En total, son 150.000 elementos de 1834 ata 2004 que están xa sistematizados e serán dixitalizados e accesibles ao público no seu conxunto nas vindeiras semanas
O repositorio atoPo, da Deputación de Pontevedra, vén de poñer a disposición da cidadanía milleiros de fotografías e documentos procedentes do arquivo municipal da cidade de Pontevedra. En total, son 150.000 elementos de 1834 ata 2004 que están xa sistematizados e serán dixitalizados e accesibles ao público no seu conxunto nas vindeiras semanas. A día de hoxe, 48.000 destes documentos xa están subidos e 27.000 xa son públicos.
O organismo provincial ten xa no seu arquivo 2,2 millóns de referencias de toda a provincia, coa única excepción do Concello de Vigo, tendo unha parte pública e outra restrinxida, unha dixitalizada e outra só referenciada. Os fondos do Concello de Pontevedra convértense agora nos segundos máis numerosos no sistema provincial, só por detrás da propia Deputación.
O organismo provincial ten xa no seu arquivo 2,2 millóns de referencias de toda a provincia, agás Vigo
A maior parte das novas fotografías que forman parte do arquivo percorren a etapa comprendida entre a alcaldía de Calixto González-Posada (1949-1952) ata a de Javier Cobián Salgado, rematada en 1995. Con todo, tamén se catalogou e dixitalizou unha colección de fotografías da cidade e os seus arredores procedente de Fototipia Thomas datada entre 1910 e 1920.
Catalogouse e dixitalizouse unha colección de fotografías da cidade e os seus arredores procedente de Fototipia Thomas datada entre 1910 e 1920.
O fondo contén imaxes de actos que dan testemuña da actividade política e institucional do Concello e da cidade: reunións, recepcións na Casa do Concello, visitas de personalidades políticas da ditadura co gallo das festividades propias do réxime ou co da inauguracións de infraestruturas (fábrica de Pontesa, factoría de Celulosas, escolas…), celebracións relixiosas, viaxes dos representantes locais pola península ou ó estranxeiro, relacións con outras localidades…
Algúns dos rexistros correspóndense co propio Concello de Pontevedra, pero hai tamén moitos outros dos que foron os concellos de Xeve, de Salcedo ou de Ponte Sampaio e de coleccións privadas como as de TAFISA ou a colección Rafael Vázquez.
A Deputación salienta "o valor que o fondo gráfico ten para coñecer a evolución urbanística de Pontevedra, os cambios físicos en parroquias, barrios e rúas"
A Deputación salienta "o valor que o fondo gráfico ten para coñecer a evolución urbanística de Pontevedra, os cambios físicos en parroquias, barrios e rúas que aquí se pode observar nun número moi significativo de imaxes, fotografadas moitas delas, posiblemente, para seren incluídas nos respectivos expedientes de obras e infraestruturas".
A incorporación dos fondos do arquivo municipal de Pontevedra foi presentada esta semana por representantes do Goberno local pontevedrés e da Deputación. En concreto, foron a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, a concelleira de Réxime Interior responsable do Arquivo Municipal Anabel Gulías, os responsables do departamento de Arquivo documental e Audiovisuais provinciais José Luis Castro Carpintero e José María Cumbraos e o arquiveiro municipal Rodrigo Silva.
A concelleira Anabel Gulías destacou pola súa banda que “os arquivos deben estar abertos e accesíbeis ao público, rompendo estereotipos, conectando coa veciñanza”
A deputada María Ortega destacou que a Deputación puxo a disposición do Concello pontevedrés a ferramenta ATOM que utiliza para sistematizar o seu patrimonio documental “igual que o fixo con outras 137 entidades na provincia, evitándolle o gasto de adquirir o sistema e, ademais, permitindo que os seus fondos dixitalizados se poidan subir ao AtoPO e formar parte da guía de patrimonio documental da provincia”. A concelleira Anabel Gulías destacou pola súa banda que “os arquivos deben estar abertos e accesíbeis ao público, rompendo estereotipos, conectando coa veciñanza”.