Marful pechan a súa xira rodeados de vacas

Marful, na Fábrica de Sargadelos, en Cervo © Marful

Marful pechan a súa Xira Surreal en Monterroso este domingo, na feira. E coma nos anteriores concertos, a actuación terá lugar nun espazo singular, único, que dotará dun novo sentido aos temas da formación. Será na Granxa Maruxa, onde os e as asistentes tamén poderán gozar dunha merenda a base de queixos, pan, galletas e licores, e onde tamén poderán ver a escultura de Jorge López e visitar a exposición do Almanaque Agrícola de Pablo Giráldez, O Pastor.

De 16 a 17:30 terán lugar as visitas á singular granxa, para quen a queira coñecer. De 17:30 a 19 a protagonista será a música de Marful. E das 19 en diante serán o tempo da merenda. Desta vez, o aforo é ilimitado, e as entradas pódense adquirir a un prezo de 15 euros. 

A Granxa Maruxa, dedicada á produción de leite ecolóxico, acadou recentemente o premio Alimentos de España, que concede o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e en outubro do pasado ano xa recibira o de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais.

Marful pon fin a unha xira que os levou a unha serie de escenarios únicos en toda Galicia, e na que quixeron combinar a música, cos atractivos visuais dos diferentes espazos e con elementos gastronómicos identificativos de cada espazo. Asi, Marful levaron á sua música ao mosteiro de Carboeiro, ao Museo do Mar de Vigo, aos muíños de marea de Muros, á fábrica de Sargadelos en Cervo, á Casa de Curros en Celanova, á Fundación Vicente Risco en Allariz, ao castelo de Sobroso en Ponteareas ou a unha vella fábrica de conservas na Illa de Arousa. Todos escenarios pequenos, que favorecían a realización de concertos íntimos e privados. 

© Granxa Maruxa
Marful, na Fábrica de Sargadelos, en Cervo © Marful

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.