A nova web do arquivo municipal lucense incorpora 91 libros de actas do Concello dende o século XVI e fai máis accesible a valiosa colección fotográfica Delgado Guisasola, con máis de dúas mil imaxes da cidade e doutros puntos do país
O Arquivo Municipal de Lugo vén de estrear novo sitio web. É o resultado do traballo da vintena de persoas matriculadas no obradoiro dual de emprego ArquivaLugo, que durante un ano se formaron en gravación de datos e documentos, deseño de webs e de produtos gráficos.
Entre o labor deste obradoiro destaca a recuperación dixital e publicación de 91 libros de actas do Concello que datan dende o século XVI ata comezos do XX, case 70.000 imaxes que dan testemuño da xestión municipal e que de agora en diante permitirán a consulta sen cumpra necesariamente tocar os valiosos exemplares orixinais. Estes, destaca a alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, son "das fontes documentais máis consultadas polos investigadores".
Accidente na Volta da Viña e enterro das vítimas
-
Accidente de autobús na Volta da Viña (Lugo) en 1931 -
Comitiva fúnebre polas vítimas do accidente da Volta da Viña, na rúa da raíña de Lugo en 1931
Canda elas a nova web incorpora a colección fotográfica Delgado Guisasola. É un fondo fotográfico composto por máis de 3.000 imaxes mercado polo goberno local en 1990. Hai década e media o persoal participante noutro obradoiro de emprego dixitalizou máis de 2.500 delas, que agora se incorporan á nova web de maneira máis accesible e aberta: sen marcas de auga invasivas e baixo licenza Creative Commons.
A colección Delgado Guisasola está composta por fotografías realizadas, sobre todo, por Valentín Roldán Regal, empregado do Concello de Lugo que tras o golpe de Estado de 1936 foi encarcerado varios meses baixo a acusación de "actividades perigosas" por ser membro da reconstituída Agrupación Socialista de Lugo en 1930. As súas fotografías retratan a cidade de Lugo, mais tamén outros puntos de Galicia como A Coruña, Pontevedra ou Vigo, dende paisaxes ata escenas da vida cotiá ou festas coma o San Froilán.
O Lugo de hai un século
-
A porta da estación da Muralla de Lugo en 1945, con casas adosas á Muralla e o autobús que cubría a liña cara a Santiago -
O Hotel América, na Ronda da Muralla de Lugo, cando era parte da Nacional VI, na década de 1930 -
Xente en torno aos caldeiros do polbo do San Froilán na década de 1930 -
Mercado de cuncas no San Froilán de 1931
As imaxes reflicten o urbanismo da época, dende as casas construídas contra a parte exterior da Muralla -todas demolidas a partir de 1972- ata as fachadas caleadas en vivendas intramuros. Asemade, serven para observar os costumes, caso dos paseos das parellas de mozos pola Praza Maior, e nalgún caso intérnanse no fotoxornalismo, caso das imaxes dun tráxico accidente de autobús en 1931 na Volta da Viña e o multitudinario enterro das 14 persoas que faleceran nel.
Canda ás fotografías de Roldán Regal, tomadas sobre todo na primeira metade do século XX, a colección Delgado Guisasola inclúe tamén imaxes máis antigas obra de Salvador Castro Freire, farmacéutico e fotógrafo nado en 1869, e outras de autoría descoñecida. Entre todas o novo sitio web ofrece unha fiestra dixital ao Lugo, máis tamén á Galicia de hai un século, e en menor medida tamén instantáneas doutros lugares aos que viaxaron ambos fotógrafos, dende Madrid á Arxentina.
A Coruña, Vigo e Pontevedra
-
Actividade portuaria na Coruña, con vista do Parrote, en 1946 -
A ribeira do Berbés, en Vigo, en 1947 -
A Praza da Leña de Pontevedra en 1934