Manuel Rivas e Craig Patterson veñen de ser recoñecidos co Premio Ostana de escrita en lingua materna, un galardón que todos os anos entregan a vila de Ostana (no norte de Italia) e a Asociación Cultural Chambra d'Oc e que destaca autores e autoras en linguas minorizadas.
Dende hai unha década o premio recoñece todos os anos autores e autoras en linguas minorizadas
Nesta undécima edición Rivas foi galardoado co Premio Internacional, e Patterson co Premio á Mellor Tradución. Ademais, Til Stegmann (EUROCOM -Intercompresione lingue europee) recibiu o Premio Especial, Gerard Zucchetto o Premio en Lingua Occitana, Marcelo Martinessi (Guaranì - Paraguay) o Premio de Cinema, Franca Masu (catalán alguerés) o Premio de Música, e Dariya Martynova - Neseni (Even - Siberia) o Premio para escritores/as mozos/as.
Os galardóns comezaron a entregarse no ano 2008 e esta é a súa undécima edición. Na súa primeira edición Alfredo Conde foi galardoado co Premio Internacional, sendo este o único recoñecemento que ata agora fora para un galego.
Rivas foi galardoado co Premio Internacional, e Patterson co Premio á Mellor Tradución
Craig Patterson publicou hai dous anos a tradución ao inglés do Sempre en Galiza (Forever in Galicia), editado por Francis Boutle Publishers. "'Forever in Galicia' contribúe a unha versión alternativa da historia ibérica dende un punto de vista non centralista", dicíanos nesta entrevista. E hai uns anos xa sacara do prelo On a Bender (tradución de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor). Mentres, Contra todo isto (2018, Xerais) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018, Xerais) son as dúas últimas obras publicadas por Manuel Rivas.