Marcinelle en galego, Os Centauriños

Os Centauriños Dominio Público Praza Pública

Eduardo Maroño descóbrenos no blog Quadriños a obra do historietista belga Pierre Seron, do que se publicaron tres volumes en galego a través de Xerais.

Malia levar case cincuenta anos en activo e gozar dunha popularidade notable no mercado francófono, o historietista belga Pierre Seron non é moi coñecido entre nós. Nacido en 1942, Seron foi axudante de artistas coma Dino Attanasio, Mittéï ou Maurice Maréchal antes de debutar cunha cabeceira de seu na revista Spirou. Sería no ano 1967 e faríao co que, cos anos, se convertería no seu título máis celebrado, Les petits hommes, serie da que asinaría ata corenta e cinco álbums ata 2011, ano da súa derradeira aventura. Neste tempo promovería tamén outras series, como La famille Foal (posteriormente reeditada como La famille Martin), Les Centaures ou, máis recentemente, a versión pícara das súas creacións máis populares, Les petits femmes.

Chama a atención que un título tan consolidado no mercado franco-belga coma Les petits hommes non merecese mellor fortuna editorial en España que a publicación seriada dalgunhas aventuras nas revistas Spirou Ardilla e Fuera Borda nos anos 80 e un solitario álbum a principios dos 90. Sorprendentemente, tivo algo máis de sorte Les Centaures, unha obra que ocupa unha posición secundaria na produción do autor. Tras uns anos traballando para Pif-Gadget, outra revista clásica do tebeo franco-belga, Seron regresaría a Spirou en 1978, estreando unha nova cabeceira que levaría inicialmente o nome dos protagonistas, Aurore et Ulysse, e que posteriormente sería reeditada como Les Centaures. Nela contaría a historia de dous centauros, Ulises e Aurora, que son expulsados do Olimpo por desobedeceren as ordes dos deuses e que deben vagar pola terra ata atopar a porta que os devolva ao seu fogar. Seron produciría seis álbums desta serie que pecharía en 1989 cun crossover co seu título estrela, Les petits hommes.

Entre 1991 e 1992, Xerais publicou en galego os tres primeiros álbums da cabeceira baixo o título de Os Centauriños, correndo a tradución a cargo de Moncha Fuentes Arias

Entre 1991 e 1992, Xerais publicou en galego os tres primeiros álbums da cabeceira baixo o título de Os Centauriños, correndo a tradución a cargo de Moncha Fuentes Arias e constando como director da colección o editor e crítico catalán Antoni Guiral, responsable tamén da edición destes mesmos álbums en castelán, baixo o selo de Anaya, e catalán, pola editorial Barcanova. Desta volta, ao contrario do acontecido cando nos referiamos á edición de Bieito Fendeferro, a publicación si foi de álbums consecutivos e seguindo a cronoloxía orixinal. O primeiro álbum, A porta a ningures, contén dúas historias. A primeira, que dá título ao álbum, foi a aventura inaugural da cabeceira, unha historia de 12 páxinas que apenas serve para presentar os personaxes e expoñer a premisa argumental do título. A segunda, A estrela do Norte, escrita por Stephen Desberg, sitúa os personaxes na guerra de secesión norteamericana, onde participan nunha incursión do bando unionista. O segundo álbum, titulado O lobo de dúas cabezas, traslada a acción á Francia medieval, onde os centauriños axudan aos habitantes dunha bisbarra a se desfaceren do tirano que os ten sometidos. Escrito e debuxado por Seron, probablemente sexa o mellor dos tres volumes editados en galego. E finalmente, o terceiro tomo, A Odisea, relata unha longa viaxe dos protagonistas pola Grecia antiga inspirada no célebre poema homérico.

As páxinas de Seron en Os Centauriños presentan claras semellanzas co grafismo doutras figuras relevantes da mesma liña: a caracterización facial do personaxe de Ulises lembra aos Pitufos de Peyo

Seguindo unha fórmula moi popular no seu tempo, Seron concibiu Os Centauriños coma unha equilibrada mestura de humor e aventura, ben sustentada nun desenvolvemento gráfico tan eficaz coma atractivo. Sen embargo, sendo o seu un labor profesional e consistente, carecía da pinga de lucidez que marca a diferenza entre un produto correcto e outro brillante. Algo faltaba na premisa argumental, na caracterización dos protagonistas ou no desenvolvemento das súas aventuras, para acadar o nivel de excelencia dos títulos máis populares do seu tempo ou mesmo da súa propia produción. O sexto e derradeiro álbum da serie sairía en 1989.

A falta de editores interesados en traducir a edición integral de Les petits hommes de Dupuis, trátase dunha das escasas oportunidades de coñecer directamente o traballo dun autor cuxa difusión entre nós non está moi por debaixo do interese da súa obra

Sendo isto así, é probable que o maior interese da serie, especialmente dende unha perspectiva actual, resida no debuxo,que ofrece unha boa mostra da unidade de estilo dos autores da Escola de Marcinelle. As páxinas de Seron en Os Centauriños presentan claras semellanzas co grafismo doutras figuras relevantes da mesma liña: a caracterización facial do personaxe de Ulises lembra aos Pitufos de Peyo, as súas figuras femininas gozan da voluptuosidade das de Walthéry e o conxunto do seu grafismo, moi dinámico e de trazo nervioso, revela unha clara influenza do mestre Franquin. Podemos dicir, ademais, que o seu labor contribuíu a perpetuar a proposta visual do grupo, constituíndose en referencia para artistas máis novos coma Janry ou Didier Conrad.

Xa que logo, paga a pena achegarse aínda hoxe a estes álbums. A falta de editores interesados en traducir a edición integral de Les petits hommes de Dupuis, trátase dunha das escasas oportunidades de coñecer directamente o traballo dun autor cuxa difusión entre nós non está moi por debaixo do interese da súa obra.

Os Centauriños Dominio Público Praza Pública
Os Centauriños Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.