No verán de 1924 a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson chegou a Galicia por primeira vez. O Concello de Santiago conmemora o centenario destas viaxes co itinerario Ruth e o Leviatán
O 29 de xullo de 1924 a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson chegou a Galicia por primeira vez, nunha viaxe dun mes que a levou tamén a Asturias. Un ano máis tarde regresou a Galicia e durante tres meses percorreu o noso país e mais León. Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais e na segunda viaxe tomou unhas 2.800 imaxes, centrando a súa ollada no mundo rural e os oficios tradicionais, máis non só, pois tamén fixo fotografías nas cidades, como A Coruña ou Santiago.
Para conmemorar o centenario da chegada de Anderson a Galicia o Concello de Santiago promove o itinerario Ruth e o Leviatán, un percorrido polos espazos da cidade que retratou a fotógrafa estadounidense e que foi deseñado pola cooperativa Maos Innovación Social. A iniciativa, que conta coa colaboración de The Hispanic Society of America, permitirá descubrir imaxes inéditas da fotógrafa norteamericana.
Do 26 ao 28 de setembro, catro rutas guiadas seguirán os seus pasos pola cidade de Compostela, que visitou en cinco ocasións entre 1924 e 1926
Do 26 ao 28 de setembro, catro rutas guiadas seguirán os seus pasos pola cidade de Compostela, que visitou en cinco ocasións entre 1924 e 1926. A iniciativa inclúese entre as propostas que o Concello desenvolve ao abeiro do programa Patrimonio C, co gallo de pór en valor o patrimonio cultural inmaterial da cidade e dar a coñecer entre a veciñanza figuras e proxectos capitais na construción da súa memoria histórica.
A primeira sesión do itinerario desenvolverase ás 19 horas do xoves 26 de setembro, o día no que se fan exactamente cen anos da súa primeira visita á cidade. As seguintes serán o venres 27, no mesmo horario, e sábado 28, en dúas quendas: ás 11.30 e ás 17.00 horas. A participación en cada un dos grupos é de balde, está limitada a 30 persoas e para asistir será preciso inscribirse a través da web posta en marcha para o evento.
O percorrido, de dúas horas e unha ducia de paradas, amosa fotografías inéditas e inclúe anécdotas e reflexións de Anderson sobre as súas experiencias en Galicia
A praza de Fuenterrabía, as do Toural e Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, a rúa de Casas Reais, a praza da Quintana, o pazo de Fonseca, as rúas do Franco e Entrecercas, o Colexio de San Clemente e a Alameda, conforman as 12 paradas deste percorrido de preto de dúas horas tras os pasos da fotógrafa.
O paseo incluirá anécdotas e reflexións que Anderson compartiu no volume Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna e doutras extractadas do diario do seu pai. O mesmo título do itinerario, Ruth e o Leviatán deriva dos apuntamentos da autora sobre o contexto persoal da viaxe, pois Leviatán é o nome co que Anderson bautiza unha das pesadas cámaras que trae a Galicia.
Ademais, o percorrido poderá realizarse tamén de xeito autoguiado a través das narracións, dispoñibles tanto en audio como en texto e tanto en galego como en inglés, na páxina, onde xa se poden atopar 41 fotografías e moitos detalles da viaxe. As distintas paradas da ruta contarán con pequenos sinais situados no chan para marcar o percorrido e dar acceso a través dun código QR á narracións dispoñibles na web.
O traballo de Anderson é "un relato visual imprescindible da Galiza, co que que retratou a complexidade social da nosa comunidade a comezos do século XX, botando por terra representacións estereotipadas do país", destacou a concelleira Míriam Louzao
Na presentación da iniciativa, a concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, salientou o traballo de Ruth Matilda Anderson: "un relato visual imprescindible da Galiza, nun caudal de instantáneas de técnica impecable e exquisita sensibilidade, co que que retratou a complexidade social da nosa comunidade a comezos do século XX, botando por terra representacións estereotipadas do país". Louzao apuntou que o paseo permitirá revisar "a fonda pegada dunha muller singular que fixo fronte tamén dende a súa persoa a múltiples prexuízos para achegarnos unha outra maneira de mirar".
Pola súa banda, Xiana Iglesias, socia da cooperativa Maos Innovación Social, sinalou que o paseo "permite aproximarse a un dos traballos de fotografía documental máis extensos e exhaustivos que se fixeron do noso país e á muller que o fixo posible".