Obras dunha cidade en expansión, momentos da vida cotiá con -moitos- coches que agora semellan pezas de museo. Manifestacións, entregas de premios, partidos do Celta ou eventos culturais. Son fragmentos da vida cotiá da cidade de Vigo e da súa contorna retratados por fotoxornalistas da cidade e custodiados pola Asociación da Prensa de Vigo que agora pasan a estar dispoñibles con acceso libre no metabuscador Atopo, creado pola Deputación de Pontevedra.
Son, en total, 509 imaxes correspondentes á segunda metade do século XX, sobre todo aos anos 70 e 80, que estaban depositados dende o ano 2006 no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da institución provincial. Foron catalogados e dixitalizados durante 2021 e agora, publicados como "testemuños da vida política e cultural de Vigo" e tamén, aínda que de forma máis puntual, da cidade de Pontevedra e de vilas como Baiona, Vilagarcía ou Ponteareas.
Explica a Deputación que boa parte das imaxes son obra do fotoxornalista Ángel Llanos, mais tamén figuran outras por "recoñecidos fotoxornalistas galegos e fotógrafos da provincia que traballaban como colaboradores da prensa viguesa"; tale scomo Magar, Cameselle, Terol, Pako ou Raimundo Cal, entre outras. Algúns deles eran tamén colaboradores da Hoja del lunes, a publicación que ata 1981 substituía á prensa impresa diaria os luns.
Nesta liña, o departamento que dirixe a deputada María Ortega destaca que, ademais das propias fotografías, este fondo inclúe tamén "cinco fotografías enmarcadas das sucesivas xuntas directivas da Asociación entre 1942 e os anos 60" e oito credenciais de reporteiros que traballaban como colaboradores da Hoja del lunes. A Asociación da Prensa de Vigo fundouse en 1809 e consolidou a súa importancia hai un século, cunha directiva encabezada por Roberto Blanco Torres.
Sinala a Deputación pontevedresa que, alén de dar servizo aos seus asociados, a entidade xornalística actuaba tamén naquel tempo como "un elemento dinamizador da vida social e cultural local e galega". Así, por exemplo, organizou diversos certames e premios ou conmemoracións como o Día do Deporte. Tamén, destaca, "desenvolveu actividades de formación para os xornalistas, coa presenza en Vigo dos mellores profesionais do Estado".