A Coruña de hai un século, en imaxes: o legado do descoñecido fotógrafo Antonio Pérez

Carroza de entroido dedicada á electricidade polo Cantón Grande da Coruña na segunda década do século XX CC-BY Antonio Pérez (Arquivo do Reino de Galicia)

A pasada semana o Arquivo do Reino de Galicia publicou en Galiciana unha colección de 198 fotografías realizadas nos primeiros anos do século XX -maioritariamente na cidade da Coruña- por Antonio Pérez

A pasada semana o Arquivo do Reino de Galicia publicou na base de datos de Galiciana unha colección de 198 fotografías realizadas nos primeiros anos do século XX -maioritariamente na cidade da Coruña- por Antonio Pérez. As imaxes, ademais de polo seu interese histórico e documental, chaman a atención polo feito de que pouco ou nada se coñece sobre este fotógrafo coruñés que nalgúns casos asinaba os seus traballos como PÉREZ AFDO.

Esta colección fotográfica ingresou no Arquivo do Reino de Galicia en 2002, cando foi mercada á Casa Encuadernaciones Ex-Libris, S. L., xunto con outro conxunto de fotografías estereoscópicas e autocromos. 

Antonio Pérez coas súas ferramentas de traballo CC-BY-SA Antonio Pérez (Arquivo do Reino de Galicia)

Pouco ou nada se coñece sobre este fotógrafo coruñés

Predominan as fotografías de persoas, individualmente ou en grupo, pero hai tamén algunhas imaxes nas que se poden ver paisaxes e edificios da Coruña, tiradas principalmente na segunda década do século XX. Entre os retratos parecen dominar as imaxes de obreiros e artesáns representados de plano medio sen fondo. Hai, igualmente, un bo número de retratos do propio fotógrafo e a súa familia.

Destacan, igualmente, as series que realiza das carrozas que desfilaban nunha das edicións do Entroido coruñés nesas décadas. Tamén as varias fotografías que Antonio Pérez realizou no interior da desparecida Praza de Touros da Coruña, con imaxes de grupo do público asistente no tendido. E, igualmente, no tamén desaparecido campo de fútbol de Monelos, un dos que existía naquela altura na cidade e no que se desenvolveu o balompé.

Predominan as fotografías de persoas, individualmente ou en grupo, pero hai tamén algunhas imaxes nas que se poden ver paisaxes e edificios da Coruña

Nas imaxes pódese ver tamén o edificio modernista da Terraza na súa localización orixinal nos Cantóns, antes de que fose desmontado e trasladado a Sada. E, igualmente, o barco Marqués de Amboage que realizaba a ruta de pasaxeiros entre A Coruña e Ferrol, fondeado no porto herculino.

As estampas amosan outros elementos igualmente desaparecidos da Coruña, coma a praia do Parrote, ocupada na actualidade por La Solana. Ou tamén unha visión moi diferente das actuais praias de Riazor e Orzán, sen edificios nas súas marxes.

Algúns retratos realizados por Antonio Pérez © Antonio Pérez (Arquivo do Reino de Galicia)

Na colección aparece tamén unha imaxe dunha manifestación pola Mariña datada no ano 1917. Hai, así mesmo, fotografías dunha malla tradicional ou da romaría que se realizaba no lugar de San Roque de Fóra.

A maior parte das fotografías que se poden consultar e descargar libremente en Galiciana foron tiradas na propia cidade da Coruña, pero hai tamén imaxes dos arredores da urbe, como Cambre ou Pontedeume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.