María Xosé Queizán e a palabra como arma

Portada da revista no seu 30 aniversario, en 2013 ©

En maio de 1983 nacía en Vigo a Festa da Palabra Silenciada, revista anual editada por Feministas Independentes Galegas (FIGA) e dirixida por María Xosé Queizán, que nese número cero compartía a coordinacion con Isabel Mouriz. Naquel primeiro exemplar colaboraban sinaturas de Teresa Barro, Margarita Ledo, María Xosé Porteiro, Camiño Noia, Carmen Blanco, Natalia Lamas ou María Cristina Hermo.

O Ateneo Atlántico de Vigo acolle este martes unha sesión dedicada á revista, que serve como homenaxe a María Xosé Queizán

A revista buscaba "sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento". O seu contido foise ampliando, reflectindo, por un lado, unha panorámica do pensamento feminista sobre moi diversos aspectos da realidade, e por outro, explorando desde unha óptica aberta e crítica a literatura galega, incidindo na autoría feminina. Ata o ano 1998 foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico.

Introducidas por Ana Gandón, na mesa de debate intervirán Paula Mariño, Camino Noia e Mónica Bar

36 anos despois da publicación do primeiro número da Festa da Palabra Silenciada, o Ateneo Atlántico de Vigo acolle este martes ás 19.30 horas na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (García Barbón, 5) unha sesión dedicada á revista, que serve tamén para continuar as homenaxes que se lle están dedicando a María Xosé Queizán. A sesión, que será introducida por Ana Gandón, consistirá nunha mesa de debate na que intervirán Paula Mariño, Camino Noia e Mónica Bar.

En actos anteriores a propia Queizán falou sobre Mary Shelley e o seu Frankenstein, conversou con Inma López Silva sobre o transcorrer da vida e a memoria. E, igualmente, analizouse o seu traballo no feminismo no acto María Xosé Queizán, feminista destemida.

María Xosé Queizán © Xerais

A revista buscaba "sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento"

"A palabra e a escrita foron dende sempre elementos de poder, úteis de marxinación. O don da palabra foi utilizado como arma diferencial e a voz das mulleres foi negada e silenciada ao longo dunha historia masculina", escribía a propia María Xosé Queizán na introdución do número cero da revista. En efecto, nas tres décadas seguintes, A Festa da Palabra Silenciada teimou en servir de altofalante a varios centos de colaboradoras e para visibilizar a creación feminina, tanto a contemporánea como a de xeracións anteriores e que estaba fóra do canon.

Houbo números especiais dedicados a figuras destacadas da literatura galega e do feminismo, dende Rosalía de Castro, que protagonizou o segundo número, en 1985, a Xohana Torres, Emilia Pardo Bazán, Pura e Dora Vázquez ou Simone de Beauvoir. "Temos a obriga de dar a nosa visión de Rosalía; de denunciar a manipulación de que foi obxecto ao longo dos anos: a Santiña, a Sofrida, a Folclórica, a Nai... Negamos enerxicamente esa imaxe amañada, mansa e melosa, que se lle ten atribuído e reivindicamos á Rosalía coraxosa que pensa e sente como muller, que reacciona con dureza ante as aldraxes”, escribía María Xosé Queizán en 1985.

Houbo números dedicados a figuras destacadas da literatura galega e do feminismo e tamén á arquitectura, á pintura ou á ciencia

Os números dedicados a Francisca Herrera Garrido (nº 3, en 1986) ou María Mariño (nº 13, en 1997) anticipáronse e serviron de pulo á súa escolla para o Día das Letras Galegas. Houbo ademais números dedicados á arquitectura e o urbanismo, á pintura e ás artes plásticas ou á investigación e á ciencia, sempre dende unha perspectiva feminista. A edición correu a cargo do grupo FIGA, que financiou a revista ata o nº 9, momento en que a publicación comezou a recibir unha axuda económica do Concello de Vigo.

A voz de "moitas mulleres que ata ese momento non eran visibles”

"Era a única revista que nese momento se atrevía a publicar arte de mulleres, artigos de mulleres, a mulleres científicas e investigadoras..."

“A revista foi moi importante neses anos 80, foi moi rompedora. Era a única revista que nese momento se atrevía a publicar arte de mulleres, artigos de mulleres, a mulleres científicas e investigadoras..., dándolles voz a moitas mulleres que ata ese momento non eran visibles”, conta Paula Mariño, que subliña que "agora estamos tendo o debate e a reivindicación de que ten que haber máis obras de mulleres nos museos, como Clara Peeters ou Artemisa Gentileschi, pero é que nos anos 80 estas artistas nin se coñecían".

Mariño destaca "o fundamental" da relación e o diálogo entre as distintas xeracións e salienta que "A Festa da Palabra sempre se concibiu cun punto de vista centrado no presente, pero ollando cara o pasado e cara ao futuro. A revista nunca foi estática, sempre tivo moitísimo movemento, unha revista que a partir da igualdade trataba moitos temas: artísticos, científicos, literarios, sociais..."

Portada do número dous da 'Festa da Palabra Silenciada' (1985) ©

"Disque esta participación de María Xosé Queizán na Festa da Palabra, e á marxe de toda a súa produción literaria e ensaística, é suficiente en si mesma para a súa entrada pola porta máis grande na Historia da cultura galega", destaca o Ateneo Atlántico na convocatoria do acto deste martes. Paula Mariño concorda: "É unha persoa clave, non só no feminismo, senón en toda a cultura galega". 

"María Xosé, axudada por mulleres marabillosas, xogou un papel fundamental na Festa da Palabra. Era a alma da revista, era quen tiraba de todo o mundo"

"María Xosé, axudada por mulleres marabillosas, xogou un papel fundamental na Festa da Palabra. Era a alma da revista, era quen tiraba de todo o mundo. É destas persoas que te empurra a traballar máis, que te anima", recoñece Paula Mariño, que subliña que Queizán "sempre foi unha muller moi curiosa, unha investigadora radical, que se interesaba e sabía moito de literatura, pero tamén de arte, de ciencia ou de historia". 

E remata poñendo en valor o traballo realizado pola Festa da Palabra para "abrir camiño", pero sinalando as tarefas pendentes ás que se enfronta o movemento feminista: "Avanzouse moito, pero aínda faltan moitas cousas por cambiar. Queda moito por facer, mentres que a lei non defenda de verdade ás mulleres, mentres non haxa unha auténtica educación en igualdade".

"Desexamos unha cultura que nos abra novos menceres, que nos permita desenvolver a propia creatividade, que nos facilite a identidade e o coñecemento de nós mesmas, que nos axude a saír da alienación secular, que nos libere do autoodio e da marxinación, que recompoña o noso pasado omitido e afogado", escribía María Xosé Queizán en 1983 nesa introdución ao número cero da revista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.