O documental 'As mulleres co mundo na cabeza', dirixido por Encarna Otero no marco dun proxecto de arquivo máis amplo impulsado polo Consello da Cultura Galega, estréase en Carnota en homenaxe ás portadoras que atravesaban o monte Pindo
“Hai dúas imaxes que serven de inspiración para o documental As mulleres co mundo na cabeza. Unha delas é a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo onde se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos e outra é unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo”. Así explica o Consello da Cultura Galega (CCG) o contido simbólico do documental dirixido por Encarna Otero que este martes, ás 19.00 horas, se presenta na Casa do Concello de Carnota.
As mulleres co mundo na cabeza e produto dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do CCG. Unha historia tecida cos testemuños de Olimpia Oreiro, Marisa Vázquez e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a “todas esas mulleres que durante anos levaban o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente”. “Con eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias”, sinala o CCG.
O proxecto pretende rexistrar “as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual”
O documental é o material editado para a súa proxección dun traballo de arquivo máis amplo que naceu, salienta o Consello, para rexistrar “as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual”. Ese proxecto, “Memorias de vida en vivo”, está a ser desenvolvido polo grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui. O documental que se presenta este martes en Carnota é a segunda achega, que se suma á iniciativa promovida en 2014 cando se recolleu o testemuño das mulleres que vivían arredor da mina de volframio de Fontao, en Vila de Cruces.