Marcos Pérez Pena

Unha ducia de fotografías históricas que retrataron o país no centenario da chegada de Ruth Matilda Anderson a Galicia

Hai un século chegou Ruth Matilda Anderson a Galicia. As súas imaxes retrataron o país, especialmente o mundo rural e, de forma moi significativa, o traballo das mulleres. Moitos outros fotógrafos refletiron coas súas imaxes un territorio que foi mudando co tempo, pero do que podemos coñecer o seu pasado grazas ás súas obras, moitas delas de consulta libre na rede. Velaquí algúns destes nomes

  1. 01

    Ruth Matilda Anderson

    O 29 de xullo de 1924 a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson chegou a Galicia por primeira vez, nunha viaxe dun mes que a levou tamén a Asturias. Un ano máis tarde regresou a Galicia e durante tres meses percorreu o noso país e mais León. Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais e na segunda viaxe tomou unhas 2.800 imaxes, centrando a súa ollada no mundo rural e os oficios tradicionais, mais non só, pois tamén fixo fotografías nas cidades, como A Coruña ou Santiago.

    De feito, para conmemorar o centenario da chegada de Anderson a Galicia o Concello de Santiago promove o itinerario Ruth e o Leviatán, un percorrido polos espazos da cidade que retratou a fotógrafa estadounidense.

  2. 02

    Otto Wunderlich

    Ao igual que fixo Anderson foron moitos os fotógrafos que retrataron o país e cuxas imaxes nos descobren unha Galicia sorprendente, con lugar que no último século sufriron cambios sociais, paisaxísticos e urbanísticos moi grandes. Nos últimos anos os arquivos de varios destes fotógrafos están a ser recuperados, organizados e publicados, de xeito que moitas das súas imaxes se poden ver na rede. 

    É o caso de alemán Otto Wunderlich, que percorreu Galicia entre 1926 e 1936. Hai tres anos a fototeca do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) publicou na súa web sete mil fotografías de Wunderlich, mil delas tiradas en Galicia. Nelas podemos ver, por exemplo, como era o casco histórico de Marín hai un século, case irrecoñecible.

  3. 03

    Pando

    O Instituto de Patrimonio Cultural de España publicou tamén o Arquivo Pando, que conserva a obra do fotógrafo Juan Miguel Pando Barrero (1915-1992), desenvolvida ao longo de máis de cincuenta anos e continuada polo seu fillo, Juan Pando Esperto. Na imaxe, pode verse unha descarga de peixe en Portonovo en 1963.

  4. 04

    Albert Kahn

    Tamén se pode consultar da rede o arquivo de Albert Kahn. Kahn foi un banqueiro francés de orixe alemá que en 1912 iniciou o proxecto Arquivo do Planeta co que buscaba levar a cabo un rexistro fotográfico de todos os recunchos da Terra. Entre 1912 e 1931 o seu persoal técnico recolleu 72.000 fotografías en cor e 183.000 metros de película en máis de 50 países nos cinco continentes. Contaba cunha ducia de fotógrafos, dirixido por Jean Brunhes, que dirixía a iniciativa.

    En maio de 1917 os seus técnicos viaxaron a Galicia e hoxe podemos gozar de 74 imaxes tiradas en Compostela, Padrón e A Coruña por Auguste Léon e Georges Chevalier. Chaman a atención varias fotografías pola súa intensidade, por exemplo a que permite ver, con todas as súas cores, un grupo de rapaces e rapazas nas rúas da Coruña sobre as que o fotógrafo destacara que tiñan "o pelo loiro e os ollos azuis".

  5. 05

    Jean Laurent

    Antes que todos eles retratou Galicia o francés Jean Laurent Minier (Garchizy, 1816-Madrid, 1886), que se instalou en 1844 en España converteuse no fotógrafo máis importante do século XIX no Estado. Laurent deixou milleiros de imaxes que o Ministerio de Cultura fixo públicas nun fondo de libre consulta.

    No fondo non hai moitas imaxes galegas, pero hai varias fotografías de Lugo, A Coruña e Monforte, e tamén imaxes das liñas e estacións do ferrocarril que viñan de ser inauguradas, e que lle permitían desprazarse ao propio Laurent. Na imaxe, a estación de Lugo, coa cidade ao fondo, no alto.

  6. 06

    Os pioneiros

    Pero quen foron os primeiros? Quen foron os pioneiros da fotografía en Galicia? Pódense citar moitos nomes, comezando polo do daguerrotipista Enrique Luard Falconier, que en 1843 xa exercía na Coruña. Tamén o de Andrés Cisneros, que abriu o primeiro estudo compostelán e que retratou a Exposición Rexional de 1858 de Santiago (na imaxe).

    Tamén os de José Sellier, Felipe Prosperi, Francisco Prieto, Francisco Zagala, Manuel Chicharro, Mariano e Vicente Moreno, Pascual Rey, Pedro Ferrer, Joaquín Pintos...

