Mariña Pérez Rei gaña o premio para artigos normalizadores do Concello de Carballo

Dominio Público Concello de Carballo

O xurado do IX Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo vén de anunciar que o texto gañador do certame foi O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei. O artigo foi escollido entre os 46 traballos presentados e obtén un premio de 1.000 euros e a súa publicación nunha ducia de medios, entre eles Praza Pública. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese "á súa capacidade de incidencia en públicos amplos e variados, á súa calidade lingüística e estilística, á súa relación coa actualidade, ao manexo axeitado de recursos estilísticos e ao encadramento nun tema de actualidade, o despoxo de Aurelia Rei como metáfora e moito máis, que amplía o campo de incidencia do artigo a outros públicos alén dos estritamente interesados no debate sociolingüístico".

Mariña Pérez Rei (Ames, 1966) é escritora e profesora. Como escritora ten publicados poemarios como Fanerógama (2006), Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante (2009) ou Paquidermo (2010). En narrativa é autora de obras como Canícula (2007), Costa necrópole (2010) ou Contrapicados (2012). Gañou premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lureiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Como profesora exerce no instituto de Brión.

O vindeiro 19 de maio o artigo será publicado en De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás da Costa, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. Nas oito edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón.

Dominio Público Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.