noite actuarán no escenario de día, de acceso gratuíto, outro catro grupos: os galegos Guezos, os asturianos La Tarrancha e os cataláns Rimbarán, elixidos o público a través de Facebook, e La Sonajera Ravalera, proxecto esporádico que une no escenario a El Rumbao (Galicia-Colombia), Chamito (Venezuela) e Daniel Lança (Portugal). 

O festival termina o domingo 12 de maio cun fin de festa de acceso gratuíto. Ao longo da tarde actuarán Chimango, arxentino que expresa como ninguén a enerxía urxente da rumba barcelonesa; a banda ska-punk-folk galega The Skarnivals; os ourensáns Ménage à Trois e a súa fusión de ritmos bailables; e XeRock, grupo de rock formado por usuarios e traballadores do Centro de atención a discapacitados intelectuais San Xerome da Guarda (Pontevedra). 

Manu Chao na edición 2012 © Brais Seara
Reperkusión creou unha "cidade" dentro dunha cidade © Brais Seara
Reperkusión creou unha "cidade" dentro dunha cidade © Brais Seara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.