Unha ducia de imaxes de Vigo dos anos 70 e 80 do século XX do fondo da Asociación da Prensa
Dende a pasada semana están dispoñibles na web da Deputación de Pontevedra 500 imaxes procedentes do fondo Asociación da Prensa de Vigo e realizadas por coñecidos fotoxornalistas como Llanos, Magar, Cameselle, Terol, Pako ou Raimundo Cal. As fotografías amosan como era a cidade olívica nos anos 70 e 80 do pasado século, aínda que tamén hai imaxes de Baiona, Redondela, Pontevedra e outras localidades da contorna. Velaquí unha mostra.
-
01
Praza das Travesas (Praza de América), a finais dos anos 70
Nos anos 60, 70 e 80 do pasado século o urbanismo vigués mudou por completo. Foron moitos os valiosos edificios desaparecidos, estruturas que apareceron (coma o famoso Scalextric de Lepanto) e espazos que cambiaron por completo, coma a Praza de América (tamén coñecida como Praza das Travesas), na imaxe.
-
02
Gol de Quini en Balaídos a comezos dos anos 80
O arquivo contén un gran número de imaxes do Celta e de partidos en Balaídos, como esta visita do F.C. Barcelona a comezos dos 80, con gol de Enrique Castro González, Quini.
-
03
Concentración veciñal en Torrecedeira a finais dos anos 70
A segunda metade dos anos setenta estivo marcada na cidades galegas por unha intensa mobilización veciñal. Eran moitos os problemas (saneamento, deficientes servizos médicos, falta de espazos públicos...) dos novos barrios. Esta imaxe recolle unha protesta da veciñanza da zona de Torrecedeira.
-
04
Asemblea feminista en Vigo a finais dos anos 70
Os anos setenta e oitenta foron tamén de crecemento da mobilización feminista, moi importante na cidade de Vigo. En 1983, por exemplo, botaba a andar a Festa da Palabra Silenciada, revista anual editada por Feministas Independentes Galegas (FIGA).
-
05
Clase de lingua galega en Vigo a finais dos anos 70
Outro dos cambios nesa segunda metade da década dos 70 foi o incremento da mobilización social a prol da lingua galega, que comezou a chegar aos centros de ensino.
-
06
Carteis electorais en Vigo dos comicios xerais de 1977
En 1977 celebráronse as primeiras eleccións democráticas en 41 anos e as rúas enchéronse de carteis e mítins. Dous anos máis tarde de novo houbo eleccións xerais e, ademais, celebráronse os primeiros comicios municipais.
-
07
Un tren TALGO na estación de Vigo en 1980
Aínda que os trens TALGO comezaron a operar nos anos 40, non foi ata 1980 que se implantou o Talgo para as conexións de Galicia con Madrid.
-
08
Cruce das rúas Colón e Uruguai, a finais dos anos 70
Cambiaron as rúas de Vigo e cambiaron os coches, como se observa nesta imaxe do centro da cidade, tomado por uns vehículos -iso si- de tamaño moi inferior aos actuais.
-
09
Entrega do I Premio Blanco Amor
En 1981 entregouse por primeira vez o Premio Blanco Amor de Novela, que gañou Daniel Cortezón con A vila sulagada, publicada por Ediciós do Castro.
-
10
Protesta de estudantes universitarios en Vigo a comezos dos 80
Os últimos anos 70 e comezos dos 80 foron tamén momentos de mobilización estudantil, con demandas que ían máis aló da propia organización das universidades e do ensino e abranguían por exemplo o crecente prezo dos alugueiros. É o que se chamou "A loita dos pisos", cunha grande importancia en Compostela e outras cidades galegas no curso 1979-80.
-
11
Iluminación de Nadal en Vigo nos anos 70
Vigo xa tiña luces de Nadal nos anos setenta. Iso si, non eran 11 millóns de LEDs nin marcaban o inicio da celebración en todo o planeta, como seica sucede na actualidade.
-
12
O alcalde de Vigo, Manuel Soto, nas Roteas
Non é posible falar de Vigo entre os anos 70 e 80 sen referirse ao seu alcalde, Manuel Soto, rexedor entre 1979 e 1991 e finado hai dous anos.
-
13
Leiteira en Vigo en 1968
O arquivo fotográfico achéganos imaxes dun Vigo moi afastado no tempo, aquel no que aínda as leiteiras percorrían as rúas para vender o seu produto.
-
14
Praza do Berbés, en Vigo, a finais dos anos 70
E o fondo tamén nos leva a recunchos ben recoñecibles da cidade, coma O Berbés, mais cun aspecto e usos que nos indica á primeira ollada que estamos a ver unha imaxe doutro tempo, aquel no que os Seat 600 aínda aparcaban nos soportais da praza.