O francés Jean Laurent Minier (Garchizy, 1816-Madrid, 1886) instalouse en 1844 en España e nas décadas seguintes converteuse no fotógrafo máis importante do século XIX no Estado. En 1860 a raíña Isabel II nomeouno fotógrafo de cámara e un ano máis tarde publicou o primeiro dos seus catálogos comerciais, no que predominaban os retratos dos personaxes máis coñecidos da época.
Despois de décadas de traballo, Laurent deixou milleiros de imaxes que o Ministerio de Cultura vén de facer públicas e organizar nun fondo de libre consulta. O catálogo componse de 6.300 fotografías, que inclúen retratos, imaxes de obras artísticas e arquitectónicas. O proxecto foi impulsado polo Museo Nacional do Romanticismo, situado en Madrid, en colaboración con outros museos de todo o Estado.

Vemos as estacións de tren da Coruña, Lugo ou Monforte, que acababan de ser construídas
Entre os fondos que se poden consultar hai poucas imaxes de Galicia, un dos territorios que menos percorreu o autor francés. Con todo, podemos ver varias fotografías das liñas do ferrocarril que viñan de ser inauguradas, e que lle permitían desprazarse ao propio Laurent: pontes e viadutos nas zonas montañosas que o tren atravesa entre Galicia e a Meseta; e tamén as novas estacións (en Lugo, Monforte ou A Coruña).
Estas tres son as localidades máis fotografadas por Laurent en Galicia, o que nos permite ver como eran a finais do século XIX, case irrecoñecibles, sobre todo nos casos da Coruña e Lugo.
A Coruña é a cidade máis fotografada por Laurent, con imaxes que amosan varios elementos desaparecidos, como embarcadeiros de ferro, o castelo de San Diego ou os illotes da baía
Na cidade herculina o fotógrafo toma imaxes do porto, nun momento no que as augas chegaban ata a mesma fachada das famosas casas da Mariña ou no que aínda existía o vello embarcadeiro de ferro na Palloza (que desapareceu en 1902) ou as pequenas illas da baía coruñesa -á altura da desembocadura do río Monelos- tamén desaparecidas nos sucesivos recheos.
Pódese ver o aspecto que presentaba a Torre de Hércules hai 150 anos e hai igualmente varias imaxes da cidade dende o tamén desaparecido Castelo de San Diego e unha na que se observa en primeiro plano a antiga Estación do Norte (suprimida décadas máis tarde), co barrio de Santa Lucía ao fondo e cos recoñecibles muíños de vento nos outeiros que rodean a cidade.
Imaxes históricas de Galicia de Jean Laurent
-
O porto da Coruña, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
O porto da Coruña, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
O porto da Coruña, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
A Coruña, vista dende San Diego, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
A Coruña, vista dende San Diego, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
A Coruña, vista dende San Diego, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
A antiga Estación do Norte da Coruña, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent -
Viaduto de Chanca e vista xeral da cidade de Lugo a finais do século XIX -
Estación de tren de Lugo e vista xeral da cidade a finais do século XIX -
Vista xeral de Monforte a finais do século XIX -
A estación de tren de Monforte a finais do século XIX -
Ponte sobre o río Bibei a finais do século XIX -
Ponte do Freixeiro a finais do século XIX -
Viaduto de Cruzul (Becerreá) a finais do século XIX -
Ponte de Petín a finais do século XIX -
Ponte sobre o Liñares a finais do século XIX -
Ponte sobre o río Lor a finais do século XIX -
Ponte en Éntoma (Ourense) a finais do século XIX -
Ponte Vella de Ourense a finais do século XIX -
Torre de Hércules a finais do século XIX