  7. 07

    Os arquivos provinciais e locais

    Os arquivos galegos conservan unha inxente cantidade de imaxes históricas de procedencias diversas que, ademais, nos últimos tempos veñen sendo postas a disposición da cidadanía en servizos públicos de procura, coma o repositorio atoPo, da Deputación de Pontevedra, que hai dous anos colgou milleiros de documentos procedentes do arquivo municipal da cidade de Pontevedra, entre eles moitas fotografías procedentes de Fototipia Thomas datadas entre 1910 e 1920.

    Na imaxe, a Ponte da Barca, entre 1910 e 1915.

  8. 08

    Arquivo Pacheco

    O Arquivo Pacheco é unha das meirandes coleccións fotográficas de Galicia, con 120.000 fotografías recompilada na súa maior parte por Jaime de Sousa Guedes Pacheco entre 1915 e 1981 e instalada na Casa das Artes de Vigo.

    O estudio Fotografía Pacheco abriu en 1915, grazas á unión do fotógrafo italiano Filippo Prosperi e a súa dona, a pontevedresa Cándida Otero, que se asociaron co portugués Jaime Pacheco. Dúas xeracións máis continuaron o negocio familiar ata os anos 90 do pasado século

    Na imaxe, de Filippo Prosperi, o Porto de Vigo en 1895.

  9. 09

    Ksado

    Luís Casado naceu en Ávila en 1888, pero a súa familia trasladouse a Ourense cando era un neno. Entrou como aprendiz no estudio de Pacheco e en 1915 xa estableceu o seu propio estudio en Compostela e comezou a colaborar en medios como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego ou Vida Gallega

    Adoptou o o nome artístico de Ksado e comercializou con moito éxito coleccións de postais, como as Estampas Gallegas (1936) das que se tirou unha edición de 10.000 exemplares, cun total de 400 imaxes diferentes. O obxectivo era "exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra" e a súa gran difusión estableceu un imaxinario sobre o país que en boa medida se mantén.

    Na imaxe, Xosé Mosquera Pérez, 'O vello dos contos'

  10. 10

    A sublevación fascista

    Non son moitas as imaxes que conservamos sobre o Golpe de Estado de 1936 en Galicia e os primeiros anos de represión. Hai uns anos os fondos da Sección de Estudios sobre la guerra de España, un departamento creado por orde de Manuel Fraga con fins propagandísticos, foron dixitalizados, permitindo a consulta libre de milleiros de fotografías deses anos, algunhas delas tiradas en Galicia.

    Na imaxe, a veciñanza de Sobrado dos Monxes durante unha visita de Franco en 1938

  11. 11

    Manuel Ferrol

    Manuel Ferrol, nacido en Camariñas en 1923, fillo dun fareiro, comezou a dedicarse profesionalmente á fotografía en 1950, traballando nos anos seguintes en Betanzos, Ferrol e A Coruña. En 1957 recibiu un encargo da Comisión Católica de Emigración para realizar un traballo sobre o embarco de emigrantes no porto da Coruña. Deste xeito fixo a súa fotografía máis icónina, retatando a dor dun pai e dun fillo que asistían ao embarque do buque Juan de Garay, que se dirixía a América. 

    En 1961 realizou unha reportaxe fotográfica sobre a liberación do buque Santa María, secuestrado polo DRIL. Posteriormente traballou no No-Do, retratando o día a día de Franco e nos anos setenta participou nun proxecto cinematográfico sobre Castelao.

    Na imaxe, a fotografía de Manuel Ferrol na que aparece Juan Jesús Calo -finado hai tan só uns meses- co seu pai, parte da exposición organizada pola Fundación Foto Colectania, en Barcelona

  12. 12

    Virxilio Viéitez

    Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930). Aprendeu o oficio de fotógrafo na súa emigración a Cataluña e en 1955 regresou a Galicia e abriu un estudio fotográfico na súa vila natal, de xeito que puido retratar a varias xeracións de habitantes da Terra de Montes. Ademais de milleiros de retratos, as súas imaxes refliten eventos sociasis (bautizos, velorios, vodas, comuñóns...) e escensas da vida cotiá 

  13. 13

    A memoria das cidades, a través da fotografía de prensa

    As fotografías publicadas na prensa local supoñen en moitos casos o mellor rexistro da vida das urbes galegas durante o século XX. Hai uns anos a Asociación da Prensa de Vigo puxo a disposición da cidadanía moitas destas imaxes, que amosan actos oficiais e cambios urbanísticos, pero tamén a vida cotiá da meirande cidade do país, obra de Magar, Cameselle, Llanos, Terol, Pako ou Raimundo Cal, entre outros fotógrafos.

    Nestoutra ducia fixemos unha escolma destas imaxes

    A estes fotoxornalistas de Vigo podemos engadir os da Coruña, como Alberto Martí ou Juan Cancelo, ademais de Foto Blanco