O filme que virou en "símbolo de loita antifascista" chega a Galicia impulsado polo boca a boca

Fotograma de 'La invasió dels bàrbars' ©

La invasió dels bàrbars, do director e guionista Vicent Monsonís, é unha película valenciana, filmada e proxectada en catalán, que aborda a memoria histórica "cunha mirada directa, realista e crúa, sen concesións nin artificios". Pódese ver esta semana en Vigo e Santiago

La invasió dels bàrbars (A invasión dos bárbaros) é un dos fenómenos cinematográficos do ano. A película valenciana, do director e guionista Vicent Monsonís e filmada orixinalmente en catalán, estreouse o pasado 6 de novembro nunhas poucas salas no País Valenciá e en Catalunya e pouco a pouco, grazas ao boca-a-boca, a película foi gañando sona e sumando salas e espectadores. Sen unha distribución comercial convencional, o filme foi impulsado mediante un proceso de auto-distribución.

Dende a súa estrea, cunha media de catro copias en exhibición ao mesmo tiempo, superou os 40.000 espectadores nestes territorios, mantívose durante semanas no top ten de películas españolas máis vistas e entre as tres primeiras en ratio de espectadores por copia.

Despois do seu éxito nos países cataláns, en marzo chegou a alguhas salas de Madrid e a pasada semana a Galicia, sempre en versión orixinal, con proxeccións en Vigo e Compostela. Esta semana continúa nos Multicines Norte de Vigo (martes, mércores e xoves ás 22 horas) e nos (luns, martes, mércores e xoves ás 22 horas).

Estreouse o pasado 6 de novembro nunhas poucas salas no País Valenciá e en Catalunya e pouco a pouco, grazas ao boca-a-boca, a película foi gañando sona e sumando espectadores

A película, que é a adaptación cinematográfica dunha obra teatral de Chema Cardeña estreada en 2020, aborda a memoria histórica da Guerra Civil e a ditadura franquista en dous tempos: en 1939, Esperanza, unha moza conservadora do Museo do Prado é interrogada pola desaparición dun cadro que un coronel quere incautar; 80 anos despois, a súa neta Aurora busca os seus restos nunha das foxas comúns do franquismo,

La invasió dels bàrbars  aborda a memoria histórica "cunha mirada directa, realista e crúa, sen concesións nin artificios", sinalan os seus responsables, que destacan que "o seu enfoque honesto e comprometido conectou co público até convertela nun auténtico símbolo de loita antifascista". 

A película atraeu tamén a atención dos educadores, "que xa a están a utilizar como instrumento pedagóxico para tratar a memoria democrática"

A película atraeu tamén a atención dos educadores, "que xa a están a utilizar como instrumento pedagóxico para tratar a memoria democrática e desmontar os bulos sobre a suposta bondade do franquismo que invaden as redes sociais". De feito, máis de 15.000 estudantes de secundaria e bacharelato pasaron por sesións especiais e, de igual xeito, un Caderno Didáctico encargado polo Ministerio de Memoria Democrática axuda os ensinantes na súa tarefa.

Como destacou Ricard Chulià en Público, o filme "poderíase interpretar, de feito, como unha impugnación radical e á totalidade da chamada Lei de Concordia con que PP e Vox derrogaron a lei de memoria histórica do anterior goberno progresista valenciano e que pon en perigo o traballo das entidades memorialistas"

Cartel do filme 'La invasió dels bàrbars' ©

"A estrea en Galicia supón un novo impulso para unha obra que continúa crecendo grazas ao apoio do público"

"A estrea en Galicia supón un novo impulso para unha obra que continúa crecendo grazas ao apoio do público, consolidándose como un exemplo de cinema independente que desafía as dinámicas tradicionais da industria", destacan os responsables do filme.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.