'María y los Demás' e 'Dalia, a Modista' encabezan as nominacións do Mestre Mateo

María Vázquez e Federico Pérez anunciaron as nominacións este martes en Compostela © AGA

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este martes en Compostela as obras e artistas nomeados para a decimoquinta edición dos premios Mestre Mateo. A longametraxe María y los Demás (Nely Reguera) obtivo o maior número de nominacións (13), entre elas as de Mellor Longametraxe, Interpretación feminina protagonista, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Guión. A segunda produción que opta a máis galardóns é a serie de televisión Dalía, a Modista, con 12, entre elas as de Mellor serie de televisión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Dirección de fotografía. Por número de candidaturas tamén destacan a serie de televisión Serramoura e a longametraxe Cen Anos de Perdón, con oito nominacións cada unha. Cómpre salientar, igualmente os casos de Mimosas (5 candidaturas sen categorías actorais) e Esquece Monelos (4, un número moi alto para un documental)

María y los Demás, Cen Anos de Perdón, Migas de Pan e Mimosas optan ao galardón á mellor longametraxe

María y los Demás competirá con Cen Anos de Perdón, Migas de Pan e Mimosas polo premio á mellor película. Polo premio á mellor dirección son finalistas Nely Reguera (María y los Demás), Daniel Calparsoro (Cen Anos de Perdón), Giselle Llanio (Dalia, A Modista) e Oliver Laxe (Mimosas). E polo galardón ao mellor guión os candidatos e candidatas serán Jorge Guerricaechevarría (Cen Anos de Perdón), Manane Rodríguez, Xavier Bermúdez (Migas de Pan), Nely Reguera, Diego Ameixeiras, Eduard Sola, Valentina Viso, Roger Sogues (María y los Demás) e Oliver Laxe, Santiago Fillol (Mimosas).

Os resultados daranse a coñecer na Gala dos premios Mestre Mateo que se celebrará o 4 de marzo no Palexco da Coruña

En canto aos mellores documentais, as nominacións foron para A Seara, Esquece Monelos, Manuel María. Paixón de Palabra e Terra e Pelegrinaxes. As curtametraxes finalistas son As Vacas de Wisconsin, Einstein-Rosen, Lurna e Quinta Provincia. Actividade Cinexética, Cartas a Superman, Decorado e The Magic Oven son as curtametraxes de animación candidatas. E, finalmente, as webseries nominadas son Dalle Jas!, A Viaxe (The Trip), Galicia Crime e Mamá pon la Webcam.

Podes ver aquí a listaxe completa de nominacións por categorías e aquí as candidaturas de cada produción. Os membros da AGA iniciarán agora unha segunda rolda de votacións para elixir os gañadores e gañadoras en cada unhas das 25 categorías. Os resultados daranse a coñecer na Gala dos premios Mestre Mateo que se celebrará o 4 de marzo no Palexco da Coruña.

 

María Vázquez e Federico Pérez anunciaron as nominacións este martes en Compostela © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.