Adeus ao neno que puxo rostro ao drama da emigración galega

A fotografía de Manuel Ferrol na que aparece Juan Jesús Calo co seu pai, nunha imaxe dunha exposición organizada pola Fundación Foto Colectania, en Barcelona © Fundación Foto Colectania

Juan Jesús  Calo foi, xunto ao seu pai, o protagonista da icónica fotografía tomada por Manuel Ferrol no porto da Coruña en 1957, onde foran despedir familiares que marchaban á Arxentina

O 27 e novembro de 1957 o fotógrafo Manuel Ferrol realizou no porto da Coruña a súa reportaxe Emigración. Alí retratou as persoas que se dispuñan a a emigrar á Arxentina ao bordo do buque Juan de Garay e tamén ás familias que as despedían.

Unha desas despedidas retratadas por Manuel Ferrol virou en icona. Na fotografía titulada O pai e o fillo un home chora con gran dor a marcha dos seus familiares mentres, coa man dereita, tenta transmitir a un neno o consolo que non ten para si. O pai era Manuel Ángel Calo e o neno que chora, o seu fillo Juan Jesús, que vén de falecer aos 75 anos de idade en Fisterra.

A fotografía de Manuel Ferrol virou en icona -na imaxe, representada durante unha protesta laboral en 2018- Dominio Público Alternativas na Xustiza - CUT

Medios como Radio Nordés ou Que pasa na Costa confirmaban este pasado domingo a noticia do pasamento do coñecido como Chanquete, quen dedicou a súa vida ao traballo no mar. As súas bágoas pola emigración non puideron ser vistas en público ata os anos 80: a ditadura encargouse de que as fotografías de Manuel Ferrol non visen a luz.

O pasamento do neno da icónica fotografía de Manuel Ferrol prodúcese vinte e un anos despois da morte do propio fotógrafo da emigración. Juan Jesús Calo é despedido este 10 de xuño (16h30) nun funeral na parroquia fisterrá de Santa María das Areas. Deixa muller, tres fillos e tres irmáns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.